Avanzan a bo ritmo as obras de restauración da Praza do
Humor da Coruña, un espazo único no mundo deseñado por Siro e inaugurado en
1990.
A reforma foi anunciada polo Concello coruñés o pasado mes
de abril coa intención de revertir o maltrato soportado pola praza como
consecuencia do paso do tempo e da acción dos gamberros, malia a prohibición do
botellón no recinto en 2008.
O recinto, de 384 metros cuadrados, ten un pavimento
artístico de 472 baldosas de mármore branco sobre as que están debuxadas
as siluetas dunha chea de representantes do mundo do humor nas súas máis
variadas manifestacións: Cervantes, Groucho Marx, Cantinflas, a Pantera Rosa,
Astérix e Obélix, Mortadelo e Filemón, Carpanta, Mafalda, Carlos e Snoopy. A
elas súmanse as estatuas sedentes de Alfonso Rodríguez Castelao e Álvaro
Cunqueiro, e os bustos de Vicente Risco e Wenceslao Fernández Flórez.
O chan está a ser limpado e as siluetas repintadas, traballo a cargo do escultor Mico Rabuñal, Pola súa banda, os bustos e as
estatuas serán arranxados, porque a algúns lles falta o nariz, por culpa dos
gamberros. Actualmente, as esculturas están cubertas por plástico. O pasado mércores, 16 de novembro, Siro pasou pola plaza na compaña doutros expertos para faceren unha comparación
dos narices cos modelos que tiñan dispostos.
Pero tamén se aproveitará a ocasión para aumentar a listaxe
dos humoristas representados no chan con novas siluetas de Goya, Gila, Martes e
Trece, os cineastas Luis García Berlanga e Rafael Azcona, os humoristas
gráficos Fernando Quesada e Peridis, o actor e presentador Andreu Buenafuente, Woody
Allen e o arxentino Alejandro Dolina, autor dun famoso programa de radio en su
país desde hai décadas. Tamén de tres mulleres (ata o de agora non había
ningunha): a escritora Carmen Rico e as actrices Rosa María Sardá e Conchita
Montes. Asemade, incorporaranse dous coruñeses de pro: o monologuista Luís
Piedrahíta e o actor e humorista Pedro Brandariz, falecido inesperadamente o
pasado mes de febreiro aos 44 anos.
Todos os debuxos serán feitos por Siro, quen, sobre a
difícil selección dos novos inquilinos da praza, afirmaba o pasado 26 de xuño a
David García, nunha entrevista para “La Voz de Galicia”: “Propuxen que se
ampliasen os debuxos para homenaxear a outros humoristas (…), pero sempre
quedarán grandes profesionais sen homenaxear. Había ausencias que se facían
notar e estou moi contento de incorporalas.(…). O proceso de selección é
durísimo, como escoller a alguén para darlle un premio”.
O plan de reforma inclúe tamén a recuperación da figura do
Gatipedro, o personaxe mitolóxico creado por Álvaro Cunqueiro, que será obxecto
dunha limpeza integral.
O que perdeu a praza definitivamente foi o seu emblemático
quiosco verde en que se servían cafés e churros aos transeúntes. A instalación
foi derrubada en setembro de 2021.
Siro e outros expertos examinando hai uns días a estatua de Castelao na Praza do Humor da Coruña (fotografía de Quintana, tomada de "El Ideal Gallego"). |
Ningún comentario:
Publicar un comentario