xoves, 28 de setembro de 2023

A escola galega da caricatura arxentina

Acabo de recibir na casa o libro Periodismo, periferias y marginalidad (Fragua, 2023), que saiu do prelo hai un chisco. Coordinado por Julio Yanes, María Gabino, David Fuentefría e José Luis Zurita, contén 21 traballos académicos de 25 especialistas relacionados coa comunicación nas periferias e presentado ao último congreso da Asociación de Historiadores da Comunicación (Ahiscom), celebrado en 2021 na Universidade de La Laguna, nas illas Canarias. Entre eles está o titulado La escuela gallega de la caricatura argentina, da miña autoría, en que evoco a importante contribución ao nacemento e primeiro desenvolvemento do humor gráfico arxentino a finais do século XIX e comezos do XX por parte dun feixe de debuxantes galegos emigrados: José María Cao Luaces -considerado o pai da caricatura política arxentina-, Juan Carlos Alonso -que se convertería no humorista gráfico máis famoso de toda Sudamérica-, Federico Ribas Montenegro -antes de se revelar como un dos principais debuxantes publicitarios de Europa-, Ramón Peña Gil e Manuel Fernández Lourido.

Como explico nas conclusións do traballo, os catalizadores de este fenómeno foron Cao e o semanario porteño Caras y Caretas (1898), que aquel chegou a dirixir, igual que Alonso, e no que colaboraron tamén Ribas, Peña e Lourido. Mais cómpre destacar a contribución destes debuxantes a outras publicacións como Fray Mocho -da que Cao foi cofundador e Peña director artístico-, Plus Ultra -suplemento mensual de Caras y Caretas, fundado e dirixido por Alonso-, PBT, La Nación -de cuxo suplemento dominical foron directores artísticos Cao e Peña-ou Crítica, e outras vencelladas á colectividade galega como Céltiga -da que Peña foi fundador e director- e Suevia.

Como contrapartida, a emigración a América destes debuxantes, sobre todo de Cao, o maior dos cinco, retrasou nunha xeración a aparición do moderno humor gráfico galego, que finalmente sería obra de Castelao. Significativamente, Cao emigrou a Bos Aires o mesmo ano en que nacía Castelo (1886), quen, sendo un cativo na Pampa, onde os seus pais tiñan unha "pulpería" -nada que ver coas galegas-, sentiu medrar a súa vocación de debuxante mirando as viñetas do seu paisano en Caras y Caretas.

Portada de José María Cao en Caras y Caretas, nº 485, 18-1-1908.


venres, 8 de setembro de 2023

O Museo do Humor de Fene celebra os 40 anos de "Can sen Dono"

Can sen Dono, a primeira revista galega de humor editada despois da Guerra Civil, cumpriría este 2023 corenta anos. O primeiro número saíu na primavera de 1983. Con este motivo, o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene organiza unha exposición sobre a revista que se inaugura hoxe, ás 20.00 horas, coa presenza dos tres grandes artífices da publicación: Antón Mascato, o seu editor; Pepe Carreiro, o seu director; e Gogue, o seu coordinador administrativo, que participarán nun coloquio. A mostra, comisariada por Paco Oti, un dos colaboradores da revista, estará aberta ata o 27 de outubro. Nela poderá verse unha compilación de debuxos orixinais, acetatos e recortes empregados na composición das páxinas da revista. Tamén se amosarán reproducións das vinte e tres portadas e dos catro números especiais publicados, xunto con correspondencia orixinal e referencias bibliográficas. Co gallo tamén deste aniversario e desta exposición, o suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario publicou a fin de semana pasada unha excelente reportaxe sobre a revista asinado polo propio Mascato.

Can sen Dono editouse en Vigo desde marzo de 1983 ata abril de 1991 en dúas etapas. A primeira rematou en 1989 e a segunda comezou ese mesmo ano. Mais semella que a mostra do Museo do Humor céntrase só na primeira, que, en todo caso, ocupou a meirande parte da traxectoria da revista. A publicación constituíu un fito na historia do humor gráfico galego, non só por ser a primeira das revistas e dos suplementos de humor editados en Galicia tras a guerra –logo virían Xo!, Sapoconcho (boletín do Museo do Humor de Fene), O Farelo (suplemento de A Peneira), Xatentendo.com (suplemento de La Voz de Galicia) e Retranca, todas elas desaparecidas hoxe–, senón tamén, en primeiro lugar, polo seu carácter aberto e plural. Desde o seu inicio contou cos máis destacados humoristas gráficos e literarios da época, de todos os espectros políticos. Nela colaboraron autores próximos á esquerda nacionalista como Xaquín Marín ou Xosé Lois, mais tamén outros conservadores como Mariano Abalo ou mesmo de pasado falanxista como Lalo. “En Can sen Dono admitimos todos os sectarismos”, concluiu con humor Chichi Campos, un dos seus principais colaboradores. A nómina dos autores que colaboraron na revista é abraiante. Entre os gráficos estaban Quesada, Forxán, Xaquín Marín, Lalo, Fran Jaraba, Chichi Campos, Xosé Lois, Fragoso, Silvar, Ferreiro, Siro, Lola Blázquez, Tizón, Ramón Trigo, Kukas, Xan Carlos, Méndez, Xosé Guillermo, Manoel Gulín, Paco Oti, Paco Carreiro e Gogue. Dos textos literarios ocupáronse Iglesias Viqueira, Picho Suárez –que figurou como director da publicación na última etapa–, Vial, Xosé Fernández Ferreiro, Xoán Tapias, Manuel Blanco Rivas, Montesinos, Anton Mascato, Víctor Freixanes, Gustavo Luca ou Xosé A. Perezo. Algúns deles, como estes últimos, fixérono con pseudónimo, algo moi común nas publicacións de humor da época. Lembremos que en 1983, cando apareceu Can sen Dono, aínda se editaban en España El Papus e, por suposto, El Jueves, que todavía existe.

A revista constituiu tamén un fito pola “modernidade radical” –en palabras de Chichi Campos– do seu humor literario, que daquela non tiña a tradición en Galicia que si tiña o gráfico (Castelao, Maside, Torres, Cebreiro, Vidales Tomé, Atomé…). Segundo diría Chichi, os humoristas literarios de Can sen Dono procuraron “alternativas formais para, desde o satírico, seren máis eficientes nas súas críticas á nova política que fan os mesmos que uns anos antes facían política colaboracionista coa ditadura”.

Hai que ir ver a exposición de Can sen Dono no Museo do Humor, porque, ademais de recuperar un anaco da historia recente da cultura galega, vanse divertir moito. A imaxinación, o enxeño e tamén a mala uva de todos estes loucos marabillosos que fixeron a revista son sobresalientes. Lembren, ata o 27 de outubro.

Cartel da exposición sobre Can sen Dono no Museo do Humor.