Pinto & Chinto –David Pintor e Carlos López–
cumpriron xa 25 anos como parella profesional de feito no eido do humor gráfico
e para o celebraren levan ao Museo do Humor de Fene unha exposición antolóxica
titulada así, Pinto & Chinto, 25 anos,
na que repasan boa parte da súa produción.
A mostra inaugurarase mañá venres, a partir
das 20 horas, nun acto presidido polo alcalde de Fene, Gumersindo Galego,
que contará –xaora!– coa presenza dos artistas e que está aberto a toda a
veciñanza que se poderá achegar a unha exposición que, de
seguro, sorprenderá a todo o mundo.
Producida polo Museo do Humor, o deseño e a
realización da mostra correu a cargo da empresa Costa Comunicación Visual,
de A Coruña, que ten realizado unha espectacular montaxe que recorda a rotativa
dun xornal. A estrutura é de madeira, pensada para a posíbel itinerancia da
exposición por outras vilas e cidades de Galicia durante o vindeiro ano.
A mostra estará aberta en Fene durante todo o que
resta de ano. A partir deste venres, e ata o 23 de decembro, poderá visitarse
de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, namentras que os
sábados estará ao dispor do público de 10 a 13 horas. Coincidindo coa
época de Nadal, o horario modificarase do 24 ó 31 de decembro, cando
estará aberta de luns a venres de 10 a 14.15 horas.
Trátase dunha escolma de preto de cincuenta tiras
a gran tamaño, duns noventa centímetros de ancho, unhas dimensións realmente
moi impactantes. Son todas reproducións, entre outras cousas porque na era
dixital na que vivimos o humor gráfico xa non conta cos orixinais tal e como os
coñeciamos, pois gran parte da tira ou viñeta faise hoxe con ordenador.
Aínda que Pinto & Chinto encetaron a súa obra
conxunta como humoristas gráficos en 1993 en El Correo Gallego, todas as tiras expostas son de 2000 en adiante e
foron publicadas en La Voz de Galicia,
onde a parella colabora acotío desde 1998. “Non quixemos remontarnos máis atrás
porque os orixinais estaban desaparecidos ou ilocalizábeis [as reproducións
téñense que tirar, na medida do posíbel, do orixinal, claro é] e porque daquela
aínda non tiñamos un estilo moi definido”, explica David Pintor (Pinto).
O que si poderá atopar o visitante da mostra é un
texto moi agarimoso de Xosé Manuel Rey Nóvoa, o director de El Correo Gallego, que foi quen lles deu
a primeira oportunidade de publicar diariamente nun xornal. Cómpre dicir, en
calquera caso, que o verdadeiro descubridor de Pinto & Chinto foi Siro:
máis que o descubridor, case o creador, pois foi el quen lles suxeriu que se
asociasen e fixesen viñetas ou tiras xuntos, pois ata entón cada un facía as
súas. Hoxe fanas xuntos, aínda que quen as debuxa é Pinto.
No medio cento das tiras da mostra hai un pouco
de todo: tiras sobre información de Galicia, de España e do mundo, e non só de política,
tamén de outros temas como os deportes. “Escollimos as tiras das que estamos
máis contentos, as que máis nos gustaban, pero foi unha escolma moi difícil de
facer, porque son moitas as que publicamos [e tanto, multipliquen 25 por 365:
más de 9.000!]”, di Pinto. “Foi un labor complicado e fatigoso, por iso non
quixemos ir máis atrás do ano 2000, ademais de recollermos os temas máis
importantes, os que a xente tivese máis en mente. En definitiva é unha historia
do que pasou nos últimos anos”.
Logo destes 25 anos publicando tiras de humor na
prensa galega, Pinto & Chinto son hoxe unha das sinaturas do sector máis respectadas
en toda España, como acredita o Premio Mingote, concedido polo diario ABC, que recibiron en 2013. Só outro galego
–Quesada– gañouno tamén. Porén, sempre levaron adiante –xuntos ou por separado–
outras sobresaíntes carreiras artísticas, nomeadamente no eido da literatura
infantil. Quedanlles gañas de seguir facendo tiras ou preferirán profundizar
noutros intereses? David Pintor non dubida: “Como comecei moi novo nisto –cando
publicamos a primeira tira en La Voz só
tiña 18 anos–, aínda teño moitas gañas de seguir, e a nivel de actualidade
temos temas de abondo para tratar”.
(As tiras reproducidas a seguir corresponden ao meu libro O humor en cadriños II [Morgante, Cangas, 2017] e non están necesariamente na exposición]
La Voz de Galicia, 9-1-2016
La Voz de Galicia,12-9-2016
La Voz de Galicia, 13-9-2016
La Voz de Galicia, 2-10-2016
La Voz de Galicia, 20-10-206
Ningún comentario:
Publicar un comentario