Can sen Dono, a primeira revista galega de humor editada despois da
Guerra Civil, cumpriría este 2023 corenta anos. O primeiro número saíu na
primavera de 1983. Con este motivo, o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene
organiza unha exposición sobre a revista que se inaugura hoxe, ás 20.00 horas,
coa presenza dos tres grandes artífices da publicación: Antón Mascato, o seu
editor; Pepe Carreiro, o seu director; e Gogue, o seu coordinador
administrativo, que participarán nun coloquio. A mostra, comisariada por Paco
Oti, un dos colaboradores da revista, estará aberta ata o 27 de outubro. Nela poderá
verse unha compilación de debuxos orixinais, acetatos e recortes empregados na
composición das páxinas da revista. Tamén se amosarán reproducións das vinte e
tres portadas e dos catro números especiais publicados, xunto con
correspondencia orixinal e referencias bibliográficas. Co gallo tamén deste
aniversario e desta exposición, o suplemento Sermos Galiza do xornal Nós
Diario publicou a fin de semana pasada unha excelente reportaxe sobre a
revista asinado polo propio Mascato.
Can
sen Dono editouse en
Vigo desde marzo de 1983 ata abril de 1991 en dúas etapas. A primeira rematou
en 1989 e a segunda comezou ese mesmo ano. Mais semella que a mostra do Museo
do Humor céntrase só na primeira, que, en todo caso, ocupou a meirande parte da
traxectoria da revista. A publicación constituíu
un fito na historia do humor gráfico galego, non só por ser a primeira das
revistas e dos suplementos de humor editados en Galicia tras a guerra –logo
virían Xo!, Sapoconcho (boletín do
Museo do Humor de Fene), O
Farelo
(suplemento de A
Peneira), Xatentendo.com
(suplemento de La Voz de Galicia) e Retranca, todas elas desaparecidas
hoxe–, senón tamén, en primeiro lugar, polo seu carácter aberto e plural. Desde
o seu inicio contou cos máis destacados humoristas gráficos e literarios da
época, de todos os espectros políticos. Nela colaboraron autores próximos á
esquerda nacionalista como Xaquín Marín ou Xosé Lois, mais tamén outros
conservadores como Mariano Abalo ou mesmo de pasado falanxista como Lalo. “En Can sen Dono admitimos todos os
sectarismos”, concluiu con humor Chichi
Campos, un dos seus principais colaboradores. A nómina dos
autores que colaboraron na revista é
abraiante. Entre os gráficos estaban Quesada, Forxán, Xaquín Marín, Lalo, Fran
Jaraba, Chichi Campos, Xosé Lois, Fragoso, Silvar, Ferreiro, Siro, Lola
Blázquez, Tizón, Ramón Trigo, Kukas, Xan Carlos, Méndez, Xosé Guillermo, Manoel
Gulín, Paco Oti, Paco Carreiro e Gogue. Dos textos literarios ocupáronse
Iglesias Viqueira, Picho Suárez –que figurou como director da publicación na
última etapa–, Vial, Xosé Fernández Ferreiro, Xoán Tapias, Manuel Blanco Rivas,
Montesinos, Anton Mascato, Víctor Freixanes, Gustavo Luca ou Xosé A. Perezo.
Algúns deles, como estes últimos, fixérono con pseudónimo, algo moi común nas
publicacións de humor da época. Lembremos que en 1983, cando apareceu Can sen Dono, aínda se editaban en
España El Papus
e,
por suposto, El Jueves, que todavía existe.
A
revista constituiu tamén un fito pola “modernidade radical” –en palabras de Chichi
Campos– do seu humor literario, que daquela non tiña a tradición en Galicia que
si tiña o gráfico (Castelao, Maside, Torres, Cebreiro, Vidales Tomé, Atomé…). Segundo
diría Chichi, os humoristas literarios de Can
sen Dono procuraron “alternativas formais para, desde o satírico, seren
máis eficientes nas súas críticas á nova política que fan os mesmos que uns
anos antes facían política colaboracionista coa ditadura”.
Hai
que ir ver a exposición de Can sen Dono
no Museo do Humor, porque, ademais de recuperar un anaco da historia recente da
cultura galega, vanse divertir moito. A imaxinación, o enxeño e tamén a mala
uva de todos estes loucos marabillosos que fixeron a revista son
sobresalientes. Lembren, ata o 27 de outubro.
Cartel da exposición sobre Can sen Dono no Museo do Humor. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario