sábado, 9 de febreiro de 2019

"O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro"

En 2018 publicáronse alomenos cinco libros sobre o humor gráfico galego: á miña monografía sobre Xaquín Marín e á miña entrevista a Siro sobre a carictura cómpre engadir outra obra deste último -O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro-, a xa habitual escolma de Davila coas súas mellores viñetas do ano e o estudo de Xulio Carballo sobre Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979). 

Nas vindeiras entradas do blogue fareime eco de todos eles. Comezo neste post co libro de Siro sobre a Transición.


O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro é o catálogo da exposición do mesmo título organizada pola Deputación da Coruña co gallo do 40 aniversario da Carta Magna e que está a percorrer diversos municipios da provincia. A mostra foi inaugurada o 20 de setembro de 2018 na Coruña e xa pasou por Ribeira, Santiago de Compostela, Carballo e Ferrol, onde será clausurada definitivamente o 24 de febreiro.
Son 117 viñetas co seu respectivo texto, publicadas no xornal La Voz de Galicia na serie “Imaxes da Transición”. Arrancan co nomeamento de Juan Carlos de Borbón como sucesor de Franco a título de rei en 1969 e rematan coa vitoria do PSOE nas eleccións xerais de 1982. Sete delas –a do devandito nomeamento de Juan Carlos e seis máis– son anteriores á morte do ditador, e é que, en contra do que o público mal informado puidese coidar, a Transición non comezou co pasamento de Franco, senón uns anos antes, certamente co nomeamento de Juan Carlos como o seu sucesor, nin rematou coa aprobación da Constitución de 1978, senón que se estendeu en efecto ata a vitoria electoral do PSOE en 1982. Era a primeira vez desde 1936 que a esquerda conquistaba o goberno.
O catálogo inclúe unha presentación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e cadanseu prólogo de do xornalista Fernando Ónega e do historiador Justo Beramendi.
Segundo González Formoso, Siro lémbranos estes episodios de Transición “ás veces arrincándonos un sorriso, outras invitándonos a reflexionar e sempre facéndonos cómplices da súa particular visión dun tempo en que a sociedade española sentou os alicerces do que hoxe somos como país”.
“Cun estilo propio e audaz, a miúdo impregnado polo agudo sentido do humor que caracteriza ao artista ferrolán, os seus debuxos plasman matices, xestos, sombras, actitudes, situacións e detalles que retratan mellor que moitas crónicas os personaxes que protagonizaron estes anos de profundos cambios”, engade o presidente da Deputación.
Fernando Ónega cualifica ao caricaturista de “testigo y analista de un tiempo fascinante”, “psicólogo de un país”, “notario” e “paciente orfebre de una narración de obligada lectura”.
“Lo escrito por él (el ‘pie’ de cada dibujo) narra los acontecimientos con el rigor del historiador, con la neutralidad del analista, con la agilidad del informador y con una envidiable exhibición de fuentes. Sus dibujos tienen la fuerza de la interpretación, con su reconocida genialidad, pero con la singularidad de no hacer un chiste de cada escena que retrata”, salienta o xornalista. “Con estos ingredientes, Siro ha conseguido lo que tantas veces se consideró el ideal de un comunicador que utiliza el humor para expresarse: cada una de sus viñetas es más expresiva que un articulo de fondo o un reflexivo editorial”.
Finalmente, Justo Beramendi destaca de Siro “a súa probada mestría como artista gráfico na elección de situacións, no trazo preciso para caracterizar persoas e actitudes e nese humor asemade lúcido e empático, lonxe da edulcuración deturpadora, e capaz de humanizar as súas criaturas sen renunciar á crítica, de inspirarnos certa simpatía e comprensión mesmo perante o máis antipático”.

Portada do catálogo
Unha das viñetas do libro, titulada "Comeza a elaborarse o anteproxecto da Constitución".

Siro co presidente da Deputación durante a inauguración da exposición na Coruña.

Un aspecto da mostra.



Ningún comentario:

Publicar un comentario