A Fundación Laxeiro acolle en Vigo ata o 16 de setembro a
exposición Os monos de Laxeiro. Obra
humorística na prensa, que reúne por primeira vez todas as viñetas de humor
que o pintor de Lalín publico una prensa. Trátase de 49 cadriños, que viron a
luz entre 1928 e xaneiro de 1930 en Faro
de Vigo –as 10 primeiras– e El Pueblo
Gallego –as 39 restantes–. A Fundación Laxeiro promoveu, ademais, a edición
por parte de Laiovento dun libro do mesmo título que, canda as 49 viñetas,
inclúe tres textos introdutorios, obra de Javier Pérez Buján –director
artístico da Fundación–, Manuel Igrexas –comisario da mostra, que ten estudado
polo miudo estes monos do artista lalinense– e eu mesmo, que trato de
contextualizar este traballo de Laxeiro no humor gráfico galego do seu tempo,
sen dúbida a idade de ouro do xénero, encetada por Castelao.
A referencia bibliográfica do meu texto é:
CABALLERO, F. (2018). Laxeiro e a idade de ouro do humor gráfico
galego. En Laxeiro, Os monos de Laxeiro.
Obra humorística na prensa. Vigo: Laiovento, pp. 31-42.
Polo seu indubidábel interese, fago a continuación un amplo extracto
do artigo de Manuel Igrexas, no que explica a orixe e as características destes
monos de Laxeiro.
---
Existen poucas referencias
sobre Laxeiro como humorista gráfico. Entre as biografías do pintor, o libro de
Antón Castro, Laxeiro: A invención dun
mundo, infórmanos dalgunhas colaboracións gráficas ou viñetas que publicara
na revista Céltiga e nos xornais Faro de Vigo
e El Pueblo Gallego, no período de 1928 a 1930. Pouco di o profesor Castro
sobre elas, a non ser para resaltar as calidades de Laxeiro como “debuxante
sinxelo e intuitivo”.
Logo de facer unha
investigación sistemática neses xornais, para localizar e inventariar esas colaboracións,
o resultado foi a aparición de 49 deseños, entre viñetas e debuxos, repartidos nos
xornais vigueses Faro de Vigo e El Pueblo
Gallego. Na revista Céltiga de Buenos Aires só apareceu unha viñeta, no número 139 do
10 de outubro de 1930, reprodución da publicada
anteriormente en El Pueblo Gallego; tamén se reproduciron no periódico bonaerense El Despertar Gallego outras dúas viñetas,
nos números 159 e 160 do 17 de novembro e 1 de decembro de 1929, recollidas así
mesmo de El Pueblo Gallego.
A
primeira colaboración do noso pintor foi publicada no Faro de Vigo do 13 de setembro de 1928. Nesta época, con vinte
anos, logo do retorno de Cuba por mor dunha enfermidade pulmonar en 1925, viviu
en Lalín, onde se dedicou ao oficio de barbeiro, debuxando sen descanso a
clientes e paisanos. Eses foron os seus
primeiros modelos nunha etapa de verdadeira formación. Nesta época converteuse
nun debuxante compulsivo que sempre se acompaña de lapis ou pluma e papel. Non é coñecido como pintor fóra
do ámbito comarcal. En 1928 toma contacto con Manuel Colmeiro, o pintor de
Silleda, a quen lle ensina os seus traballos que, segundo o propio Laxeiro, lle
gustaron moito. Colmeiro viña publicando algúns debuxos no Faro de Vigo dende febreiro dese ano, colaboracións que se
estenderon até marzo de 1929, e fixera a súa primeira exposición en agosto na
cidade de Vigo, xustamente no Salón do Faro.
É posíbel que fose Colmeiro quen animara o de Lalín a enviar os seus traballos
ao xornal vigués.
Por
outra parte, e tamén finais de agosto dese ano de 1928, comezou a traballar
como correspondente de Faro de Vigo
en Lalín o xornalista e poeta Xesús Froiz, amigo de Laxeiro, e co que despois
coincidiu na militancia do Partido Galeguista. Froiz tiña xa unha grande
experiencia como xornalista, iniciada no quincenal local Verdad y Justicia, e logo continuada como colaborador de La Zarpa. Nas súas crónicas da vida de
Lalín, Xesús fai gabanzas da calidade dos debuxos e retratos de Laxeiro. Mesmo
menciona que en outubro de 1928 estivo exposto no escaparate da xastrería El Buen Gusto, que rexentaba o seu pai
Gerardo Froiz Collazo, un retrato do avogado de Pontevedra Isidoro Millán feito
por Laxeiro, que foi moi eloxiado por todos os veciños. Esta é, de certo, a
primeira exposición de Laxeiro.
Non
é difícil conxecturar que foi a través do mesmo Xesús Froiz, fillo de labregos
como Laxeiro e moi vencellado ao agrarismo, como estas primeiras colaboracións
chegaron a materializarse. Así se deduce no entusiasmo con que o mesmo Froiz
presentaba a segunda das colaboracións do artista de Botos, N’o día da festa, que se publicou no
especial das festas patronais da vila de Lalín.
No
Faro publicou Laxeiro dez monos
durante o período que vai de setembro de 1928 a marzo de 1929. A fin da súa
colaboración co xornal vigués debeu de estar relacionada co feito de que o seu
valedor, o xornalista Xesús Froiz, deixou a correspondencia de Faro de Vigo en Lalín en xuño de 1929. Aínda
así, no Faro apareceu serodiamente
unha viñeta en setembro dese ano, cando xa levaba tempo colaborando co outro
xornal vigués, El Pueblo Gallego.
Durante
catro meses non apareceu na prensa ningún debuxo do noso pintor. Pero a partir
de xullo, iniciou as colaboracións en El
Pueblo Gallego, xornal que tiña como correspondente en Lalín outro seu
amigo, José Mª Calviño, carteiro na vila dezá, amigo de Otero Pedrayo e Florentino
Cuevillas, vencellado ao movemento agrarista e tamén correspondente de La Zarpa. Os dous foron compañeiros de
militancia no Partido Galeguista a partir de 1934, cando se constituíu o grupo de
Lalín, no que Xosé Otero acabou sendo o bibliotecario da xunta directiva
elixida ao ano seguinte.
En
El Pueblo Gallego publicou un total
de 38 monos e un debuxo. O primeiro apareceu en xullo de 1929 e o derradeiro en
xaneiro do ano seguinte. Todos na primeira páxina do xornal, o que dá idea da
estima que adquire como debuxante neses momentos.
A partir de agosto de 1929, Laxeiro deixa de publicar dun
xeito esporádico os seus monos para converterse en colaborador fixo de El Pueblo Gallego ata finais dese ano. Aparecen
os seus debuxos practicamente cada dous ou tres días (cando non diariamente), o
que tivo que supor unha grande dedicación do noso pintor a esta faceta.
Podemos
conxecturar que o artista abandonou esta actividade a principios de 1930 para
concentrarse na súa obra pictórica, coincidindo coas leccións que recibe en
Vigo do pintor arxentino Enrique Larrañaga.
Nos monos podemos apreciar a capacidade de Laxeiro para
achegarse á antropoloxía galega, unha antropoloxía vivida na propia carne e da
que, non obstante, sabe distanciarse para retratar con crueza costumes e
condutas. Poderiamos falar destes debuxos como dunha socioloxía primaria
ilustrada do mundo labrego do primeiro terzo do século XX.
O
tipo de humor é choqueiro con certas doses de picardía e aparece case sempre
como desenlace dun diálogo entre as personaxes.
Polo
que respecta aos temas que trata, os máis habituais son os referidos ao mundo
rural, que demostra coñecer moi ben. Son aspectos da vida na aldea, como as
conversas entre os vellos e os seus achaques e enfermidades, as relacións entre
homes vellos e mozas novas (tema moi recorrente, pois as vodas entre vello rico e
moza nova eran obxecto da burla popular; con este motivo facíanse as
cinzarradas ou chocalladas, nas que os mozos tocaban chocas, cornos, caldeiros,
potas e todo aquilo que podía facer ruído e improvisaban cantigas ríndose dos
contraentes. Destes episodios tiña o noso pintor un coñecemento moi directo por
ser activo participante nalgunhas delas), os xeitos de mocear, o parrafeo ou falar dos namorados, a borracheira, a taberna, os
velorios, a figura do cura, as feiras, as novas modas das mulleres, as
diversións dos rapaces... En moi poucos aparecen asuntos da actualidade
política ou social.
Os debuxos serven como frisos das personaxes, como un
libro aberto de costumes e escenas humorísticas. O debuxante convértese en
retratista dun mundo rural (a comunidade agraria tradicional) que está a piques
de desaparecer. Unha cultura agraria moi pautada e ritual, pero que permite
espazos de ruptura (entroidos, fiadeiros, esmorgas...), sempre que se retorne á
norma.
As feiras, lugar onde Laxeiro exercía a súa profesión de
barbeiro, e onde recollía moitas das súas personaxes, foron unha constante
fonte de inspiración na obra do noso artista.
Na
parte letrada dos monos destaca o uso exclusivo do galego, lingua que empregan
todas as personaxes e que lles serve como distintivo; os títulos están tamén
sempre en galego. “En el estudio” é un caso
singular na serie, xa que é o único no que non se emprega a lingua galega.
Trátase dun diálogo entre un pintor e a modelo, que acontece no estudio do
artista. Nin as personaxes son labregas, nin a acción se desenvolve no medio
rural, por iso Laxeiro os pon a falar en castelán, deixando así patente a
situación diglósica do galego.
Percíbese
nestes monos o talento para o debuxo de Laxeiro e algunhas das características
do que logo sería o seu estilo. A súa formación como debuxante vénlle das
clases nocturnas da sección de Belas Artes da Escola Concepción Arenal do
Centro Galego, e do seu traballo como proxectista de vidreiras na Habana.
Algúns críticos atribúenlle precisamente ao deseño de vidreiras o gusto pola
liña grosa e destacada de contorno na súa dicción plástica. En xeral, o estilo
dos debuxos é sinxelo, inxenuo e ás veces arcaizante; aínda que se percibe
tamén nalgúns unha certa evolución e a experimentación de novas formas.
Son
viñetas que retratan homes e mulleres do ámbito rural. As figuras aparecen moitas
veces sobre un fondo neutro, branco ou raiado, ou con leves indicios do que os
rodea: unha aldea, as pedras dun camiño, a rúa dunha vila, a taberna.
Na
maior parte das viñetas, as personaxes están retratadas cunha sinxela liña
sinuosa a tinta sobre fondo branco, o que imprime unha idea de “facilidade” ou
rapidez ao debuxo. Outras veces, as menos, traballa os perfís a base de trazos
curtos, dando idea de volume no que se representa; semella unha ilustración de
natureza retratística, na que a propia imaxe non precisa do texto para falar.
Un
terceiro tipo de viñetas son aquelas en que o trazado é máis definido e
contundente, a mesma liña define coa súa potencia as bases do claroescuro, engrosándose
nas partes máis escuras da imaxe, e afinándose naquelas en que a figura recibe
a luz. “Pra diante” e “E inda veremos” son probablemente os máis innovadores de toda a
serie, especialmente o primeiro, no que Laxeiro nos achega unha imaxe case
cubista.
Algúns dos monos sen pé
non pretenden ser humorísticos, senón máis ben caricaturescos, e noutros imítase a
técnica do gravado pero con volume e unha certa profundidade de campo,
conseguidos a través dun xogo de sombras.
Cando o debuxo non conta só, senón que se apoia no texto,
acostuma ser menos traballado, tamén máis solto, sintético e narrativo, non
tanto en detalles de escena, senón en sentido literario.
Laxeiro
ten presentes os grandes humoristas gráficos galegos que publicaban na prensa
da época: Manuel Torres, o propio Castelao e Vidales Tomé son os máis importantes,
os que teñen un estilo máis definido, e dos que podemos percibir as influencias
nestes monos do de Lalín. Nalgúns é apreciábel tamén a pegada de Maside.
Ningún comentario:
Publicar un comentario