Des que deixou de colaborar acotío en 2009 no desaparecido “Xornal de Galicia”, Pepe Carreiro ten cultivado a viñeta política en revistas como “Tempos Novos” –na sección “Guau Guau!”– e “A Trabe de Ouro”, mais é certo que non o volveu facer nun diario ata hai menos de tres anos, cando pasou a publicar unha viñeta semanal en “Nós Diario", onde se alterna con Xosé Lois, Tokio, Xosé Tomás e Ruth Caramés (o xornal edítase cinco días á semana, de martes a sábado).
En calquera caso, é obvio que nos últimos tempos a viñeta política
de Carreiro ten pasado a ter máis visibilidade, ao se publicar unha vez cada
cinco días, aínda que non teña a incidencia que tiña cando a publicaba acotío
nun diario de tanta difusión como “La Voz de Galicia”. Esta visibilidade aumentará
un chisco tendo en conta que desde xuño a súa viñeta en “Tempos
Novos” se publica a páxina completa, tras a desaparición de “Guau Guau!”, en que compartía sección con Xaquín Marín, Tokio e Lola.
O humorista comezou a súa colaboración en “Nós Diario”
usando a mesma técnica coa que nos sorprendeu no seu día en “Xornal de Galicia”
–carbón e sanguina–, despois de tantos anos facendo debuxo de liña a tinta.
Porén, este ano volveu á tinta negra, porque o carbón con sanguina “leva moito
tempo”. “Máis que complicado, é liante”, explicou o a este blog.
“Nós Diario” veu dar folgos ao humor gráfico na prensa diaria
galega cun tratamento digno. Carreiro destaca que a viñeta ten no xornal "unha presenza importante": publícase na
sección de Opinión –aínda hai periódicos que a postergan a seccións lixeiras como
Pasatempos–, en páxina impar e cun “tamaño considerable”.
Outra característica do humor gráfico no diario nacionalista
é que, no canto de ter un único humorista que publique todos os días, conta con
cinco que se alternan, de maneira que cada día da semana a viñeta é debuxada
por un deles. “É unha novidade que me sorprendeu”, afirma o debuxante.
Carreiro iniciouse no humor gráfico na prensa en 1977, coa
banda “O fillo de Breogán”, no voceiro comunista “A Voz do Pobo”. Entre outros
diarios, colaborou en “Faro de Vigo”, “La Voz de Galicia”, “El Mundo”, “El
Pueblo Gallego” e “Xornal de Galicia”, ademais de no desaparecido semanario “A
Nosa Terra”, con viñetas cargadas de crítica social e política. Tamén foi
cofundador dos periódicos de humor “Can sen Dono” e “Xo!”.
Á parte do humor gráfico, continúa traballando na banda deseñada, particularmente na súa exitosa serie “Os Bolechas”, principiada no ano 2000.
Unha das últimas viñetas de Pepe Carreiro en "Nós Diario". |
Ningún comentario:
Publicar un comentario