A escultura de Floreano, o popular personaxe de Gogue, no Grove (Pontevedra) ten desde hoxe unha extensión en Cambados coa inauguración doutra peza escultórica que reproduce a súa dona, Monchiña. A nova escultura tamén obra de Lucas Míguez (Olimpio Javier Míguez Mosquera), o artista que xa fixera a de Gogue. Ao acto de inauguración asistiron tanto Míguez e Gogue como os alcaldes de Cambados e O Grove, Samuel Lago e José Cacabelos, respectivamente.
A escultura de Monchiña, representada cun rolo de
amasar en posición ameazante –sen dúbida, nun aceno dirixido ao seu home
Floreano– ubícase no Paseo da Calzada, fronte ao Parador. Está esculpida
en bronce, mide 1,80 metros de altura e pesa 200
quilos.
A obra foi financiada a través da Mancomunidade do Salnés,
con fondos Next Generation, e pretende establecer unha promoción cruzada
entre Cambados e O Grove que leve un fluxo de visitantes dun concello ao outro, consolidando O Salnés como unha comarca de referencia en
Pontevedra, Galicia e mesmo o norte de España, segundo destacaron os dous
alcaldes.
A escultura de Floreano no Grove érguese na Praza de Arriba,
en fronte da casa natal de Gogue. O personaxe aparece reproducido sentado á
unha das mesas da súa taberna preferida, a de Epi, cunha cunca de viño.
Gogue, nome artístico de José Ángel Rodríguez López, leva
debuxando acotío a Floreano, Monchiña e os outros personaxes da serie en “Faro
de Vigo” desde o 9 de novembro de 1989, hai xa 33 anos. Trátase, sen dúbida,
dunha das viñetas máis lonxevas do humor gráfico non só galego, senón español
en xeral.
Floreano e Monchiña non son os únicos personaxes do humor
gráfico galego que teñen unha escultura de seu. O Carrabouxo, a popular
creación de Xosé Lois, que se vén publicando en “La Región” desde o 9 de
decembro de 1982 –vai facer agora 40 anos– ten tamén a súa no Parque de San
Lázaro de Ourense desde 2002. A peza foi feita en bronce por César Lombera e
mide máis de dous metros.
O Carrabouxo está tamén reproducido en cartón pedra no Museo
de Humor de Fene (A Coruña), onde comparte espazo con outra reprodución de
Gaspariño, o popular personaxe de Xaquín Marín, fundador do museo, e cunha máis
do propio humorista ferrolán.
Os alcaldes de Cambados e O Grove con Gogue e Lucas Míguez a carón da escultura de Monchiña (fotografía tomada de Canal Rías Baixas). |
Ningún comentario:
Publicar un comentario