luns, 5 de decembro de 2022

Entrevista a Gogue en "Faro de Vigo"

Gogue está de actualidade estes días porque Floreano cumpre 33 anos o 9 de decembro (apareceu por primeira vez en Faro de Vigo ese mesmo día de 1989) e porque Monchiña ten unha estatua de seu en Cambados desde o 4 de novembro, que se suma que xa tiña o seu home no Grove desde 2011.

Con este motivo, o humorista do Salnés foi entrevistado a toda páxina o pasado día 1 en Faro de Vigo, no suplemento Faro da Cultura. Reproduzo deseguido a entrevista que lle fixo Lourdes Varela, da que, en calquera caso, me gustaría destacar algunas respostas:

A xente quere seguir rindo das temáticas de sempre: de viño, de contos de taberna, de igrexa, de fútbol, de anécdotas e historias cotiás. Desde que comecei (…), quixen facer sempre o mesmo humor social do día a día”.

As restriccións, a falta de liberdade para poder saír [por mor da pandemia] deron paso a que a xente lera máis os medios e sobre todo os dixitais, onde as tiras de humor foron un bálsamo contra esa etapa tan dura que nos tocou vivir”.

As ocorrencias sempre xorden, non hai un momento da miña vida profesional que non pense na tira do día ou na do día seguinte. Ese é o meu día a día”.

Na entrevista, canto ás súas colaboracións na prensa dos EEUU, Gogue lembra que na actualidade está a facer unha caricatura política mensual en Hoy en Delaware (estado situado no nordeste do país e cuxa capital é Dover), despois de colaborar durante varios anos no Washington Post.

Tamén destaca dous proxectos persoais que teñen que ver coa animación dos seus personaxes, unha teima que tiña desde sempre e que nos últimos tempos se ten feito realidade. Así, di que Paseo por Vigo con Floreano e Monchiña “presentarase próximamente” e que ademais está “cunha serie de varios capítulos sobre o selo de Floreano”. Refírese o selo que Correos editou para conmemorar o Xacobeo 2021-22. “Hai varios proxectos en marcha que se todo vai ben, axiña estarán nalgunha canle de televisión”.

Longa vida a Floreano e mais a Gogue.



venres, 18 de novembro de 2022

En marcha as obras de restauración da Praza do Humor da Coruña, que aumentará a nómina de personaxes

Avanzan a bo ritmo as obras de restauración da Praza do Humor da Coruña, un espazo único no mundo deseñado por Siro e inaugurado en 1990.

A reforma foi anunciada polo Concello coruñés o pasado mes de abril coa intención de revertir o maltrato soportado pola praza como consecuencia do paso do tempo e da acción dos gamberros, malia a prohibición do botellón no recinto en 2008.

O recinto, de 384 metros cuadrados, ten un pavimento artístico de 472 baldosas de mármore branco sobre as que están debuxadas as siluetas dunha chea de representantes do mundo do humor nas súas máis variadas manifestacións: Cervantes, Groucho Marx, Cantinflas, a Pantera Rosa, Astérix e Obélix, Mortadelo e Filemón, Carpanta, Mafalda, Carlos e Snoopy. A elas súmanse as estatuas sedentes de Alfonso Rodríguez Castelao e Álvaro Cunqueiro, e os bustos de Vicente Risco e Wenceslao Fernández Flórez.

O chan está a ser limpado e as  siluetas repintadas, traballo a cargo do escultor Mico Rabuñal, Pola súa banda, os bustos e as estatuas serán arranxados, porque a algúns lles falta o nariz, por culpa dos gamberros. Actualmente, as esculturas están cubertas por plástico. O pasado mércores, 16 de novembro, Siro pasou pola plaza na compaña doutros expertos para faceren unha comparación dos narices cos modelos que tiñan dispostos.

Pero tamén se aproveitará a ocasión para aumentar a listaxe dos humoristas representados no chan con novas siluetas de Goya, Gila, Martes e Trece, os cineastas Luis García Berlanga e Rafael Azcona, os humoristas gráficos Fernando Quesada e Peridis, o actor e presentador Andreu Buenafuente, Woody Allen e o arxentino Alejandro Dolina, autor dun famoso programa de radio en su país desde hai décadas. Tamén de tres mulleres (ata o de agora non había ningunha): a escritora Carmen Rico e as actrices Rosa María Sardá e Conchita Montes. Asemade, incorporaranse dous coruñeses de pro: o monologuista Luís Piedrahíta e o actor e humorista Pedro Brandariz, falecido inesperadamente o pasado mes de febreiro aos 44 anos.

Todos os debuxos serán feitos por Siro, quen, sobre a difícil selección dos novos inquilinos da praza, afirmaba o pasado 26 de xuño a David García, nunha entrevista para “La Voz de Galicia”: “Propuxen que se ampliasen os debuxos para homenaxear a outros humoristas (…), pero sempre quedarán grandes profesionais sen homenaxear. Había ausencias que se facían notar e estou moi contento de incorporalas.(…). O proceso de selección é durísimo, como escoller a alguén para darlle un premio”.

O plan de reforma inclúe tamén a recuperación da figura do Gatipedro, o personaxe mitolóxico creado por Álvaro Cunqueiro, que será obxecto dunha limpeza integral.

O que perdeu a praza definitivamente foi o seu emblemático quiosco verde en que se servían cafés e churros aos transeúntes. A instalación foi derrubada en setembro de 2021.

Siro e outros expertos examinando hai uns días a estatua de Castelao na Praza do Humor da Coruña (fotografía de Quintana, tomada de "El Ideal Gallego").


xoves, 17 de novembro de 2022

Pepe Carreiro segue a cultivar a viñeta política en "Nós Diario"

Des que deixou de colaborar acotío en 2009 no desaparecido “Xornal de Galicia”, Pepe Carreiro ten cultivado a viñeta política en revistas como “Tempos Novos” –na sección “Guau Guau!”– e “A Trabe de Ouro”, mais é certo que non o volveu facer nun diario ata hai menos de tres anos, cando pasou a publicar unha viñeta semanal en “Nós Diario", onde se alterna con Xosé Lois, Tokio, Xosé Tomás e Ruth Caramés (o xornal edítase cinco días á semana, de martes a sábado).

En calquera caso, é obvio que nos últimos tempos a viñeta política de Carreiro ten pasado a ter máis visibilidade, ao se publicar unha vez cada cinco días, aínda que non teña a incidencia que tiña cando a publicaba acotío nun diario de tanta difusión como “La Voz de Galicia”. Esta visibilidade aumentará un chisco tendo en conta que desde xuño a súa viñeta en “Tempos Novos” se publica a páxina completa, tras a desaparición de “Guau Guau!”, en que compartía sección con Xaquín Marín, Tokio e Lola.

O humorista comezou a súa colaboración en “Nós Diario” usando a mesma técnica coa que nos sorprendeu no seu día en “Xornal de Galicia” –carbón e sanguina–, despois de tantos anos facendo debuxo de liña a tinta. Porén, este ano volveu á tinta negra, porque o carbón con sanguina “leva moito tempo”. “Máis que complicado, é liante”, explicou o a este blog.

“Nós Diario” veu dar folgos ao humor gráfico na prensa diaria galega cun tratamento digno. Carreiro destaca que a viñeta ten no xornal "unha presenza importante": publícase na sección de Opinión –aínda hai periódicos que a postergan a seccións lixeiras como Pasatempos–, en páxina impar e cun “tamaño considerable”.

Outra característica do humor gráfico no diario nacionalista é que, no canto de ter un único humorista que publique todos os días, conta con cinco que se alternan, de maneira que cada día da semana a viñeta é debuxada por un deles. “É unha novidade que me sorprendeu”, afirma o debuxante.

Carreiro iniciouse no humor gráfico na prensa en 1977, coa banda “O fillo de Breogán”, no voceiro comunista “A Voz do Pobo”. Entre outros diarios, colaborou en “Faro de Vigo”, “La Voz de Galicia”, “El Mundo”, “El Pueblo Gallego” e “Xornal de Galicia”, ademais de no desaparecido semanario “A Nosa Terra”, con viñetas cargadas de crítica social e política. Tamén foi cofundador dos periódicos de humor “Can sen Dono” e “Xo!”.

Á parte do humor gráfico, continúa traballando na banda deseñada, particularmente na súa exitosa serie “Os Bolechas”, principiada no ano 2000.

Unha das últimas viñetas de Pepe Carreiro en "Nós Diario".


Adeus a "Guau Guau!"

“Guau Guau!”, a sección de humor gráfico da revista “Tempos Novos”, publicouse pola que semella ser a súa derradeira vez no pasado mes de abril. A sección, que ocupaba dúas páxinas e tiña catro viñetas en branco e negro –dúas por páxina–, asinadas ultimamente por Pepe Carreiro, Xaquín Marín, Tokio e Lola, foi substituída desde xuño –porque en maio a revista non publicou nada de humor gráfico– por unha soa viñeta en branco e negro a páxina completa asinada por Pepe Carreiro.

A desaparición de “Guau Guau!” non é banal, pois, malia que o humor gráfico nunha revista mensual como é “Tempos Novos” non ten nunca a visibilidade que posúe na prensa diaria, a sección viña publicándose arreo desde decembro de 2006; é dicir, tivo unha duración de 15 anos e medio, o que é todo un récord na prensa galega e española en xeral.

Cómpre aclarar antes de seguir que “Tempos Novos”, que leva como lenda a de “revista mensual de información para o debate”, é editada en Santiago de Compostela desde abril de 1997 por Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, S. A. O seu fundador e director é Luís Álvarez Pousa.

“Guau Guau!” era coordinada por Pepe Carreiro e, ao longo destes tres lustros de vida, tivo como colaboradores, ademais de ao propio Carreiro, a Xaquín Marín, Tokio, Lola, Xosé Lois –desde o inicio ata decembro de 2009–, Abraham Carreiro –fillo de Pepe Carreiro–, Sex (María Xosé Mosquera) e o finado Nachortas.

A sección mantiña o costume de denominar as publicacións de humor gráfico co nome dun animal ou algo correspondente a el, neste caso a onomatopea da acción de ladrar. Lémbrese que outros xornais ou revistas de humor editados nos últimos tempos en Galicia levaban por título "Can sen Dono", "Xo!" –subtitulada "A voz que para as bestas"–, "Sapoconcho" ou "Xatentendo.com". "Xatentendo" é unha das moitas maneiras que existen en Galicia de chamar coloquialmente o raposo. E quen non se acorda de "La Codorniz" ou "Hermano Lobo".

No “staff” de “Tempos Novos” continúa aparecendo a referencia a “Guau Guau!”, citándose no seu último número –o deste mes de novembro– como colaboradores a Pepe Carreiro, Tokio e Lola, mais semella un despiste da revista. O propio Pepe Carreiro manifestou a este blog a súa impresión de que a desaparición da sección é definitiva.

Penúltima entrega de "Guau Guau!", "Tempos Novos", marzo de 2022.


mércores, 16 de novembro de 2022

Xosé Lois: "Non sei se existe a inspiración: existe un oficio e unha técnica para sacar punta ás cousas"

Xosé Lois González Vázquez (Ourense, 1949), máis coñecido como Xosé Lois ou o Carrabouxo, está de parabéns (ou, máis ben, somos nós os que o estamos) porque o seu popular personaxe, o que lle deu o alcume, ven de cumprir 40 anos, todo un récord no humor gráfico galego e español. O Carrabouxo publicouse por primeira vez en “La Región” de Ourense o 10 de novembro de 1982. Desde entón, Xosé Lois ten publicado máis de 14.500 viñetas co personaxe que lle ten dado sona.

Coma non podía ser doutra maneira, son varias as actividades que se van desenvolver para celebrar este 40 aniversario. Este mesmo venres, 18 de novembro, a Federación de Escolas Católicas Concertadas de Galicia vai homenaxear o humorista –“a min, que son non crente”, destaca este– pola súa achega á normalización lingüística. O acto terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.

Ademais, a Agrupación Cultural Auriense vai facer dúas actividades cos nenos: unha careta para o Entroido e unha interacción nos colexios en que os cativos deberán completar con textos debuxos do Carrabouxo. Por outro lado, están previstas dúas exposicións do personaxe: a primeira, no Pazo da Deputación de Ourense, con 40 viñetas, unha por ano; e a segunda, polo Nadal, na Rúa do Paseo, con debuxos en cubos xigantes, un en cada cara. Finalmente, a editorial Galaxia quere publicar un libro recompilatorio, para o que xa se puxo en contacto co humorista (o último libro do Carrabouxo foi “Carrabouxos escollidos”, editado por Teófilo en 2021).

Quen tamén contactou con Xosé Lois foi este blog. O 40 aniversario do Carrabouxo esixía unha entrevista co debuxante. Velaquí está.

Corenta anos do Carrabouxo. Podía imaxinar cando comezou a debuxalo que corenta anos despois ía seguir publicándoo acotío?

Non, nin o éxito que tivo inicialmente. Foi unha explosión impresionante. Levei o proxecto ao directo de “La Región” e díxome: “Gústame; imos estar dous meses a proba”. E ao cabo dun mes dixéronme: “Hai que seguir, que isto está pegando moitísimo”. Non o esperaba, por suposto, nin as consecuencias colaterais que tivo de premios, homenaxes, monumentos… [O Carrabouxo ten, efectivamente, dous monumentos: a estatua do Parque de San Lázaro de Ourense, feita en bronce por César Lombera; e un monolito no campo da festa da aldea natal de Xosé Lois, cunha placa conmemorativa].

Pensa seguir publicándoo moitos anos?

Moitísimos, como 30 máis, pero seguramente non poderei. Ata que me funcione a man e a cabeza, ou me digan: “Non queremos publícalo máis”.

Como mantén viva a inspiración despois de 40 anos de viñetas diarias? Porque iso son más de 14.500.

Non sei se existe a inspiración. Existe un oficio, unha maneira sistemática de traballar e unha técnica de sacar punta ás cousas. O meu fillo pensa que se podería facer unha aplicación informática que faga chistes e eu creo que é viable.

Vostede segue a debuxar o Carrabouxo 40 anos despois. Gogue leva 33 anos con Floreano. Xaquín Marín está en “La Voz de Galicia” desde hai 34. Nos humoristas gráficos na prensa galega non houbo unha gran remuda xeracional. A que cre que se debe?

Agora hai xente que debuxa moi ben, que pasaron pola escola de Belas Artes, coma Davila e Kiko da Silva, e fan uns chistes moi elaborados tecnicamente e moi expresivos, non como a pouca expresividade que teño eu, que me parezo máis a Forges. Pero non fan unha personaxe fixa. Davila ten esa muller que roza as silvas, pero non é unha personaxe que saia todos os días.

O primeiro Carrabouxo semellaba menos estilizado. Como mudou esteticamente?

Si, era gordecho máis ben, aínda que co nariz afiado. Despois foise estilizando, pero sempre tivo como características que era o máis alto da viñeta e a gorra tapándolle os ollos. É un tío xigantesco: a súa estatura real debe de ser a que ten a estatua de Ourense, que son 2,70 metros. E agora as paisaxes son menos elaboradas, máis sintetizadas. E e uso bastante o cortar e pegar, que mo podo permitir porque son miñas todas.

Ten experimentado tamén cambios psicolóxicos?

Nin psicolóxicos nin ideolóxicos nin filosóficos. É un home galegocéntrico, mira o mundo desde o cristal de Galiza, e esa foi a novidade de sempre do Carrabouxo. Pero tampouco é nada anormal, porque para os galegos a raíz máis básica da nosa visión do mundo ten que ser o noso idioma e a nosa cultura. Se algúns non o fan así, é porque están colonizados. Iso non cambiou. Talvez cambiase a linguaxe, porque a linguaxe ten variantes ao longo do tempo.

Falando da linguaxe, sempre me fascinou como xoga coas palabras.

Sigo xogando coa linguaxe, aproveitando sempre que hai algunha novidade lingüística, da tecnoloxía ou da forma de falar da xente nova, dándolles dobres sentidos ás cousas.

E ás veces debuxa o Carrabouxo sentado de costas. Iso tamén é rechamante.

Si, porque hai unha repetición tan exhaustiva, tan constante do mesmo personaxe que o poño de todas as posturas, e tamén dá unha sensación do pasotismo –que non é real, pero bueno– que ten o personaxe, da súa excentricidade.

Sorprende, sendo vostede un home de esquerdas, que dixese noutro día en “La Región” que sospeita que a dereita encaixa mellor o humor que a esquerda, pero non é a única persoa de esquerdas á que teño oído dicir isto.

Alégrome de non ser o único. Dáme esa sensación. Ou son máis falsos ou máis sinceros, ou simplemente asimilan mellor a linguaxe do humor. Tal vez a esquerda, ao considerarme a min de esquerdas, venme un pouco “traidorzuelo” por meterme con eles, pero o meu campo político non é só a esquerda; tamén son nacionalista e galegocéntrico, e iso implica uns matices máis amplos.

Non volveu debuxar a Sabeliña des que ela deixou de aparecer en “A Nosa Terra”?

Non. Matouna o director [Afonso Eiré], e ademais utilizou esa palabra: “Temos que matar a Sabeliña”. E morrou, aínda que como non hai ningunha viñeta en que se vexa que morre, pode seguir cando sexa, pero tampouco teño tempo. Xa me chega ben o Carrabouxo diario e o que fago en “Nós”.

En “Nós” fai unha viñeta á semana, alternando con Ruth Caramés, Pepe Carreiro, Tokio e Xosé Tomás.

Todos os personaxes son penedos, un pouco recordando que a palabra “galego” vén de “kallaikoi”, é dicir, ‘os que habitan os penedos”. Os pelos son musgos e as expresións da cara son rachadelas da pedra.

Xosé Lois, diante da estatua do Carrabouxo no Parque de San
Lázaro de Ourense, en 2011 (fotografía de Félix Caballero).


venres, 11 de novembro de 2022

O Carrabouxo cumpre 40 anos

O Carrabouxo, o popular personaxe de Xosé Lois en "La Región", cumpriu onte 40 anos. O personaxe naceu no xornal ourensán o 10 de novembro de 1982. A primeira viñeta coincidiu coa visita do papa Xoán Paulo II a Galicia e representaba dúas vellas que foran recibilo en Santiago de Compostela cunha pancarta co lema do pontífice “Totus Tuus” que escribiron como lles pareceu. Teño que corrixirme, porque na entrada do 4 de novembro sobre a inauguración dunha escultura pública da Monchiña de Gogue en Cambados escribín que a serie do Carrabouxo principiara o 9 de decembro de 1982.

Estes 40 anos de vida constitúen sen dúbida un verdadeiro récord en Galicia e España toda, pois é moi raro que un personaxe de humor gráfico sobreviva na prensa tanto tempo. Claro que aínda lle quedan moitos anos para alcanzar a Don Celes, que o bilbaíno Olmo debuxou durante case 76 anos, primeiro en "La Gaceta del Norte", desde 1945, e logo en "El Correo", a partir de 1969. Un récord probablemente mundial que dificilmente será superado algún día. Olmo morreu coas botas postas aos 99 anos, seis máis ca Mingote, que tamén faleceu en activo os 93 anos.

Ademais desta insólita lonxevidade, O Carrrabouxo ten acadado ao longo do tempo unha popularidade extraordinaria. Segundo declarou o humorista máis dunha vez á prensa, a clave deste éxito está no feito de ser un personaxe “galego-céntrico”, que interpreta todo desde a psicoloxía e mais a cultura galegas, o que facilita a identificación do público.

Xosé Lois non ten intención de deixar de debuxar ao Carrabouxo, segundo declaraba onte ao diario "Nós Galicia", onde confesaba tamén que moitas veces tivo que “reprimirse” e “autocensurarse”. Porén, noutras ocasións –por exemplo, na entrevista que lle fixen para o meu libro "O humor en cadriños" (Morgante, 2012)–, destacou que ten publicado “viñetas incríbeis en relación á liña do xornal e os seus compromisos políticos, o cal é de apreciar”.

Desde aquí non podemos menos que desexarlle ao Carrabouxo outros 40 anos máis de vida, polo menos. Claro que Xosé Lois ten xa 73 anos. A ver que pasa.

Primeira viñeta do Carrabouxo, "La Región", 10 de novembro de 1982.

O Carrabouxo, "La Región", 10 de novembro de 2022.
Viñeta conmemorativa dos 40 anos do personaxe


mércores, 9 de novembro de 2022

Entregados os Premios Curuxa 2022

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolleu o venres 4 de novembro a entrega dos Premios Curuxa 2022. Os gañadores foron Ricardo Olivera (Fritz) (Curuxa), Alejandro Vázquez (Pirugato) (2º no Curuxa) , Pedro Bouza (Curuxa Nova, para menores de 25 años) e Andrés Chinchilla (2º no Curuxa Nova). Tamén estivo presente unha das finalistas: Lucía Rodríguez Cid.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo; o concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá, e, en representación do xurado deste ano, o debuxante fenés Xaquín Marín foron os encargados de entregar os diplomas aos premiados.

O acto comezou coa inauguración da exposición dos Premios Curuxa 2022 e cunha recepción por parte da corporación municipal aos gañadores, aos que se convidou a asinar no Libro de Honra do museo.

O acto rematou co espectáculo de improvisación teatral “Galician Horror Story”, a cargo das Izquierdo Sisters (Marita Martínez e Lucía Veiga), no marco do ciclo “Novembro, mes do Humor”, organizado coa colaboración da Rede Cultural de Cultura da Deputación da Coruña.

É a primeira entrega dos Premios Curuxa des que o Museo do Humor de Fene pasou a chamarse Museo do Humor Xaquín Marín, en recoñecemento ao seu fundador e director durante moitos anos. O Goberno do Concello de Fene, titular do museo, aprobou o cambio de nome o pasado 4 de agosto, dentro dos actos de homenaxe ao humorista iniciados en maio co programa “Volta á orixe”, que contou cunha exposición monográfica do autor e varias actividades paralelas.

O museo foi inaugurado o 24 de novembro de 1985 como colofón á campaña a prol do humor levada a cabo por Xaquín Marín e Siro. Froito desta campaña foi tamén a inauguración en 1990 da Praza do Humor da Coruña, deseñada por Siro, que está agora en vías de rehabilitación.

Juventino Trigo, Fritz e Xaquín Marín (fotografía tomada
da páxina de Facebook do Museo do Humor Xaquín Marín).


venres, 4 de novembro de 2022

Monchiña vixía a Floreano desde Cambados

A escultura de Floreano, o popular personaxe de Gogue, no Grove (Pontevedra) ten desde hoxe unha extensión en Cambados coa inauguración doutra peza escultórica que reproduce a súa dona, Monchiña. A nova escultura tamén obra de Lucas Míguez (Olimpio Javier Míguez Mosquera), o artista que xa fixera a de Gogue. Ao acto de inauguración asistiron tanto Míguez e Gogue como os alcaldes de Cambados e O Grove, Samuel Lago e José Cacabelos, respectivamente.

A escultura de Monchiña, representada cun rolo de amasar en posición ameazante –sen dúbida, nun aceno dirixido ao seu home Floreano– ubícase no Paseo da Calzada, fronte ao Parador. Está esculpida en bronce, mide 1,80 metros de altura e pesa 200 quilos.

A obra foi financiada a través da Mancomunidade do Salnés, con fondos Next Generation, e pretende establecer unha promoción cruzada entre Cambados e O Grove que leve un fluxo de visitantes dun concello ao outro, consolidando O Salnés como unha comarca de referencia en Pontevedra, Galicia e mesmo o norte de España, segundo destacaron os dous alcaldes.

A escultura de Floreano no Grove érguese na Praza de Arriba, en fronte da casa natal de Gogue. O personaxe aparece reproducido sentado á unha das mesas da súa taberna preferida, a de Epi, cunha cunca de viño.

Gogue, nome artístico de José Ángel Rodríguez López, leva debuxando acotío a Floreano, Monchiña e os outros personaxes da serie en “Faro de Vigo” desde o 9 de novembro de 1989, hai xa 33 anos. Trátase, sen dúbida, dunha das viñetas máis lonxevas do humor gráfico non só galego, senón español en xeral.

Floreano e Monchiña non son os únicos personaxes do humor gráfico galego que teñen unha escultura de seu. O Carrabouxo, a popular creación de Xosé Lois, que se vén publicando en “La Región” desde o 9 de decembro de 1982 –vai facer agora 40 anos– ten tamén a súa no Parque de San Lázaro de Ourense desde 2002. A peza foi feita en bronce por César Lombera e mide máis de dous metros.

O Carrabouxo está tamén reproducido en cartón pedra no Museo de Humor de Fene (A Coruña), onde comparte espazo con outra reprodución de Gaspariño, o popular personaxe de Xaquín Marín, fundador do museo, e cunha máis do propio humorista ferrolán.

Os alcaldes de Cambados e O Grove con Gogue e Lucas Míguez a carón da escultura de Monchiña (fotografía tomada de Canal Rías Baixas).


domingo, 29 de maio de 2022

Juan López Rico ficciona a biografía dun empresario corrupto no seu novo libro de viñetas

Despois dun tempo demasiado longo sen escribir nel, retomo aquí a agora este blog de estudos e apuntamentos sobre o humor gráfico galego. E fágoa con esta nova sobre o último libro de López Rico. 
--- 
O xornalista e humorista gráfico Juan López Rico vén de presentar o seu novo libro Aproximación á esquiva figura de Celestino Carballeira (Galaxia, 2022), unha proposta de humor onde o autor convida aos lectores a mergullarse na biografía de Celestino, un empresario corrupto chamado Celestino, a través de máis dun cento de viñetas. “Un empresario feito a si mesmo –todo o que ten roubouno co seu propio esforzo–, mais tamén un personaxe feito a si mesmo”, como afirmou o autor a galiciaconfidencial.com nunha entrevista publicada o pasado 13 de abril. Rescato tamén desa entrevista unha reflexión de López Rico sobre o papel do humor no xornalismo que me parece moi interesante: 
“O humor é un apoio importante do noso oficio e cobra protagonismo incluso en momentos de máis dificultade. Sobre todo nos asuntos sociais e políticos, cando falamos de poder, de reparto da riqueza, de Xustiza, do que fan os empresarios e os políticos, dos servizos públicos e tantas cousas onde conflúen tantos intereses e tan grandes, a información discorre por sendeiros de enormes dificultades e obstáculos que defenden aqueles intereses. Neste contexto é onde o humor permite sortear obstáculos e resaltar perspectivas tapadas. Nese sentido, o humor é, sen dúbida, outra forma de facer xornalismo, que non consiste noutra cousa que en contar o que á xente lle interesa realmente". 
Juan López Rico, López, naceu en Ribadeo (Lugo) en 1955. É xornalista, profesor de aikido e humorista gráfico. Como xornalista realizou todo o seu labor profesional na Axencia EFE, da que foi delegado en Galicia durante oito anos. Comezou a publicar os seus debuxos en El Correo Gallego a mediados dos anos 80. Desde entón ten colaborado como humorista gráfico en diversos medios, como Galicia Hoxe, Galegos, Longa Lingua, EFEverde ou Galicia Confidencial.
Juan López Rico, "López" (tomada de "conideintelligente.com")