A Fundación Otero Pedrayo fixo pública concesión
do premio Trasalba 2023 ao deseñador gráfico, ilustrador e
viñetista Luis Davila Malvido (Pontevedra, 1972). A
xuízo da comisión de goberno da Fundación Otero Pedrayo, “a implicación na
defensa da nosa lingua e a proximidade social das mensaxes que formula en
defensa do galego, confirman o mérito dun artista chamado a converterse nun
referente na reivindicación sociolingüística, pola súa constante manifestación
de afecto á nosa lingua e a nosa cultura”.
Na acta do acordo, destácase ademais a
calidade do humor gráfico e a popularidade das viñetas de Davila, que transmiten
“un compromiso e unha modernidade que, pensamos, sería moi do gusto de don
Ramón”.
Davila naceu en Pontevedra e reside en
Bueu. É autor da sección de humor gráfico “O Bicheiro”, que vén desenvolvendo
con gran popularidade desde hai máis de 25 anos en Faro de Vigo. Todos os anos
edita un libro cunha escolma das viñetas publicadas no diario durante os
últimos doce meses. Ademais colabora cos seus debuxos en iniciativas de todo
tipo, mesmo publicitarias, e é autor dunha grande obra de merchandising. Tamén
levou adiante canda o actor e monologuista Carlos Blanco dous espectáculos
teatrais –Menú do día e Menú da noite– nos que debuxaba en directo no escenario
mentres o seu compañeiro contaba historias ao público.
A entrega do premio terá lugar
na casa museo Otero Pedrayo o domingo 25 de xuño. A xornada rematará cunha
comida no souto da Fundación.
O Premio Trasalba, que ten carácter
honorífico, concédese dende 1983. O primeiro galardoado foi Xaquín Lorenzo
Xocas, historiador ourensán. O ano pasado o galardoado foi o escritor, político
e economista Carlos Mella Villar nado en O Foxo (A Estrada). Nun primeiro
momento, a razón do premio era a vinculación, directa ou indirecta, coa figura
de Otero Pedrayo. Progresivamente foi evolucionando cara a un personaxe
referente na nosa cultura galega. Agás o premio concedido a Agustín Sixto Seco,
fundador e primeiro presidente da Fundación, sempre se concede a unha persoa en
vida.
---
Con información de La Voz de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario