Xaquín Marín é un xigante do humor gráfico. Na tese de doutoramento que fixen sobre el cualifiqueino como “o humorista gráfico galego máis relevante [ollo, non digo o mellor, porque iso é sempre subxectivo] desde Castelao”. Nos últimos tempos está a recibir parte das homenaxes que sempre mereceu (penso, especialmente na exposición antolóxica de toda a súa obra que houbo no Museo do Humor de Fene –que hoxe leva o seu nome- o ano pasado). Agora, o Garaxe Hermético (Pontevedra), a primeira escola de cómic de Galicia súmase aos recoñecementos cun libro abraiante, Gaspariño XXI. Unha homenaxe a Xaquín Marín, que presenta unha visión actualizada das mellores tiras do inesquecible neno de Marín, redebuxadas por alumnos da escola, é dicir, polas novas xeracións de banda deseñada de Galicia. Cómpre esquecer que Xaquín foi o primeiro que publicou cómic en Galicia despois da Guerra Civil e que as tiras de Gaspariño, recollidas en El Ideal Gallego, estiveron entre as primeiras mostras dese traballo.
O libro, editado pola Deputación de Pontevedra, presentarase este venres, 30 de xuño,
ás 12.30 horas no Arquivo da Deputación, ao lado do Museo. O proxecto contou
coa colaboración especial do noso Premio Nacional de Cómic Miguel Anxo Prado, utor da capa, e de Kohell. Marín
estará acompañado pola deputada María Ortega; o director do Garaxe Hermético, Kiko
da Silva; e Alexandre Marín, fillo de Xaquín e comisario da exposición
retrospectiva do Museo do Humor. Os asistentes poderán levar un exemplar de
balde dun libro histórico que une pasado, presente e futuro da banda deseñada
galega.
Con ese motivo, Marín escribiu hai unhas horas no seu Facebook: “Non sabedes o agradecido que estou. Grazas á Deputación de Pontevedra, os alumnos do Garaxe Hermético, Miguel Anxo Prado, Kohell, Kiko da Silva e a todos os que tiveron algo que ver nesta publicación homenaxe! Dareivos unha aperta o día 30!”.
Capa do libro, por Miguel Anxo Prado. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario