venres, 2 de febreiro de 2024

Floreano, protagonista dunha canción do grupo Onte e Hoxe

Floreano, o mítico personaxe de humor gráfico creado por Gogue en Faro de Vigo en 1989 (o pasado decembro cumpriu 34 anos), vén de dar o salto á animación cunha serie de curtas. Mais en 2015 xa protagonizara outra abraiante tranformación ao se converter en obxecto (e suxeito) dunha canción, "O Floreano", o primeiro tema propio do grupo Onte e Hoxe. A formación nacera pouco antes coa intención de facer versións de cancións galegas famosas, nomeadamente das décadas de 1960 e 1970. 

Recollo a peza agora porque ata uns meses non sabía da súa existencia. Velaquí déixovos o videoclip e tamén a letra:

O Floreano, naceu no Grove, cubre a cabeza sempre con gorra, o seu pai din que é o Gogue á estatua fotos fan os de fora. Está casado e bebedor, come navallas e zamburiñas, pide consello a “monseñor” e á muller chámalle “Chiña”. Non é moi alto nin é fermoso, non viste traxe nin nada caro e sen embargo é moi famoso, todos os días sae no “Faro”. Gústalle o viño de calquer cor, tanto o branco coma o clarete, pero si é tinto moito mellor e si é Barrantes... bota foguetes! Vai de furanchos todos os días, voan as moscas na súa taza, fala da xente e das súas vidas, cala si entra unha rapaza. As mulleres tráeno tolo, vanlle as loiras e as morenas, a súa “Chiña” coa man no “rolo” ao chegar dille: pasa que cenas! Pouco a pouco pasou o tempo bebendo cuncas de seis en seis, si está con mozas anda contento e xa este ano fai vinteseis!!