sábado, 1 de xullo de 2023

Davila recibe o Premio Trasalba nun acto cheo de bo humor

O pintor e humorista gráfico Luís Davila recibiu o pasado domingo 25 de xuño o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo, nun acto celebrado na casa-museo do insigne escritor presidido polo presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, na súa calidade de presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo.
A xuízo da comisión de goberno da Fundación Otero Pedrayo, “a implicación na defensa da nosa lingua e a proximidade social das mensaxes que formula en defensa do galego, confirman o mérito dun artista chamado a converterse nun referente na reivindicación sociolingüística, pola súa constante manifestación de afecto á nosa lingua e a nosa cultura”.
Na acta do acordo, destácase ademais a calidade do humor gráfico e a popularidade das viñetas de Davila, que –dise– transmiten “un compromiso e unha modernidade que, pensamos, sería moi do gusto de don Ramón”.
Davila é o 40 galardoado co Premio Trasalba, que, con carácter honorífico, se concede dende 1983. O primeiro galardoado foi o historiador ourensán Xaquín Lorenzo Xocas, e anterior ao humorista gráfico, en 2022, o político e economista Carlos Mella Villar. No medio van alá representantes da historia, a economía, a filosofía, a xeografía, a literatura, a teoloxía, a arte, a pintura, a escultura, a música ou o xornalismo. Entre eles, Valentín Paz-Andrade, Francisco Fernández del Riego, Xosé Filgueira Valverde, Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas, Milladoiro, Cristina Pato, Antón Pulido ou Camilo Nogueira Román.
Foi un acto moi especial, sen dúbida o máis informal de cantos se celebraron ao longo deste 40 anos, como podía adiviñarse pola condición de viñetista do premiado. Ao seu nada académico discurso sumouse a laudatio que fixo o seu amigo o actor e monologuista Carlos Blanco, con quen ten colaborado en tres espectáculos escénicos de carácter pioneiro nos que mentres Blanco fala, Davila debuxa: Menú do día, Menú da noite e Menú do cocido. O actor fixo unha laudatio tan divertida como sentida, que comezou con “O bo de Luís é que ten unha fonte. Brótalle o humor, cáelle das mans”, e rematou con “Que non seque a fonte. Que a vida nos dea o teu humor por moitos anos”.
Pero o momento máis relaxado e inagardado do acto foi cando, tras a entrega ao premiado da figura en bronce de Otero Pedrayo que simboliza o premio, irrumpiu na sala a comparsa “Vou nun Bou”, da que Davila forma parte na súa vila natal, convertendo o evento en toda unha festa e sorprendendo ao humorista, que non sabía nada.
Ao final do acto presentouse o libro biobibliográfico con que son agasallados todos os premiados. Titúlase Luís Davila. Un xeito de estar no mundo e a portada é obra de Kiko da Silva, outro bo amigo do debuxante. O libro trae textos dunha vintena de amigos e admiradores de Davila e eu tiven a honra de ser convidado pola Fundación Otero Pedrayo a participar nel.
Luís Davila Malvido naceu en 1972 en Bueu, vila á que ten estado vencellado sempre e onde atopa a inspiración da maioría das súas viñetas. Tras entrar a traballar en 1996 en Faro de Vigo, no departamento de deseño e maquetación, desde 1998 fai todos os días a sección “O Bichero”, que este ano cumpriu 25 anos e que hai xa moito tempo que se converteu nun clásico contemporáneo do humor gráfico galego. Davila sabe reflectir coma ninguén a idiosincrasia do pobo galego e facer que este se sinta orgullosamente representado como para rir de si mesmo con fachenda. As raiceiras da súa comicidade están maiormente no choque entre a tradición e a modernidade que acerta a plasmar, levando o mundo tecnolóxico de hoxe ao corazón dun rural que o integra con enxeño e bo humor.
Nun contexto en que os humoristas gráficos sempre gozaron de moita popularidade –Quesada, O Carrabouxo, Gogue–, Davila superounos axiña a todos, de maneira que as súas viñetas se viralizan hoxe nas redes sociais, ademais de ter orixinado once escolmas en forma de libro e un crecente merchandising moi ben recibido polos seus seguidores.
Coa entrega do Premio Trasalba ao humorista gráfico de Bueu, a Fundación Otero Pedrayo non só recoñece un valor innegable da cultura galega, senón que acerta a elevar o humor gráfico á categoría de cultura con maiúsculas, no ronsel doutros recoñecementos producidos nos últimos tempos como a entrada de Antonio Mingote na Real Academia Española (1988), o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades a Joaquín Lavado, Quino (2014) ou –sin saír de Galicia– a Medalla Castelao a O Carrabouxo (2008).
(Fotografías: Fundación Otero Pedrayo)





Ningún comentario:

Publicar un comentario