Amosando publicacións coa etiqueta O Carrabouxo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Carrabouxo. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de novembro de 2022

O Carrabouxo cumpre 40 anos

O Carrabouxo, o popular personaxe de Xosé Lois en "La Región", cumpriu onte 40 anos. O personaxe naceu no xornal ourensán o 10 de novembro de 1982. A primeira viñeta coincidiu coa visita do papa Xoán Paulo II a Galicia e representaba dúas vellas que foran recibilo en Santiago de Compostela cunha pancarta co lema do pontífice “Totus Tuus” que escribiron como lles pareceu. Teño que corrixirme, porque na entrada do 4 de novembro sobre a inauguración dunha escultura pública da Monchiña de Gogue en Cambados escribín que a serie do Carrabouxo principiara o 9 de decembro de 1982.

Estes 40 anos de vida constitúen sen dúbida un verdadeiro récord en Galicia e España toda, pois é moi raro que un personaxe de humor gráfico sobreviva na prensa tanto tempo. Claro que aínda lle quedan moitos anos para alcanzar a Don Celes, que o bilbaíno Olmo debuxou durante case 76 anos, primeiro en "La Gaceta del Norte", desde 1945, e logo en "El Correo", a partir de 1969. Un récord probablemente mundial que dificilmente será superado algún día. Olmo morreu coas botas postas aos 99 anos, seis máis ca Mingote, que tamén faleceu en activo os 93 anos.

Ademais desta insólita lonxevidade, O Carrrabouxo ten acadado ao longo do tempo unha popularidade extraordinaria. Segundo declarou o humorista máis dunha vez á prensa, a clave deste éxito está no feito de ser un personaxe “galego-céntrico”, que interpreta todo desde a psicoloxía e mais a cultura galegas, o que facilita a identificación do público.

Xosé Lois non ten intención de deixar de debuxar ao Carrabouxo, segundo declaraba onte ao diario "Nós Galicia", onde confesaba tamén que moitas veces tivo que “reprimirse” e “autocensurarse”. Porén, noutras ocasións –por exemplo, na entrevista que lle fixen para o meu libro "O humor en cadriños" (Morgante, 2012)–, destacou que ten publicado “viñetas incríbeis en relación á liña do xornal e os seus compromisos políticos, o cal é de apreciar”.

Desde aquí non podemos menos que desexarlle ao Carrabouxo outros 40 anos máis de vida, polo menos. Claro que Xosé Lois ten xa 73 anos. A ver que pasa.

Primeira viñeta do Carrabouxo, "La Región", 10 de novembro de 1982.

O Carrabouxo, "La Región", 10 de novembro de 2022.
Viñeta conmemorativa dos 40 anos do personaxe


domingo, 20 de novembro de 2016

Xosé Lois: “Non sei se son xornalista. Aos humoristas nunca nos invitan a formar parte dun colectivo de xornalistas"



Félix Caballero

Extracto da entrevista contida no libro O humor en cadriños (Morgante, Cangas, 2012)

 

Xosé Lois González Vázquez (Xosé Lois ou O Carrabouxo) naceu en Ourense o 3 de abril de 1949. Desde 1982 publica diariamente en La Región de Ourense a viñeta do Carrabouxo, do que se editaron varios libros recompilatorios e ao que se ergueu unha estatua no Parque de San Lázaro da capital ourensá. Colaborou n’A Nosa Terra desde 1979 ata o peche do xornal en 2011, primeiro coas tiras da Sabeliña, unha nena labrega crítica e retranqueira, e logo con viñetas soltas. Entre os numerosos premios que recibiu destacan o Galicia de Xornalismo, o Galicia de Comunicación e a Medalla Castelao, os tres outorgados pola Xunta de Galicia.


Que é o humorismo para vostede?

O humorismo ou o humor e unha das cousas que máis se teñen definido, e polo tanto máis indefinidas. A definición que mais me gustou é a de Pierre Daninos: “O humor é o martirio dos definidores”.  Hai outra, menos humorística, que é da autoría dun galego, o profesor Baliñas, que di: “O humor é un castigo colectivo contra a perda da identidade”, e explica por que nos fan rir o castrapo, o autoodio dos galegos, etc.

Séntese debedor da tradición de Castelao e dos humoristas gráficos galegos anteriores á Guerra Civil? Cales foron as súas principais influencias como humorista gráfico?

Síntome debedor, aínda que non herdeiro. Para min, Castelao é un mestre, aparte da calidade do seu humor, no que se refire á concepción deste como un elemento de identificación da sociedade galega, incluso como unha arma de emancipación, de denuncia da nosa situación dependente… Porén, eu persoalmente tamen me sinto ensinado por Forges (tamen tén raíces galegas), a quen devorei en Madrid, onde eu estudaba na época do 68, cando as súas viñetas invadían os bares da zona universitaria da Moncloa. Penso que tamén me influíu Périch e, entre os galegos actuais, Quesada.

Hai que coidar moito o debuxo no humor gráfico? Como definiría a súa técnica de debuxo?

Hai que coidar o debuxo e o demais, cada un segundo a súa ciencia, aínda que te paras máis cando fas un cartaz ou participas nunha determinada campaña, e máis os que facemos unha viñeta diaria. Eu teño que dicir que me paro máis en discurrir o contido que na calidade do debuxo, dentro dunha dignidade mínima. O que si procuro é que o debuxo sexa o máis expresivo posíbel da situación ou do contorno, cando son relevantes. Claro que, en xeral, as miñas viñetas son de texto, xogos de palabras, reflexións. Que conste que aprecio e considero de moito valor a viñeta de contido gráfico, e eu alédome moito cando me “sae” unha boa. De todas as maneiras, neste país, coa sua lingua sen normalizar, vén ben utilizar os textos canto máis mellor.

Que tenta pór de manifestó co seu traballo?

Unha visión da vida cotiá a través do prisma do humor e tamén da miña ideoloxía, que loxicamente se reflexa nas miñas viñetas por lealdade conmigo e mais co lector.

Que busca no lector: o riso, o sorriso, a reflexión, o cambio de opinión…?

O primeiro que tento coas viñetas é facer rir; o segundo, sorrir; e o terceiro, reflexionar. Despois quero transmitir a miña visión dos sucesos que ocorren ao noso arredor. E logo, se podo, transmitir ideas para o que queira aproveitalas se lle parecen boas.

Como xurdiu O Carrabouxo? Como o definiría? Evolucionou co paso do tempo?

O Carrabouxo xurdiu coma unha ferramenta para acceder á viñeta diaria, despois de levar anos publicando semanalmente n’A Nosa Terra ou mensualmente en Ceibe, etc. O nome é unha palabra moi fermosa que se aplica a esa excrecencia do carballo que noutros sitios lle chaman bugallo, bugalla, etc., que é unha especie de defensa do carballo contra unha invasión exterior: a posta dunha mosca. Evolucionou co paso do tempo, fíxose máis estilizado, pero conserva dúas cousas: é o personaxe máis alto sempre e non se lle ven os ollos.

O Carrabouxo xoga coa linguaxe dun xeito abraiante. Que importancia ten o xogo de palabras no seu humor?

O xogo de palabras é o que máis se prodiga no meu humor. E a xente recíbeo moi ben. Este é un reto que asumín porque son do interior e non teño problemas coa estrutura do idioma, á marxe de algunas variacións da normativa ao longo dos anos. Penso que é bo que xoguemos coas palabras do noso idioma, que estivo tantos séculos sen escribirse. Penso que hai que xogar con él, zugalo, movelo, comelo, visibilizar as súas particularidades e devolverllo á xente que o fala e que o pensa.

Co Carrabouxo, vostede acadou varias cousas verdadeiramente inusuais nun humorista gráfico. A primeira, que vostede sexa coñecido co alcume do propio personaxe…

O Carrabouxo é un pseudónimo e alcume que eu aceptei de boa gana porque é moi sonoro e moi enxebre, e máis para min que teño uns apelidos tan “internacionais”. Incluso o utilizo eu como identificativo cando chamo por teléfono, me presento a alguén ou asino algún traballo escrito.

Que lugar debe ocupar o humor gráfico na prensa de información xeral? As páxinas de opinión? As de lecer? É o humorista gráfico un xornalista, un editorialista?

No  meu caso, a viñeta vai nas páxinas de opinión. En consecuencia, eu son un comentarista máis. Aínda que hai xente que di que o chiste é ás veces un editorial, sería moi sui xéneris, pois en xeral non coindido coa liña editorial do xornal. Se son xornalista? Non o sei .Os humoristas escribimos e e debuxamos nun xornal. Porén, nunca nos invitan a formar parte dun colectivo de literatos nin dun de artistas, nin dun de xornalistas. Non somos nada, ao parecer.

Censuráronlle traballos? Hai censura no humor gráfico en Galicia hoxe en día? E autocensura?

A min deixáronme de publicar traballos. Moitos, ao longo da miña vida, aínda que se cadra non se lle pode chamar censura, senón liña editorial. Eu non piso a redacción do xornal, polo tanto mando a viñeta “a pelo” e corro o risco de que non se publique. Ao mellor, se debuxara na redacción, sería o director quen directamente me correxise sobre a marcha se fixese unha viñeta inconveniente, e eu cambiaríaa, ou non, non sei. Pero ao marxe da censura, teño publicado viñetas incribles en relación á liña do xornal e aos seus compromisos políticos, o cal é de apreciar. E debo dicir que a viñeta que máis difusión tivo foi unha do Carrabouxo que a dirección decidiu non publicar, pero que alguén da redacción a puxo na rede e chegou a todas partes.

O Carrabouxo, La Región

O Carrabouxo, La Región, 2002.

O Carrabouxo, La Región, 2009.

O Carrabouxo, La Región, 2010

A Nosa Terra.

A Sabeliña, A Nosa Terra, 1979.