O Carrabouxo, o popular personaxe de Xosé Lois en "La Región", cumpriu onte 40 anos. O personaxe naceu no xornal ourensán o 10 de novembro de 1982. A primeira viñeta coincidiu coa visita do papa Xoán Paulo II a Galicia e representaba dúas vellas que foran recibilo en Santiago de Compostela cunha pancarta co lema do pontífice “Totus Tuus” que escribiron como lles pareceu. Teño que corrixirme, porque na entrada do 4 de novembro sobre a inauguración dunha escultura pública da Monchiña de Gogue en Cambados escribín que a serie do Carrabouxo principiara o 9 de decembro de 1982.
Estes 40 anos de vida constitúen sen dúbida un verdadeiro
récord en Galicia e España toda, pois é moi raro que un personaxe de humor
gráfico sobreviva na prensa tanto tempo. Claro que aínda lle quedan moitos anos
para alcanzar a Don Celes, que o bilbaíno Olmo debuxou durante case 76 anos,
primeiro en "La Gaceta del Norte", desde 1945, e logo en "El Correo", a partir de
1969. Un récord probablemente mundial que dificilmente será superado algún día.
Olmo morreu coas botas postas aos 99 anos, seis máis ca Mingote, que tamén
faleceu en activo os 93 anos.
Ademais desta insólita lonxevidade, O Carrrabouxo ten
acadado ao longo do tempo unha popularidade extraordinaria. Segundo declarou o
humorista máis dunha vez á prensa, a clave deste éxito está no feito de ser un
personaxe “galego-céntrico”, que interpreta todo desde a psicoloxía e mais a
cultura galegas, o que facilita a identificación do público.
Xosé Lois non ten intención de deixar de debuxar ao Carrabouxo, segundo declaraba onte ao diario "Nós Galicia", onde confesaba tamén que moitas veces tivo que “reprimirse” e “autocensurarse”. Porén, noutras ocasións –por exemplo, na entrevista que lle fixen para o meu libro "O humor en cadriños" (Morgante, 2012)–, destacou que ten publicado “viñetas incríbeis en relación á liña do xornal e os seus compromisos políticos, o cal é de apreciar”.
Desde aquí non podemos menos que desexarlle ao Carrabouxo outros 40 anos máis de vida, polo menos. Claro que Xosé Lois ten xa 73 anos. A ver que pasa.
Primeira viñeta do Carrabouxo, "La Región", 10 de novembro de 1982. |
O Carrabouxo, "La Región", 10 de novembro de 2022. Viñeta conmemorativa dos 40 anos do personaxe |
Ningún comentario:
Publicar un comentario