Floreano, o mítico personaxe de humor gráfico creado por Gogue en Faro de Vigo en 1989 (o pasado decembro cumpriu 34 anos), vén de dar o salto á animación cunha serie de curtas. Mais en 2015 xa protagonizara outra abraiante tranformación ao se converter en obxecto (e suxeito) dunha canción, "O Floreano", o primeiro tema propio do grupo Onte e Hoxe. A formación nacera pouco antes coa intención de facer versións de cancións galegas famosas, nomeadamente das décadas de 1960 e 1970.
Recollo a peza agora porque ata uns meses non sabía da súa existencia. Velaquí déixovos o videoclip e tamén a letra:
O Floreano, naceu no Grove,
cubre a cabeza sempre con gorra,
o seu pai din que é o Gogue
á estatua fotos fan os de fora.
Está casado e bebedor,
come navallas e zamburiñas,
pide consello a “monseñor”
e á muller chámalle “Chiña”.
Non é moi alto nin é fermoso,
non viste traxe nin nada caro
e sen embargo é moi famoso,
todos os días sae no “Faro”.
Gústalle o viño de calquer cor,
tanto o branco coma o clarete,
pero si é tinto moito mellor
e si é Barrantes... bota foguetes!
Vai de furanchos todos os días,
voan as moscas na súa taza,
fala da xente e das súas vidas,
cala si entra unha rapaza.
As mulleres tráeno tolo,
vanlle as loiras e as morenas,
a súa “Chiña” coa man no “rolo”
ao chegar dille: pasa que cenas!
Pouco a pouco pasou o tempo
bebendo cuncas de seis en seis,
si está con mozas anda contento
e xa este ano fai vinteseis!!