“Guau Guau!”, a sección de humor gráfico da revista “Tempos Novos”, publicouse pola que semella ser a súa derradeira vez no pasado mes de abril. A sección, que ocupaba dúas páxinas e tiña catro viñetas en branco e negro –dúas por páxina–, asinadas ultimamente por Pepe Carreiro, Xaquín Marín, Tokio e Lola, foi substituída desde xuño –porque en maio a revista non publicou nada de humor gráfico– por unha soa viñeta en branco e negro a páxina completa asinada por Pepe Carreiro.
A desaparición de “Guau Guau!” non é banal, pois, malia que
o humor gráfico nunha revista mensual como é “Tempos Novos” non ten nunca a visibilidade
que posúe na prensa diaria, a sección viña publicándose arreo desde decembro de
2006; é dicir, tivo unha duración de 15 anos e medio, o que é todo un récord na
prensa galega e española en xeral.
Cómpre aclarar antes de seguir que “Tempos Novos”, que leva
como lenda a de “revista mensual de información para o debate”, é editada en
Santiago de Compostela desde abril de 1997 por Atlántica de Información e
Comunicación de Galicia, S. A. O seu fundador e director é Luís Álvarez Pousa.
“Guau Guau!” era coordinada por Pepe Carreiro e, ao longo
destes tres lustros de vida, tivo como colaboradores, ademais de ao propio
Carreiro, a Xaquín Marín, Tokio, Lola, Xosé Lois –desde o inicio ata decembro
de 2009–, Abraham Carreiro –fillo de Pepe Carreiro–, Sex (María Xosé Mosquera)
e o finado Nachortas.
A sección mantiña o costume de denominar as publicacións de humor gráfico co nome dun animal ou algo correspondente a el, neste caso a onomatopea da acción de ladrar. Lémbrese que outros xornais ou revistas de humor editados nos últimos tempos en Galicia levaban por título "Can sen Dono", "Xo!" –subtitulada "A voz que para as bestas"–, "Sapoconcho" ou "Xatentendo.com". "Xatentendo" é unha das moitas maneiras que existen en Galicia de chamar coloquialmente o raposo. E quen non se acorda de "La Codorniz" ou "Hermano Lobo".
No “staff” de “Tempos Novos” continúa aparecendo a
referencia a “Guau Guau!”, citándose no seu último número –o deste mes de
novembro– como colaboradores a Pepe Carreiro, Tokio e Lola, mais semella un
despiste da revista. O propio Pepe Carreiro manifestou a este blog a súa
impresión de que a desaparición da sección é definitiva.
Penúltima entrega de "Guau Guau!", "Tempos Novos", marzo de 2022. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario