martes, 11 de xullo de 2023

A piques de cumprir 50 anos, Gaspariño amosa a súa vitalidade na reinterpretación que fan del os alumnos do Garaxe Hermético

O Garaxe Hermético –a primeira escola galega de cómic, fundada en Pontevedra por Kiko da Silva– vén sumarse ás homenaxes que se lle están a facer a Xaquín Marín co gallo do seu vindeiro 80 cumpreanos co libro Gaspariño XXI. Unha homenaxe a Xaquín Marín, que presenta unha visión actualizada das mellores tiras do inesquecible neno do humorista de Fene, redebuxadas por alumnos da escola. O volumen, editado pola Deputación de Pontevedra, foi presentado o 30 de xuño na sede da Deputación coa presenza de Marín e mais de Kiko.

Gaspariño XXI non só vén homenaxear un dos maiores artistas plásticos galegos dos últimos 50 anos, senón tamén a rescatar o entrañable personaxe de Marín, por sempre na memoria dos galegos aínda que o seu autor non o volvese debuxar publicamente desde finais dos anos 80 do século pasado. Kiko da Silva xa o recuperara na revista Retranca (2007-2011), publicando algunhas das vellas tiras. Curiosamente, nesa revista de tan grato recordo Kiko fixo tamén unha chiscadela a Castelao coa sección “Castelao 2009” (despois, co cambio do ano, “Castelao 2010”), na  que imitaba o estilo do autor de “Cousas da vida”.

Gaspariño constituíu todo un fito no humor gráfico galego. Foi reproducido en libros de texto, boletíns de toda caste, tarxetas de Nadal, carteis, xerseis e ata nunha cerámica de Francisco Xosé Pérez Porto para Sargadelos. Publicáronse dúas escolmas das tiras: Gaspariño (Edicións do Rueiro, 1978), e Gaspariño 2 (Xerais, 1982). En Malpica (A Coruña) houbo dous sinais de tráfico de “precaución: escola” coa imaxe do personaxe. Ademais, os nenos dun colexio fixeron unha escenificación das tiras e Xosé Devesa (pseudónimo de Xosé María Monterroso Devesa) dedicoulle en 1981 un poema titulado Tema sobre Gaspariño Marín:

Gaspariño Marín, sempre emigrando,

Gaspariño Marín, neno revelho,

a mirares de fronte (non de esguelho),

para este país de homes e de gando.

Meu hominho galego, indo co gando,

Gaspariño Marín, neno revelho,

a mirares de fronte este revelho,

país universal, sempre emigrando.

Ao mirares os homes emigrando

deste país que é un país revelho,

meu neno de Galiza, olhas de esguelho

aos que tratan aos homes coma o gando

Gaspariño Marín, sempre emigrando,

Gaspariño Marín, neno revelho.

Gaspariño naceu en El Ideal Gallego o 8 de decembro de 1974, nunha páxina titulada “As furnas do rei Cintolo”, polo que está a piques de cumprir 50 anos, mais a súa publicación non foi doada, segundo lembraba o propio Marín nunha entrevista que lle fixen en outubro de 2012 para a miña tese de doutoramento, que o tivo a el como protagonista:

“Gaspariño foi unha odisea porque non o publicaba nadie. O levaba por todas as partes e non o quería ninguén. Levei as tiras a El Correo Gallego e o director deixounas nun caixón, e despois de pedirllas mil veces tiven que ir aí dicirlle que mas devolvese, porque nin as publicaba nin daba ningunha xustificación”.

Malia nacer para o público nos últimos días de 1974, a xénese de Gaspariño remóntase a 1971. O personaxe experimentaría logo dúas mutacións: a primeira contra 1971-1972, cando aínda durmía nun caixón, e a segunda e derradeira en 1974. Marín recordaba así esas orixes na primeira das escolmas:

“Debía ser o ano 71 (…) Metéuseme na testa que había de facerse un persoaxe de cómic que fora galego e que tivera achegamento real aos galegos (…) Aínda que eu fora un neno castelán falante e o meio onde vivía tampouco era gran cousa (…) e cecáis (…) gracias a esas circunstancias, quixen que o persoaxe fora un neno galego; parecéume con máis gancho; un neno galego dos que aínda podedes atopar a pouco que o percuredes, nas vilas recuadas, onde non petou moi de cheo a contaminación abafante do televexo. Un neno a quen a vida lle tiña ensinado en pouco tempo o que a outros lles leva moitas horas de pasantías, un neno filósofo, un neno vello que no por iso deixara de ser neno. O nome pareceume sonoro. Había un dito que dicían os meus compañeiros na mocidade: estás máis delgado ca Gaspariño, que lle caía a camisa polos ombros porque tiña o colo moi grande. Seguramente era un dito local. Non había ningún neno que se chamase Gaspariño”.

Gaspariño é un neno aldeán, cos pés nus, pucha de home, calzóns de pícaro, tiracoios no peto “e baixo a pucha, cerebro tamén de home cabal a cismar”, como dicía Monterroso Devesa na segunda escolma, Gaspariño 2. “Un neno hondamente preocupado por su tierra, por sus gentes, por todo… Como lo es, en la realidad, su padre artístico”, segundo escribiu Clodio González Pérez nun artigo sobre Marín en La Voz de Galicia o 1 de outubro de 1983.

Cal foi a chave do seu éxito? O propio humorista reflexionábao así na entrevista que lle fixen para a miña tese:

“Seguramente porque era un neno e non había moitos outros. Calculeino pensando que a un neno lle ían permitir máis cousas ca un maior, e funcionou, porque dicía cousas que en aquela época eran moi atrevidas, pero como as dicía un neno colaba, non tiven ningún problema de censura”.

Efectivamente, Gaspariño é un caso de cómic de nenos para adultos (Marín crearía logo, outros dous nenos para nenos: Lixandre e Tonecho), coma os nenos de Castelao, a Mafalda de Quino ou o Carlitos (Charlie Brown) de Schulz. “Eses nenos que petan na nosa endurecida pel coa tenrura que todo cachorro trai consigo”, segundo apuntaba Monterroso Devesa en Gaspariño 2.

E é que, como dicía Pepe Barro na primeira escolma,

“Gaspariño discutía decote das venturas e desventuras dos galegos e sabía ben o que eran as celulosas, as nucleares, o roubo do noso aforro, o roubo dos montes e das praias, a emigración…, e como aquil persoaxe de Castelao [en Cousas], contounos, aquela tarde, cousas de rir que daban medo e cousas de medo que facían rir”.

Como afirma Monterroso Devesa en Gaspariño 2,

“A eses nenos das historias e historietas que (…) pasan polo tempo sen que o tempo pase por eles é que pertence o personaxe Gaspariño, a palicar co neno vilego, abraiándoo; ou co seu viciño de rueiro, ou coa vaca ou o can de turno… E rematando sempre con ese aceno de brazos en cruz, signo dunha conclusión ou achádego co que el é o primeiro en sorprenderse.

E así é como podemos fitar ao Gaspariño sentenciando sobre os eternos problemas do home e os muitos do galego, que nen sequer é cidadán do seu país natal: a eiva suprema da explotación nacional e de clase, e os seus problemas resultantes: a emigración –tal vez o tema estrela, que é, coa súa obsesiva maleta, o leitmotiv de toda a obra mariniana–, a diglosia, a contaminación ambiental…”.

50 anos despois de aparecer por primeira vez na prensa galega, Gaspariño segue vivo non só na memoria dos que o leron nos anos 70 e 80, senón tamén –e isto é un conto triste, como diría Castelao– na realidade galega, que non mudou tanto. Unha vitalidade e unha vixencia que se pon de manifestto na reinterpretación do personaxe que veñen de facer os rapaces do Garaxe Hermético e que, xaora, se debe tamén a que Marín, como todos os grandes, só sabe debuxar historias intemporais, permanentes, eternas.

---

Adaptado da miña tese de doutoramento Xaquín Marín. Innovación e tradición no humor gráfico galego (Universidade de Vigo, 2015)

Unha tira de 1971, tres anos antes de que se publicara por primeira vez.

Primeira tira de Gaspariño publicada (El Ideal Gallego, 8-12-1974)

Unha tira clásica de Gaspariño en El Ideal Gallego.

sábado, 1 de xullo de 2023

Davila recibe o Premio Trasalba nun acto cheo de bo humor

O pintor e humorista gráfico Luís Davila recibiu o pasado domingo 25 de xuño o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo, nun acto celebrado na casa-museo do insigne escritor presidido polo presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, na súa calidade de presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo.
A xuízo da comisión de goberno da Fundación Otero Pedrayo, “a implicación na defensa da nosa lingua e a proximidade social das mensaxes que formula en defensa do galego, confirman o mérito dun artista chamado a converterse nun referente na reivindicación sociolingüística, pola súa constante manifestación de afecto á nosa lingua e a nosa cultura”.
Na acta do acordo, destácase ademais a calidade do humor gráfico e a popularidade das viñetas de Davila, que –dise– transmiten “un compromiso e unha modernidade que, pensamos, sería moi do gusto de don Ramón”.
Davila é o 40 galardoado co Premio Trasalba, que, con carácter honorífico, se concede dende 1983. O primeiro galardoado foi o historiador ourensán Xaquín Lorenzo Xocas, e anterior ao humorista gráfico, en 2022, o político e economista Carlos Mella Villar. No medio van alá representantes da historia, a economía, a filosofía, a xeografía, a literatura, a teoloxía, a arte, a pintura, a escultura, a música ou o xornalismo. Entre eles, Valentín Paz-Andrade, Francisco Fernández del Riego, Xosé Filgueira Valverde, Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas, Milladoiro, Cristina Pato, Antón Pulido ou Camilo Nogueira Román.
Foi un acto moi especial, sen dúbida o máis informal de cantos se celebraron ao longo deste 40 anos, como podía adiviñarse pola condición de viñetista do premiado. Ao seu nada académico discurso sumouse a laudatio que fixo o seu amigo o actor e monologuista Carlos Blanco, con quen ten colaborado en tres espectáculos escénicos de carácter pioneiro nos que mentres Blanco fala, Davila debuxa: Menú do día, Menú da noite e Menú do cocido. O actor fixo unha laudatio tan divertida como sentida, que comezou con “O bo de Luís é que ten unha fonte. Brótalle o humor, cáelle das mans”, e rematou con “Que non seque a fonte. Que a vida nos dea o teu humor por moitos anos”.
Pero o momento máis relaxado e inagardado do acto foi cando, tras a entrega ao premiado da figura en bronce de Otero Pedrayo que simboliza o premio, irrumpiu na sala a comparsa “Vou nun Bou”, da que Davila forma parte na súa vila natal, convertendo o evento en toda unha festa e sorprendendo ao humorista, que non sabía nada.
Ao final do acto presentouse o libro biobibliográfico con que son agasallados todos os premiados. Titúlase Luís Davila. Un xeito de estar no mundo e a portada é obra de Kiko da Silva, outro bo amigo do debuxante. O libro trae textos dunha vintena de amigos e admiradores de Davila e eu tiven a honra de ser convidado pola Fundación Otero Pedrayo a participar nel.
Luís Davila Malvido naceu en 1972 en Bueu, vila á que ten estado vencellado sempre e onde atopa a inspiración da maioría das súas viñetas. Tras entrar a traballar en 1996 en Faro de Vigo, no departamento de deseño e maquetación, desde 1998 fai todos os días a sección “O Bichero”, que este ano cumpriu 25 anos e que hai xa moito tempo que se converteu nun clásico contemporáneo do humor gráfico galego. Davila sabe reflectir coma ninguén a idiosincrasia do pobo galego e facer que este se sinta orgullosamente representado como para rir de si mesmo con fachenda. As raiceiras da súa comicidade están maiormente no choque entre a tradición e a modernidade que acerta a plasmar, levando o mundo tecnolóxico de hoxe ao corazón dun rural que o integra con enxeño e bo humor.
Nun contexto en que os humoristas gráficos sempre gozaron de moita popularidade –Quesada, O Carrabouxo, Gogue–, Davila superounos axiña a todos, de maneira que as súas viñetas se viralizan hoxe nas redes sociais, ademais de ter orixinado once escolmas en forma de libro e un crecente merchandising moi ben recibido polos seus seguidores.
Coa entrega do Premio Trasalba ao humorista gráfico de Bueu, a Fundación Otero Pedrayo non só recoñece un valor innegable da cultura galega, senón que acerta a elevar o humor gráfico á categoría de cultura con maiúsculas, no ronsel doutros recoñecementos producidos nos últimos tempos como a entrada de Antonio Mingote na Real Academia Española (1988), o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades a Joaquín Lavado, Quino (2014) ou –sin saír de Galicia– a Medalla Castelao a O Carrabouxo (2008).
(Fotografías: Fundación Otero Pedrayo)