A praza do Humor da Coruña estreou oficialmente o seu novo deseño o mércores 22 de febreiro, coa presenza de máis personaxes vinculados co mundo do humor. Peridis, Martes e Trece, Woody Allen, Andreu Buenafuente, Carmen Rico Godoy, Gila, Luís Piedrahita, Conchita Montes, Pedro Brandariz, Luis García Berlanga e Rafael Azcona, Tip e Coll, Rosa María Sardá e Ramón Gómez de la Serna son as novas ilustracións dun espazo destas características “único no mundo”, segundo lembrou Siro López, e inaugurado por primeira vez en 1990. O escritor e debuxante de La Voz de Galicia encargouse do deseño orixinal da praza e de novo foi o responsable das novas incorporacións. De plasmar sobre o pavimento os debuxos de Siro encargouse o escultor Mico Rabuñal, que tamén estivo presente no acto, así como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Siro agradeceu a actuación impulsada polo goberno local para
recuperar “unha praza que foi esquecida durante anos”. Ata que se prohibiu en
2008, este recinto foi un dos lugares máis populares para a práctica do
botellón, cos prexuízos que provocaba aos veciños e á propia praza. Ademais de
engadir as novas ilustracións, reparáronse as que xa había anteriormente, que
se atopaban bastante deterioradas. A actuación tamén incluíu a recuperación da
figura do Gatipedro –o imaxinario personaxe de Cunqueiro–, sometida a unha limpeza integral, así como a restauración
dos bancos-esculturas de Castelao e do propio Cunqueiro e o busto de Vicente
Risco, ademais das 472 lousas de firme marmóreo que ocupan os 384 metros
cadrados de superficie da praza.
A inauguración oficial da praza realizouse o día en que se
cumpriu un ano do pasamento do humorista Pedro Brandariz. Así, rendéuselle
homenaxe xunto á súa ilustración e estiveron presentes amigos, compañeiros de
profesión e familiares, entre eles os seus pais, que recibiron emocionados o
debuxo orixinal da silueta reflectida no pavimento da praza.
--
Con información de La
Voz de Galicia