martes, 31 de outubro de 2017

Henrique Neira (H.M.): "Trato de rirme de situacións cotiás un tanto absurdas"

(Entrevista realizada en Vigo o 30 de outubre de 2017)

Henrique Neira é un excelente xornalista co que tiven a sorte e o pracer de coincidir en El Correo Gallego na derradeira década do século pasado. Mais é tamén un agudo humorista gráfico, que publica viñetas na prensa des que se inició na revista Radio Noticias cando aínda estaba a estudar a carreira na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente colabora na revista de tecnoloxía Código Cero.

Henrique Manuel Neira Pereira naceu en Caracas (Venezuela) en 1973. Estudou Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde se doutorou o 4 de febreiro de 2016 en Comunicación e Xornalismo coa tese Música popular e sociedade no Val do Ulla de 1920 a 1936: unha visión analítica desde a prensa comarcal.

Foi redactor no Grupo Correo Gallego durante case 16 anos, durante os que escribiu para O Correo Galego, El Correo Galego e Galicia Hoxe. Desde decembro de 2016 ata maio de 2017 traballou no gabinete de prensa da Deputación de Pontevedra.

Xornalista cun marcado perfil científico, en 2012 colaborou con MeteoGalicia e o Centro de Supercomputación de Galicia na difusión do proxecto MeteoSIX; en 2013 e 2014, coa cooperativa Cidadania nas tarefas de comunicación da Rede Eusumo; e en 2015, no proxecto Historia da informática en Galicia.

Debido ao seu traballo e ao seu interese en distintas materias, escribe libros e artigos, fai ilustracións e fotografías e deseña webs. É autor ou coautor dunha manchea de libros sobre historia local, cultura, xornalismo e novas tencoloxías, e dunha biografía de Xosé Mosquera Pérez, "O Vello dos Contos".

Desde setembro de 2017 é profesor de gravación e edición de reportaxes audiovisuais no IES Audiovisual de Vigo. Antes foi profesor de produción de artes gráficas no IES Leixa de Ferrol e profesor de produción de artes gráficas no CEE Saladino Cortizo de Vigo.

Como humorista gráfico, colaborou en Noticias Radio, O Correo Galego, Galicia Hoxe, Symbios, E-ciencia.com e Código Cero, e tamén nos volumes colectivos Guía AGPI ilustración 2011 e Sorrisos e boa colleita: unha homenaxe dos humoristas gráficos galegos ao noso rural (2008). Asina como H. M., iniciais do seu nome de pila, Henrique Manuel.

Ten unha páxina web persoal chamada www.neira.es.

Gústache a denominación de humor gráfico para o que fas? Porque hai autores aos que non lle gusta moito iso de “humor” e prefiren chamalo sátira gráfica ou viñetas…

Si, a denominación de humor gráfico paréceme adecuada, pero non exclusiva. Podería usar moitas outras: tamén me gustan viñetas, novela gráfica, cómic, tebeo… Tebeo é a que máis asocio sempre co debuxo e co humor, porque meus pais tiñan un quiosco-libraría en Santiago de Compostela e alí eu practicamente aprendín a ler cos tebeos. Despois deses pequenos contos de cando eramos máis pequenos, todo era tebeos, tebeos e máis tebeos.

Cales eran os teus tebeos preferidos?

Date conta que collín a mellor época de Bruguera. Nacín no 73 e ponlle que empecei a ler tebeos polo 78 ou 79, e no ano 86 foi cando pechou Bruguera. Teño moi bos recordos, porque había a revista semanal de Mortadelo, de Zipi e Zape, a revista Bruguelandia, os álbumes de Olé –de Super López, de Mortadelo, de Zipi e Zape…– e logo tebeos orientados a persoas de maior idade, como, por exemplo, Jan Europa.

Empezaches moi novo a debuxar tebeos?

Si, sendo aínda estudante da Educación Xeral Básica (EXB). Como me gustaban tanto, empecei eu mesmo a facer pequenos tebeos en formato cuartilla, de catro páxinas ou así, debuxados con lápis e sen colorear.

Cando e como comezaches a colaborar profesionalmente como humorista gráfico?

Estando aínda na Facultade de Comunicación de Santiago, empecei a facer colaboracións xornalísticas na revista Radio Noticias. Querían publicar algunha viñeta, e propúxenlles facer algunhas, e saquei dúas ou tres en 1994.

Quen editaba Radio Noticias?

A editorial Edinorte, unha empresa de Santiago, que publicaba tamén Cuadernos de Radio e algunha outra publicación sobre radioafeccionados. Radio Noticias era unha revista mensual e distribuíase en toda España.

Despois publicaches viñetas en O Correo Galego e El Correo Galego, onde traballabas como xornalista…

Primeiro entrei en O Correo Galego, onde publiquei tamén algunha que outra viñeta. Despois pasei para a edición dixital dos Correos [El Correo Galego e O Correo Galego, editados pola mesma empresa, Editorial Compostela] e logo á edición en papel de El Correo Gallego e, na última etapa, no diario Galicia Hoxe [sucesor de O Correo Galego]. Nos suplementos que tiñamos en O Correo Galego, como Descubrir, de vez en cando facía debuxos, non exactamente viñetas, senón ilustracións, moitas veces abstractas, que acompañaban a textos de opinión ou reportaxes. Despois, en Galicia Hoxe houbo unha tempada que nas páxinas de opinión había un oco que era difícil de cubrir porque moitas veces os textos non tiñan a extensión suficiente para encheren toda a páxina, e algunha vez que outra recorreuse a tomar prestadas viñetas doutros periódicos en formato de revista de prensa. Había outro compañeiro, Manolo Blanco [non confundir con quen foi fotógrafo de El Correo Gallego durante moitos anos] que tamén debuxaba, e propuxemos facer entre os dous unha viñeta diaria para ese espazo, é dicir, quince días un e quince días o outro. Empezamos contra finais de 2006 e así estivemos ata mediados de 2011, cando pechou o xornal.

Con Manolo Blanco tamén fixestes cousas conxuntas…

Si, en O Correo Galego, en 1995. Foi o ano en que nos licenciamos na Facultade. Había sete compañeiros da Facultade en O Correo Galego. Propuxéronnos facer un suplemento de universidade. Fomos probando distintos contidos e unha das cousas que se fixo foi unha páxina que se titulaba “A Casa da Balconada”. Estaba inspirada en “13, Rúe del Percebe”, de Ibáñez, pero, en vez de ser unha comunidade de veciños, era a Casa da Balconada, un dos edificios administrativos da Universidade de Santiago, e alí, de forma ficticia, representabamos o despacho do reitor –que realmente non estaba aí, senón no Pazo de San Xerome, no Reitorado– e puñamos tamén un piso de estudantes, había funcionariado… Fixemos pouco máis dunha ducia de páxinas. Eu ocupeime dos guións desde o número 2, porque o do 1 se fixo colectivamente, e Manolo Blanco, dos debuxos. Era moi complicado; levaba moito tempo facer esas viñetas. Date conta que daquela, en 1995, non había tanta tecnoloxía dispoñible como hoxe, era todo manual.

Tamén colaboraches nunha revista que se chamaba Symbios

Symbios era un proxecto europeo de investigación sobre iniciativas orientadas a afrontar o problema do despoboamento no rural. Participaban varias rexións europeas e coordinouse desde Galicia. Desde a cooperativa Cidadanía faciamos un boletín mensual onde eu publicaba unha viñeta sobre este ámbito. Aínda están na rede e pódense atopar.

Actualmente colaboras na revista de tecnoloxía Código Cero.

Nos últimos meses de Galicia Hoxe, nunha das ocasións que pasou pola redacción Xosé María Fernández Pazos, o director de Código Cero, propúxenlle publicar na revista unha viñeta sobre tecnoloxía. Aceptoue é a única colaboración que manteño hoxe. É unha viñeta mensual.

Fuches incluído nun catálogo da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI)…

Fun socio da AGPI durante case dous anos e participei en dousproxectos que sacaron: un catálogo e unha colección de marcapáxinas. A verdade é que hai debuxantes fantásticos, tanto homes como mulleres, que publican novela gráfica, viñetas para a prensa, ilustracións para libros… Encántame o traballo que se fai e paréceme que é xente moi profesional. Cando Santy Gutiérrez era o presidente da asociación, téñolle comentado que veía o traballo que facían eles e o que facía eu e me daba non sei que estar no catálogo acompañándoos. El sempre me dixo que o importante non é o debuxo, senón o que se transmite. Hai persoas que debuxan dunha maneira non demasiado elegante, pero son capaces de transmitir unha idea interesante e de manter un público.

Tamén participaches no libro colectivo Sorrisos e boas colleitas

Fora un traballo que nos encargara aos humoristas da prensa a Consellería de Medio Rural do goberno bipartito para promocionar o Banco de Terras de Galicia. Fixéronse dúas edicións: unha de luxo, con cartoné, e outra máis pequena, para regalar ás persoas que cederan as súas terras para o Banco. A verdade é que a colección de viñetas que se publicou é moi interesante. Todas teñen que ver co mundo da terra en Galicia.

Que pretendes coas túas viñetas?

Trato de rirme de situacións cotiás que teñen un certo punto de absurdo. Por exemplo, hai uns días tíña que facer un trámite cunha Administración a través de internet. Primeiro probei co certificado dixital, que non funcionaba. Despois, co DNI electrónico, e non recordaba a clave. Despois tiña que instalar Java. Despois tiña que ir á plataforma e reiniciala. A partir de aí saquei unha viñeta. Son situacións absurdas, que lle poden pasar a calquera e das que che podes rir sen ofender a ninguén. É unha forma tamén de protestar contra esas situacións, xa que non podo facer nada máis.

Como definirías o teu estilo?

É un estilo moi sinxelo. Gústame que poida chegar a calquera público. O problema é que, como fago viñetas para Código Cero, procuro que teñan que ver coa tecnoloxía, e éme moi difícil que sexan entendidas polas persoas que non están nese mundo, que non traballan en informática, no audiovisual, etc. É un reto tratar de conseguir que sexan accesibles para todos.

Que técnica e instrumentos usas?

Primeiro debuxo as viñetas a mán, con bolígrafo, porque me resulta más rápido que traballar con lápis, aínda que sei que non é moi ortodoxo. Fago unha representación das personaxes e do escenario. Logo collo un rotulador negro, de punta viva, e nun folio normal debuxo a viñeta definitiva. Despois escanéoa e coloréoa con Gimp ou Photoshop. As últimas versións de Gimp están moi ben, e é software libre.

A que humoristas segues hoxe en día?

A Forges, en El País. Antes seguía moito a Ricardo e Nacho, en El Mundo. E na prensa galega, a Santy Gutiérrez, en La Opinión; Andrés Meixide e Pinto e Chinto, en La Voz; a Davila –por suposto– e Gogue, en Faro de Vigo; O Carrabouxo, en La Región… Temos tamén a López, en El Correo Gallego, que tamén publicara antes en Galicia Hoxe, canda nós. Hai tantísimos bos debuxantes que me vai quedar algún por mencionar.

Paréceme que nos últimos anos houbo un claro retroceso canto ao tratamento do humor gráfico nos xornais galegos. Mesmo hai catro –El Ideal Gallego e os do seu grupo empresarial– que non publican ningunha viñeta. Ti que opinas?

Iso débese á difícil situación económica dos periódicos. El Ideal Gallego, desde hai moitos anos, ten moitos problemas para pagar as nóminas, e as viñetas é o primeiro que se recorta. A min gustaríame pensar que hai xente que mira os periódicos polas viñetas. En El País seguro que pasa coa viñeta de Forges, pero probablemente nos periódicos pequenos iso non sucede. A prensa en papel está en crise, e non ten fácil solución. Máis ben vai ser un lento declive. Chegará mesmo un momento en que a prensa, en vez de ser impresa a diario, imprimirase só semanalmente ou un par de días á semana, como xa pasa nos EEUU, o que quere dicir que se reducirá aínda máis a presenza de viñetas.

E como ves o futuro do humor gráfico na web?

Eu creo que na web xa se perdeu o hábito, porque ti entras na web dun periódico e, se non está ben deseñada, ao mellor non podes acceder ás viñetas. Iso vai derivar na dificultade de que se visualicen e de que se sigan facendo.

Mais hai mesmo experiencias de banda deseñada feita especificamente para soportes electrónicos…

Houbo experiencias de trasladar álbumes enteiros para o móbil, como un de Miguelanxo Prado, pero non funcionaron porque a pantalla do móbil é moi pequeniña, mesmo agora que os móbiles son máis grandes. A quen lle gusta ler un álbum vai preferir sempre velo máis grande. Neste momento, as tabletas, polo regular, son de 12 pulgadas como moito. No futuro é posible que teñamos tabletas asequibles de formato A4, e aí pode ser que os álbumes de cómic dixitais empecen a superar os álbumes en papel. Eu, a día de hoxe, prefiro seguir vendo un álbum en papel, pero tamén antes prefería ver os peródicos en papel e agora xa estou afeito a velos en internet. Supoño que cos álbumes de cómic pasará igual. Chegará un momento que dixitais serán dunha tecnoloxía flexible e barata e supoño que desprazarán os álbumes en papel.
Henrique Neira, ás portas do IES Audiovisual de Vigo, 30-10-2017
H. M., Galicia Hoxe, 2010

H. M., Galicia Hoxe, 2010

H. M., Galicia Hoxe, 2013

H. M., Rede Eusumo, 2013

H. M., Código Cero, 2014

H. M., Código Cero, 2014

H. M., Código Cero, 2014

H. M., Código Cero, 2014

H. M., Symbios, 2014

H. M., Código Cero, 2014

H. M., Symbios, 2015

H. M., Código Cero, 2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario