Xosé Lois González Vázquez (Ourense, 1949), máis coñecido como Xosé Lois ou o Carrabouxo, está de parabéns (ou, máis ben, somos nós os que o estamos) porque o seu popular personaxe, o que lle deu o alcume, ven de cumprir 40 anos, todo un récord no humor gráfico galego e español. O Carrabouxo publicouse por primeira vez en “La Región” de Ourense o 10 de novembro de 1982. Desde entón, Xosé Lois ten publicado máis de 14.500 viñetas co personaxe que lle ten dado sona.
Coma non podía ser doutra maneira, son varias as actividades
que se van desenvolver para celebrar este 40 aniversario. Este mesmo venres, 18
de novembro, a Federación de Escolas Católicas Concertadas de Galicia vai
homenaxear o humorista –“a min, que son non crente”, destaca este– pola súa
achega á normalización lingüística. O acto terá lugar na sede do Consello da
Cultura Galega, en Santiago de Compostela.
Ademais, a Agrupación Cultural Auriense vai facer dúas
actividades cos nenos: unha careta para o Entroido e unha interacción nos
colexios en que os cativos deberán completar con textos debuxos do Carrabouxo. Por
outro lado, están previstas dúas exposicións do personaxe: a primeira, no Pazo
da Deputación de Ourense, con 40 viñetas, unha por ano; e a segunda, polo Nadal,
na Rúa do Paseo, con debuxos en cubos xigantes, un en cada cara. Finalmente, a
editorial Galaxia quere publicar un libro recompilatorio, para o que xa se puxo
en contacto co humorista (o último libro do Carrabouxo foi “Carrabouxos
escollidos”, editado por Teófilo en 2021).
Quen tamén contactou con Xosé Lois foi este blog. O 40
aniversario do Carrabouxo esixía unha entrevista co debuxante. Velaquí está.
Corenta anos do
Carrabouxo. Podía imaxinar cando comezou a debuxalo que corenta anos despois ía
seguir publicándoo acotío?
Non, nin o éxito que tivo inicialmente. Foi unha explosión
impresionante. Levei o proxecto ao directo de “La Región” e díxome: “Gústame;
imos estar dous meses a proba”. E ao cabo dun mes dixéronme: “Hai que seguir, que
isto está pegando moitísimo”. Non o esperaba, por suposto, nin as consecuencias
colaterais que tivo de premios, homenaxes, monumentos… [O Carrabouxo ten,
efectivamente, dous monumentos: a estatua do Parque de San Lázaro de Ourense,
feita en bronce por César Lombera; e un monolito no campo da festa da aldea natal de
Xosé Lois, cunha placa conmemorativa].
Pensa seguir
publicándoo moitos anos?
Moitísimos, como 30 máis, pero seguramente non poderei. Ata que
me funcione a man e a cabeza, ou me digan: “Non queremos publícalo máis”.
Como mantén viva a
inspiración despois de 40 anos de viñetas diarias? Porque iso son más de 14.500.
Non sei se existe a inspiración. Existe un oficio, unha
maneira sistemática de traballar e unha técnica de sacar punta ás cousas. O meu
fillo pensa que se podería facer unha aplicación informática que faga chistes e
eu creo que é viable.
Vostede segue a
debuxar o Carrabouxo 40 anos despois. Gogue leva 33 anos con Floreano. Xaquín
Marín está en “La Voz de Galicia” desde hai 34. Nos humoristas gráficos na
prensa galega non houbo unha gran remuda xeracional. A que cre que se debe?
Agora hai xente que debuxa moi ben, que pasaron pola escola
de Belas Artes, coma Davila e Kiko da Silva, e fan uns chistes moi elaborados tecnicamente
e moi expresivos, non como a pouca expresividade que teño eu, que me parezo
máis a Forges. Pero non fan unha personaxe fixa. Davila ten
esa muller que roza as silvas, pero non é unha personaxe que saia todos os
días.
O primeiro Carrabouxo
semellaba menos estilizado. Como mudou esteticamente?
Si, era gordecho máis ben, aínda que co nariz afiado.
Despois foise estilizando, pero sempre tivo como características que era o máis
alto da viñeta e a gorra tapándolle os ollos. É un tío xigantesco: a súa
estatura real debe de ser a que ten a estatua de Ourense, que son 2,70 metros.
E agora as paisaxes son menos elaboradas, máis sintetizadas. E e uso bastante o
cortar e pegar, que mo podo permitir porque son miñas todas.
Ten experimentado
tamén cambios psicolóxicos?
Nin psicolóxicos nin ideolóxicos nin filosóficos. É un home
galegocéntrico, mira o mundo desde o cristal de Galiza, e esa foi a novidade de
sempre do Carrabouxo. Pero tampouco é nada anormal, porque para os galegos a
raíz máis básica da nosa visión do mundo ten que ser o noso idioma e a nosa cultura.
Se algúns non o fan así, é porque están colonizados. Iso non cambiou. Talvez
cambiase a linguaxe, porque a linguaxe ten variantes ao longo do tempo.
Falando da linguaxe,
sempre me fascinou como xoga coas palabras.
Sigo xogando coa linguaxe, aproveitando sempre que hai
algunha novidade lingüística, da tecnoloxía ou da forma de falar da xente nova,
dándolles dobres sentidos ás cousas.
E ás veces debuxa o
Carrabouxo sentado de costas. Iso tamén é rechamante.
Si, porque hai unha repetición tan exhaustiva, tan constante
do mesmo personaxe que o poño de todas as posturas, e tamén dá unha sensación do
pasotismo –que non é real, pero bueno– que ten o personaxe, da súa
excentricidade.
Sorprende, sendo
vostede un home de esquerdas, que dixese noutro día en “La Región” que sospeita
que a dereita encaixa mellor o humor que a esquerda, pero non é a única persoa
de esquerdas á que teño oído dicir isto.
Alégrome de non ser o único. Dáme esa sensación. Ou son máis
falsos ou máis sinceros, ou simplemente asimilan mellor a linguaxe do humor.
Tal vez a esquerda, ao considerarme a min de esquerdas, venme un pouco “traidorzuelo”
por meterme con eles, pero o meu campo político non é só a esquerda; tamén son
nacionalista e galegocéntrico, e iso implica uns matices máis amplos.
Non volveu debuxar a
Sabeliña des que ela deixou de aparecer en “A Nosa Terra”?
Non. Matouna o director [Afonso Eiré], e ademais utilizou
esa palabra: “Temos que matar a Sabeliña”. E morrou, aínda que como non hai
ningunha viñeta en que se vexa que morre, pode seguir cando sexa, pero tampouco
teño tempo. Xa me chega ben o Carrabouxo diario e o que fago en “Nós”.
En “Nós” fai unha
viñeta á semana, alternando con Ruth Caramés, Pepe Carreiro, Tokio e Xosé
Tomás.
Todos os personaxes son penedos, un pouco recordando que a
palabra “galego” vén de “kallaikoi”, é dicir, ‘os que habitan os penedos”. Os
pelos son musgos e as expresións da cara son rachadelas da pedra.
Xosé Lois, diante da estatua do Carrabouxo no Parque de San Lázaro de Ourense, en 2011 (fotografía de Félix Caballero). |
Ningún comentario:
Publicar un comentario