O debuxante, ilustrador e caricaturista José Ángel Rodríguez
López, Gogue, é o autor do selo de correos conmemorativo da exposición
filatélica “Un xenio volve á casa” que organiza a Sociedade Filatélica da
Coruña para conmemorar o 50 aniversario da morte de Pablo Ruiz Picasso que
se pode visitar desde o 30 de novembro ata o 17 de decembro na Sala
Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga da cidade herculina.
Trátase dun selo personalizado de tarifa A (para carta ou
tarxeta postal nacional ordinaria), do que se encargou unha primeira tirada de
400 unidades, que se debe solicitar directamente a esta sociedade. No
selo, Gogue retrata o pintor malagueño coa súa coñecida camisa a raias azuis
mentres pinta a Torre de Hércules.
Picasso viviu na Coruña entre outubro de 1891 e abril de
1895. Nese tempo recibiu clases, na Escola de Belas Artes, de Román Navarro, de
Isidoro Brocos e do seu propio pai, profesor no devandito centro. Na cidade
herculina realizou a súas dúas primeiras exposicións de pintura,
sorprendendo pola calidade das obras dun adolescente de só 13 anos. Algúns dos
cadros que pintou na Coruña acompañárono toda a súa vida.
Este é o segundo selo que leva a firma do debuxante do
Grove. O primeiro foi emitido en 2021 por Correos co gallo do Ano Santo Xacobeo
2021-2022, un selo de tarifa B (para carta ou tarxeta postal internacional
ordinaria) protagonizado por Floreano –o popular personaxe de Faro de Vigo que
Gogue debuxa desde 1989–, ataviado coa capa de peregrino, o bordón e a cabaza.
A súa tirada foi de 160.000 exemplares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario