A Revista Portuguesa de Historia
da Comunicação, unha publicación dixital do Grupo de Trabalho de História da
Comunicação da Associação Portuguesa de Ciências da Comunicação (Sopcom), vén
de publicar o seu número 2, de xaneiro de 2018, en que aparece un artigo meu
titulado Portugal, referente mundial do humor gráfico internacional:
PortoCartoon World Festival e World Press Cartoon (pp. 62-75). Efectviamente,
PortoCartoon World Festival, que se celebra no Porto desde 1999 e World Press
Cartoon, que se desenvolve nos arredores d Lisboa desde 2005, son dous dos
certames internacionais de humor gráfico máis prestixiosos do mundo. O exemplar
completo da revista pódese consultar on line en http://www.revistahc.sopcom.pt/edicao/219,
dende onde se poden descargar todos os traballos.
Déixovos aquí as conclusións do
meu artigo.
- Portugal tense convertido desde primeiros do século XXI nun dos referentes mundiais no humor gráfico internacional por mor do PortoCartoon World Festival do Porto e do World Press Cartoon de Lisboa, considerados dous dos mellores certames internacionais de humor gráfico do mundo.
- PortoCartoon World Festival é unha iniciativa da Associação Museu da Imprensa (AMI), participada polo Centro de Formação de Jornalistas (CFJ), a Associação Portuguesa das Industrias Gráficas e Transformadoras de Papel, a Associação da Imprensa Não-Diária, o Comércio do Porto, o Diário de Notícias, o Primeiro de Janeiro, o Jornal de Notícias, a Fundação Engenheiro António de Almeida e a Câmara Municipal do Porto. World Press Cartoon foi unha idea persoal do caricaturista António Antunes António que ten contado co patrocinio sucesivo (un veu sustituír outro) das Câmaras Municipais de Sintra, Cascais e Caldas da Rainha.
- PortoCartoon World Festival ten tido maior estabilidade institucional, celebrándose todos os anos desde 1999. Pola contra, World Press Cartoon, que comezou en 2005, tivo que mudar dúas veces de patrocinio e, xa que logo, de sede, e mesmo así non se puido celebrar en 2015, por falta de respaldo económico.
- Todos os anos participan en cada un dos certames máis de medio milleiro de humoristas gráficos de Asia, América e Europa, cun dominio nos dous casos de debuxantes de Irán, China, Brasil, México e os países do Leste (Serbia, Ucrania, Rumanía, Bulgaria, Croacia, Romania) e do Sur de Europa (Portugal, Grecia, Italia, España).
- Aínda que os dous certames veñen reivindicar a importancia do humor gráfico na prensa, o seu enfoque é diferente. Se cadra, World Press Cartoon prima máis o carácter xornalístico do salón. De feito, o norme xorde por imitación do World Press Photo, nado para apoiar a fotografía de prensa. As diferencias principais entre ambos os certames son cinco: 1) PortoCartoon é un salón temático; World Press Photo, non; 2) PortoCartoon non discrimina entre viñeta editorial e viñeta de humor; World Press Photo, si, tendo unha categoría específica para cada unha delas; 3) PortoCartoon só inclúe a caricatura desde XXX, cun premio especial; World Press Photo sempre tivo a caricatura como unha categoría máis, canda a viñeta editorial e viñeta de humor; 4) PortoCartoon admite traballos realizados expresamente para o evento; World Press Cartoon esixe que as viñetas fosen publicadas na prensa no ano anterior; e 5) World Press cartoon muda o xurado por completo todos los anos; en PortoCartoon é común que unha mesma persoa repita como xurado en varias edicións.