mércores, 7 de novembro de 2018

O músico e debuxante Xulio Formoso morre en Madrid aos 69 anos



O músico e artista plástico hispano-venezolano Xulio Formoso finou onte en Madrid aos 69 anos. 
Formoso nacera en Vigo en 1949, mais viviu en Venezuela desde 1965 ata hai uns anos, cando regresou a España. 
Era enxeñeiro civil, pero dedicou gran parte da súa vida á música e as artes plásticas. 
En 1970 gravou en Caracas o álbum Galicia canta, canda outros músicos galegos. Concibido e producido coa intervención directa e persoal do poeta e escritor Celso Emilio Ferreiro (nunha das cancións, Pandeirada do Che mesmo participa como músico tocando o pandeiro con Xulio), considérase un disco chave dentro do movemento Voces Ceibes e o primeiro LP de música galega. Varias das cancións que Xulio compuxo e gravou neste disco foron despois versionadas e gravadas por outros artistas como Pilocha e Luar na Lubre.
A súa carreira discográfica desenvolveuse durante 36 anos, e en 2007 foi designado polo Goberno de Venezuela como presidente da Fundación Centro Nacional do Disco ( Cendis). Daquela, o ministro de Cultura era o seu amigo Farruco Sesto, vigués coma el, arquitecto, escritor e poeta, e fillo do intelectual galeguista Xosé Sesto, xornalista, escritor, debuxante e pintor.
Como debuxante, a Formoso coñecémolo ben no sur de Galicia polas súas ilustracións para os artigos do xornalista buenense Francisco R. Pastoriza no suplemento “O Sábado” de Faro de Vigo, a última das cales saíu hai só uns días. Ademais, desde 2013 colaboraba en Periodistas en Español, onde ilustraba textos de Ileana Ruiz e do propio Pastoriza. E en 2014 creou a canle Estampas Latinoamericanas con debuxos, caricaturas, pinturas e ilustracións sobre personaxes históricos americanos descoñecidos para o lector europeo. 
O 14 de agosto de 2017 inaugurouse en Bueu, na Sala Domínguez Búa, unha exposición con algúns dúas seus debuxos a tamaño máis grande. Os retratos que aquí se reproducen proceden desa mostra, en concreto dás reproducions publicadas con tal motivo en Faro de Vigo.
Autorretrato.

Resultado de imagen de xulio formoso 
Gonzalo Torrente Ballester.
 
Rosalía de Castro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario