xoves, 23 de febreiro de 2023

Reinaugurada a Praza do Humor da Coruña con 13 novos debuxos de personaxes como Woody Alllen, Berlanga, Azcona, Tip y Coll, Piedrahita e Brandoriz

A praza do Humor da Coruña estreou oficialmente o seu novo deseño o mércores 22 de febreiro, coa presenza de máis personaxes vinculados co mundo do humor. Peridis, Martes e Trece, Woody Allen, Andreu Buenafuente, Carmen Rico Godoy, Gila, Luís Piedrahita, Conchita Montes, Pedro Brandariz, Luis García Berlanga e Rafael Azcona, Tip e Coll, Rosa María Sardá e Ramón Gómez de la Serna son as novas ilustracións dun espazo destas características “único no mundo”, segundo lembrou Siro López, e inaugurado por primeira vez en 1990. O escritor e debuxante de La Voz de Galicia encargouse do deseño orixinal da praza e de novo foi o responsable das novas incorporacións. De plasmar sobre o pavimento os debuxos de Siro encargouse o escultor Mico Rabuñal, que tamén estivo presente no acto, así como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Siro agradeceu a actuación impulsada polo goberno local para recuperar “unha praza que foi esquecida durante anos”. Ata que se prohibiu en 2008, este recinto foi un dos lugares máis populares para a práctica do botellón, cos prexuízos que provocaba aos veciños e á propia praza. Ademais de engadir as novas ilustracións, reparáronse as que xa había anteriormente, que se atopaban bastante deterioradas. A actuación tamén incluíu a recuperación da figura do Gatipedro –o imaxinario personaxe de Cunqueiro–, sometida a unha limpeza integral, así como a restauración dos bancos-esculturas de Castelao e do propio Cunqueiro e o busto de Vicente Risco, ademais das 472 lousas de firme marmóreo que ocupan os 384 metros cadrados de superficie da praza.

A inauguración oficial da praza realizouse o día en que se cumpriu un ano do pasamento do humorista Pedro Brandariz. Así, rendéuselle homenaxe xunto á súa ilustración e estiveron presentes amigos, compañeiros de profesión e familiares, entre eles os seus pais, que recibiron emocionados o debuxo orixinal da silueta reflectida no pavimento da praza.

--

Con información de La Voz de Galicia

Ilustración de Pedro Brandariz na Praza do Humor @Javier Alborés/El Ideal Gallego.


luns, 5 de decembro de 2022

Entrevista a Gogue en "Faro de Vigo"

Gogue está de actualidade estes días porque Floreano cumpre 33 anos o 9 de decembro (apareceu por primeira vez en Faro de Vigo ese mesmo día de 1989) e porque Monchiña ten unha estatua de seu en Cambados desde o 4 de novembro, que se suma que xa tiña o seu home no Grove desde 2011.

Con este motivo, o humorista do Salnés foi entrevistado a toda páxina o pasado día 1 en Faro de Vigo, no suplemento Faro da Cultura. Reproduzo deseguido a entrevista que lle fixo Lourdes Varela, da que, en calquera caso, me gustaría destacar algunas respostas:

“A xente quere seguir rindo das temáticas de sempre: de viño, de contos de taberna, de igrexa, de fútbol, de anécdotas e historias cotiás. Desde que comecei (…), quixen facer sempre o mesmo humor social do día a día”.

“As restriccións, a falta de liberdade para poder saír [por mor da pandemia] deron paso a que a xente lera máis os medios e sobre todo os dixitais, onde as tiras de humor foron un bálsamo contra esa etapa tan dura que nos tocou vivir”.

“As ocorrencias sempre xorden, non hai un momento da miña vida profesional que non pense na tira do día ou na do día seguinte. Ese é o meu día a día”.

Na entrevista, canto ás súas colaboracións na prensa dos EEUU, Gogue lembra que na actualidade está a facer unha caricatura política mensual en Hoy en Delaware (estado situado no nordeste do país e cuxa capital é Dover), despois de colaborar durante varios anos no Washington Post.

Tamén destaca dous proxectos persoais que teñen que ver coa animación dos seus personaxes, unha teima que tiña desde sempre e que nos últimos tempos se ten feito realidade. Así, di que Paseo por Vigo con Floreano e Monchiña “presentarase próximamente” e que ademais está “cunha serie de varios capítulos sobre o selo de Floreano”. Refírese o selo que Correos editou para conmemorar o Xacobeo 2021-22. “Hai varios proxectos en marcha que se todo vai ben, axiña estarán nalgunha canle de televisión”.

Longa vida a Floreano e mais a Gogue.



venres, 18 de novembro de 2022

En marcha as obras de restauración da Praza do Humor da Coruña, que aumentará a nómina de personaxes

Avanzan a bo ritmo as obras de restauración da Praza do Humor da Coruña, un espazo único no mundo deseñado por Siro e inaugurado en 1990.

A reforma foi anunciada polo Concello coruñés o pasado mes de abril coa intención de revertir o maltrato soportado pola praza como consecuencia do paso do tempo e da acción dos gamberros, malia a prohibición do botellón no recinto en 2008.

O recinto, de 384 metros cuadrados, ten un pavimento artístico de 472 baldosas de mármore branco sobre as que están debuxadas as siluetas dunha chea de representantes do mundo do humor nas súas máis variadas manifestacións: Cervantes, Groucho Marx, Cantinflas, a Pantera Rosa, Astérix e Obélix, Mortadelo e Filemón, Carpanta, Mafalda, Carlos e Snoopy. A elas súmanse as estatuas sedentes de Alfonso Rodríguez Castelao e Álvaro Cunqueiro, e os bustos de Vicente Risco e Wenceslao Fernández Flórez.

O chan está a ser limpado e as  siluetas repintadas, traballo a cargo do escultor Mico Rabuñal, Pola súa banda, os bustos e as estatuas serán arranxados, porque a algúns lles falta o nariz, por culpa dos gamberros. Actualmente, as esculturas están cubertas por plástico. O pasado mércores, 16 de novembro, Siro pasou pola plaza na compaña doutros expertos para faceren unha comparación dos narices cos modelos que tiñan dispostos.

Pero tamén se aproveitará a ocasión para aumentar a listaxe dos humoristas representados no chan con novas siluetas de Goya, Gila, Martes e Trece, os cineastas Luis García Berlanga e Rafael Azcona, os humoristas gráficos Fernando Quesada e Peridis, o actor e presentador Andreu Buenafuente, Woody Allen e o arxentino Alejandro Dolina, autor dun famoso programa de radio en su país desde hai décadas. Tamén de tres mulleres (ata o de agora non había ningunha): a escritora Carmen Rico e as actrices Rosa María Sardá e Conchita Montes. Asemade, incorporaranse dous coruñeses de pro: o monologuista Luís Piedrahíta e o actor e humorista Pedro Brandariz, falecido inesperadamente o pasado mes de febreiro aos 44 anos.

Todos os debuxos serán feitos por Siro, quen, sobre a difícil selección dos novos inquilinos da praza, afirmaba o pasado 26 de xuño a David García, nunha entrevista para “La Voz de Galicia”: “Propuxen que se ampliasen os debuxos para homenaxear a outros humoristas (…), pero sempre quedarán grandes profesionais sen homenaxear. Había ausencias que se facían notar e estou moi contento de incorporalas.(…). O proceso de selección é durísimo, como escoller a alguén para darlle un premio”.

O plan de reforma inclúe tamén a recuperación da figura do Gatipedro, o personaxe mitolóxico creado por Álvaro Cunqueiro, que será obxecto dunha limpeza integral.

O que perdeu a praza definitivamente foi o seu emblemático quiosco verde en que se servían cafés e churros aos transeúntes. A instalación foi derrubada en setembro de 2021.

Siro e outros expertos examinando hai uns días a estatua de Castelao na Praza do Humor da Coruña (fotografía de Quintana, tomada de "El Ideal Gallego").


xoves, 17 de novembro de 2022

Pepe Carreiro segue a cultivar a viñeta política en "Nós Diario"

Des que deixou de colaborar acotío en 2009 no desaparecido “Xornal de Galicia”, Pepe Carreiro ten cultivado a viñeta política en revistas como “Tempos Novos” –na sección “Guau Guau!”– e “A Trabe de Ouro”, mais é certo que non o volveu facer nun diario ata hai menos de tres anos, cando pasou a publicar unha viñeta semanal en “Nós Diario", onde se alterna con Xosé Lois, Tokio, Xosé Tomás e Ruth Caramés (o xornal edítase cinco días á semana, de martes a sábado).

En calquera caso, é obvio que nos últimos tempos a viñeta política de Carreiro ten pasado a ter máis visibilidade, ao se publicar unha vez cada cinco días, aínda que non teña a incidencia que tiña cando a publicaba acotío nun diario de tanta difusión como “La Voz de Galicia”. Esta visibilidade aumentará un chisco tendo en conta que desde xuño a súa viñeta en “Tempos Novos” se publica a páxina completa, tras a desaparición de “Guau Guau!”, en que compartía sección con Xaquín Marín, Tokio e Lola.

O humorista comezou a súa colaboración en “Nós Diario” usando a mesma técnica coa que nos sorprendeu no seu día en “Xornal de Galicia” –carbón e sanguina–, despois de tantos anos facendo debuxo de liña a tinta. Porén, este ano volveu á tinta negra, porque o carbón con sanguina “leva moito tempo”. “Máis que complicado, é liante”, explicou o a este blog.

“Nós Diario” veu dar folgos ao humor gráfico na prensa diaria galega cun tratamento digno. Carreiro destaca que a viñeta ten no xornal "unha presenza importante": publícase na sección de Opinión –aínda hai periódicos que a postergan a seccións lixeiras como Pasatempos–, en páxina impar e cun “tamaño considerable”.

Outra característica do humor gráfico no diario nacionalista é que, no canto de ter un único humorista que publique todos os días, conta con cinco que se alternan, de maneira que cada día da semana a viñeta é debuxada por un deles. “É unha novidade que me sorprendeu”, afirma o debuxante.

Carreiro iniciouse no humor gráfico na prensa en 1977, coa banda “O fillo de Breogán”, no voceiro comunista “A Voz do Pobo”. Entre outros diarios, colaborou en “Faro de Vigo”, “La Voz de Galicia”, “El Mundo”, “El Pueblo Gallego” e “Xornal de Galicia”, ademais de no desaparecido semanario “A Nosa Terra”, con viñetas cargadas de crítica social e política. Tamén foi cofundador dos periódicos de humor “Can sen Dono” e “Xo!”.

Á parte do humor gráfico, continúa traballando na banda deseñada, particularmente na súa exitosa serie “Os Bolechas”, principiada no ano 2000.

Unha das últimas viñetas de Pepe Carreiro en "Nós Diario".


Adeus a "Guau Guau!"

“Guau Guau!”, a sección de humor gráfico da revista “Tempos Novos”, publicouse pola que semella ser a súa derradeira vez no pasado mes de abril. A sección, que ocupaba dúas páxinas e tiña catro viñetas en branco e negro –dúas por páxina–, asinadas ultimamente por Pepe Carreiro, Xaquín Marín, Tokio e Lola, foi substituída desde xuño –porque en maio a revista non publicou nada de humor gráfico– por unha soa viñeta en branco e negro a páxina completa asinada por Pepe Carreiro.

A desaparición de “Guau Guau!” non é banal, pois, malia que o humor gráfico nunha revista mensual como é “Tempos Novos” non ten nunca a visibilidade que posúe na prensa diaria, a sección viña publicándose arreo desde decembro de 2006; é dicir, tivo unha duración de 15 anos e medio, o que é todo un récord na prensa galega e española en xeral.

Cómpre aclarar antes de seguir que “Tempos Novos”, que leva como lenda a de “revista mensual de información para o debate”, é editada en Santiago de Compostela desde abril de 1997 por Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, S. A. O seu fundador e director é Luís Álvarez Pousa.

“Guau Guau!” era coordinada por Pepe Carreiro e, ao longo destes tres lustros de vida, tivo como colaboradores, ademais de ao propio Carreiro, a Xaquín Marín, Tokio, Lola, Xosé Lois –desde o inicio ata decembro de 2009–, Abraham Carreiro –fillo de Pepe Carreiro–, Sex (María Xosé Mosquera) e o finado Nachortas.

A sección mantiña o costume de denominar as publicacións de humor gráfico co nome dun animal ou algo correspondente a el, neste caso a onomatopea da acción de ladrar. Lémbrese que outros xornais ou revistas de humor editados nos últimos tempos en Galicia levaban por título "Can sen Dono", "Xo!" –subtitulada "A voz que para as bestas"–, "Sapoconcho" ou "Xatentendo.com". "Xatentendo" é unha das moitas maneiras que existen en Galicia de chamar coloquialmente o raposo. E quen non se acorda de "La Codorniz" ou "Hermano Lobo".

No “staff” de “Tempos Novos” continúa aparecendo a referencia a “Guau Guau!”, citándose no seu último número –o deste mes de novembro– como colaboradores a Pepe Carreiro, Tokio e Lola, mais semella un despiste da revista. O propio Pepe Carreiro manifestou a este blog a súa impresión de que a desaparición da sección é definitiva.

Penúltima entrega de "Guau Guau!", "Tempos Novos", marzo de 2022.