venres, 19 de xaneiro de 2018

A Deputación homenaxea a Siro López cun libro sobre a súa traxectoria vital e artística


.

Tomado da web da Deputación da Coruña (www.dicoruna.es), 19-1-2018.


A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presen-tación do libro "Siro", unha monografía de 383 páxinas en gran formato nas que se repasa, a través de textos e ilustracións, a ampla traxectoria biográfica e artística de Siro López.
O acto contou coa asistencia do presidente da institución pro-vincial, Valentín González Formoso, a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, o director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela Conde, xornal no que o tamén humorista gráfico desenvolveu boa parte da súa carreira profesional, e o artista ferrolán Pedro Taboada, que se encargou da coordinación do volume, así como do propio Siro e de numerosas personalidades do mundo da cultura, a arte, a política e o xornalismo que non quixeron perderse esta cita cun dos nosos artistas contemporáneos máis versátiles.
Na presentación de hoxe, que coincidiu coa celebración do 75 aniversario de Siro, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o volume "concentra a esencia da vida dunha boa persoa, dun gran artista de Galicia".
Formoso citou ao propio Siro ao afirmar que "un se fai querer se fai rir, e Siro fíxonos rir moito" con viñetas que ilustraron o acontecer social e político de Galicia durante as últimas décadas.
O presidente provincial subliñou tamén as múltiples facetas cultivadas por Siro durante a súa dilatada traxectoria profesional como xornalista, guionista, escritor, ilustrador e pintor e que agora "quedan recollidas para sempre nesta gran edición da Deputación da Coruña".
A vicepresidenta Goretti Sanmartín enmarcou a Siro "nunha estirpe de mestres como Maside, Díaz Pardo ou Castelao" e destacou "o orgullo" que supón contar coa súa figura entre os grandes artistas galegos. "O seu traballo é un agasallo para a cultura galega", apuntou.
"Siro é debuxante dende a nenez", afirmou o artista ferrolán Pedro Taboada, encargado da coordinación da obra, que repasou a traxectoria biográfica de Siro dende os seus inicios, coas primeiras caricaturas que debuxaba aos seus compañeiros de traballo en Bazán, e lembrou que a súa primeira viñeta publicouse na revista ferrolá "Chan".
A partir de aí xurdiron as primeiras oportunidades para que o mozo Siro realizara os seus primeiros guións de radio para Radio Popular de Ferrol e a súa primeira ilustración nun libro de Xavier Alcalá. Despois chegaron as caricaturas nos xornais, primeiro en Ferrol Diario (1971), en El Ideal Gallego e finalmente en La Voz de Galicia, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional entre 1985 e 2006.
Viñetas que se anticipaban aos titulares
As viñetas de Siro ilustraron períodos clave da historia recente de España como a transición ou o inicio da autonomía. "Todos os políticos galegos foron caricaturizados por Siro, en escenas que moitas veces se anticipaban aos sucesos", afirmou Taboada.
Este aspecto tamén foi destacado polo director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela Conde, que destacou o carácter "audaz e agudo" das viñetas de Siro, que "moitas veces ía por diante dos textos e os titulares".
"Non sei se destacar máis o Siro mitolóxico ou o Siro persoa", afirmou Vilela, que sostivo que "hai cinco ou seis Siros": o caricaturista, o humorista, o mestre, o intelectual, o galeguista... pero sobre todo destacou a súa valía como persona. "Intelixencia, beleza e sensibilidade, iso é Siro", concluíu.
Pola súa banda, Siro López agradeceu as múltiples mostras de afecto nun "día especial" no que celebrar ao mesmo tempo a edición do libro e o seu 75 aniversario. "Este é o libro da miña vida. Un libro soñado por calquera artista", afirmou, ao tempo que apuntou que a publicación permitirá coñecer outras facetas da súa carreira, ademais da de caricaturista. "Aínda que os anos dedicados ao xornalismo foron os máis felices da miña vida profesionalmente, non quería morrer sen deixar feita unha obra pictórica coa que me sentise satisfeito", afirmou.
"Eu cheguei á cultura pola porta de servizo", dixo Siro, que lembrou que nunca foi á universidade, nin a unha escola de arte. A pesar disto, rexeitou definirse como autodidacta "pois aprendín moito de todos".
O artista ferrolán dedicou o volume ao seu pai "que me deixou en herdanza algo tan marabilloso como o humor, que me serviu para darme de comer e para facerme querer", rematou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario