sábado, 9 de decembro de 2023

Floreano, o popular personaxe de Gogue, fai hoxe 34 anos

Floreano, o popular personaxe que Gogue debuxa acotío en Faro de Vigo, fai hoxe 34 anos. O caricaturista e humorista gráfico encetou a viñeta o 9 de decembro de 1989, cando levaba xa algún tempo colaborando co xornal como caricaturista.

Floreano acadou axiña unha grande popularidade, coma o resto dos personaxes que foron aparecendo na viñeta, nomeadamente Monchiña -a súa dona- e don Ramón, o cura.

Da popularidade da viñeta da fe un dobre feito absolutamente extraordinario no eido do humor gráfico: tanto de Floreano como de Monchiña erguéronse cadansúa estatua na vía pública. A de Floreano está no Grove, na praza de Arriba, en fronte da casa natal do debuxante. Feita en bronce, é obra do escultor Lucas Míguez e inaugurouse en xullo de 2011. A de Monchiña sitúase desde novembro de 2022 en Cambados, no paseo da Calzada, en fronte do Parador. Foi esculpida tamén por Lucas Míguez.

Floreano transcendeu ademais as fronteiras de Galicia e mesmo de España, acadando unha boa acollida en países como Portugal e os EEUU. En Portugal participou na mostra "O humor na banda deseñada internacional" na XXII edición do Festival de Banda Deseñada de Amadora (2011), canda Caitano, o personaxe creado polo tamén galego Xaquín Marín na revista Teima de Santiago en 1976.

Canto aos EEUU, Gogue foi impartir un masterclass na Universidade de Moorhead en 2005 e deixou unha exposición permanente de Floreano.

Nos EEUU, Gogue goza tamén de sona como caricaturista, faceta na que leva colaborando moitos anos con xornais e revistas como El Tiempo Latino, o xornal en castelán editado por The Washington Post para o público hispano.

Viñeta de Floreano publicada por Gogue hoxe 9 de decembro de 2023 para celebrar o aniversario do personaxe.


domingo, 3 de decembro de 2023

Gogue debuxa un selo de correos con Picasso e A Coruña como protagonistas

O debuxante, ilustrador e caricaturista José Ángel Rodríguez López, Gogue, é o autor do selo de correos conmemorativo da exposición filatélica “Un xenio volve á casa” que organiza a Sociedade Filatélica da Coruña para conmemorar o 50 aniversario da morte de Pablo Ruiz Picasso que se pode visitar desde o 30 de novembro ata o 17 de decembro na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga da cidade herculina.

Trátase dun selo personalizado de tarifa A (para carta ou tarxeta postal nacional ordinaria), do que se encargou unha primeira tirada de 400 unidades, que se debe solicitar directamente a esta sociedade. No selo, Gogue retrata o pintor malagueño coa súa coñecida camisa a raias azuis mentres pinta a Torre de Hércules.

Picasso viviu na Coruña entre outubro de 1891 e abril de 1895. Nese tempo recibiu clases, na Escola de Belas Artes, de Román Navarro, de Isidoro Brocos e do seu propio pai, profesor no devandito centro. Na cidade herculina realizou a súas dúas primeiras exposicións de pintura, sorprendendo pola calidade das obras dun adolescente de só 13 anos. Algúns dos cadros que pintou na Coruña acompañárono toda a súa vida.

Este é o segundo selo que leva a firma do debuxante do Grove. O primeiro foi emitido en 2021 por Correos co gallo do Ano Santo Xacobeo 2021-2022, un selo de tarifa B (para carta ou tarxeta postal internacional ordinaria) protagonizado por Floreano –o popular personaxe de Faro de Vigo que Gogue debuxa desde 1989–, ataviado coa capa de peregrino, o bordón e a cabaza. A súa tirada foi de 160.000 exemplares.




domingo, 1 de outubro de 2023

Galiza Cultura homenaxe en Ferrol a Xaquín Marín polos seus 60 anos de traxectoria

(Tomado da páxina de Facebook de Galiza Cultura)

A federación de asociacións culturais Galiza Cultura organiza, para o sábado 7 de outubro, ás 19 horas, no Teatro Xofre de Ferrol, unha gala de homenaxe aos 60 anos de traxectoria profesional de Xaquín Marín, sen lugar a dúbida, o humorista gráfico galego de referencia deste máis de medio século último.

Deste xeito, as asociación culturais galegas queren render tributo ao cronista gráfico da Galiza popular dos últimos 60 anos nun acto no que a música, as intervencións de compañeiras e compañeiros de profesión e o propio Xaquín Marín, baixando o pano do evento, teñen prevista a súa participación.

Así, a actuación musical correrá a cargo de ‘St. James Dixie Band’ para combinarse coas intervencións de humoristas gráficos e profesionais do ámbito artístico, compañeiros de profesión, como Siro ou Pepe Barro, participando da actividade activamente e compartindo co publico asistente convivencias e aprendizaxe co mestre gráfico. Asemade, tamén teñen previsto subir ao escenario a responsábel do Museo do Humor de Fene, Almudena Marcos ou a pedagoga Pilar Sampedro, que tamén nos achegarán ás facetas máis destacábeis do creador de ‘Gaspariño’ ou dos cadros dos ‘pés’.

Todo isto conducido polo actor e director teatral e produtor Quico Cadaval que fará unha aproximación á inmensa obra de Xaquín Marín inspirándose, como non, no humor e na retranca dos innumerábeis cadros e viñetas do artista cómico gráfico, ilustrador e debuxante considerado o humorista galego máis relevante despois de Castelao.

O acto porá o ramo coa entrega dun agasallo orixinal ao propio Xaquín Marín, recoñecido en 2019 co Premio Nacional Galiza Cultura, realizado polas súas e polos seus compañeiros de profesión.

Esta actividade de homenaxe, non se podería ter realizado sen a colaboración da SC Medulio de Ferrol e o Concello de Ferrol, e está subvencionada pola Cultura da Deputación da Coruña.

xoves, 28 de setembro de 2023

A escola galega da caricatura arxentina

Acabo de recibir na casa o libro Periodismo, periferias y marginalidad (Fragua, 2023), que saiu do prelo hai un chisco. Coordinado por Julio Yanes, María Gabino, David Fuentefría e José Luis Zurita, contén 21 traballos académicos de 25 especialistas relacionados coa comunicación nas periferias e presentado ao último congreso da Asociación de Historiadores da Comunicación (Ahiscom), celebrado en 2021 na Universidade de La Laguna, nas illas Canarias. Entre eles está o titulado La escuela gallega de la caricatura argentina, da miña autoría, en que evoco a importante contribución ao nacemento e primeiro desenvolvemento do humor gráfico arxentino a finais do século XIX e comezos do XX por parte dun feixe de debuxantes galegos emigrados: José María Cao Luaces -considerado o pai da caricatura política arxentina-, Juan Carlos Alonso -que se convertería no humorista gráfico máis famoso de toda Sudamérica-, Federico Ribas Montenegro -antes de se revelar como un dos principais debuxantes publicitarios de Europa-, Ramón Peña Gil e Manuel Fernández Lourido.

Como explico nas conclusións do traballo, os catalizadores de este fenómeno foron Cao e o semanario porteño Caras y Caretas (1898), que aquel chegou a dirixir, igual que Alonso, e no que colaboraron tamén Ribas, Peña e Lourido. Mais cómpre destacar a contribución destes debuxantes a outras publicacións como Fray Mocho -da que Cao foi cofundador e Peña director artístico-, Plus Ultra -suplemento mensual de Caras y Caretas, fundado e dirixido por Alonso-, PBT, La Nación -de cuxo suplemento dominical foron directores artísticos Cao e Peña-ou Crítica, e outras vencelladas á colectividade galega como Céltiga -da que Peña foi fundador e director- e Suevia.

Como contrapartida, a emigración a América destes debuxantes, sobre todo de Cao, o maior dos cinco, retrasou nunha xeración a aparición do moderno humor gráfico galego, que finalmente sería obra de Castelao. Significativamente, Cao emigrou a Bos Aires o mesmo ano en que nacía Castelo (1886), quen, sendo un cativo na Pampa, onde os seus pais tiñan unha "pulpería" -nada que ver coas galegas-, sentiu medrar a súa vocación de debuxante mirando as viñetas do seu paisano en Caras y Caretas.

Portada de José María Cao en Caras y Caretas, nº 485, 18-1-1908.


venres, 8 de setembro de 2023

O Museo do Humor de Fene celebra os 40 anos de "Can sen Dono"

Can sen Dono, a primeira revista galega de humor editada despois da Guerra Civil, cumpriría este 2023 corenta anos. O primeiro número saíu na primavera de 1983. Con este motivo, o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene organiza unha exposición sobre a revista que se inaugura hoxe, ás 20.00 horas, coa presenza dos tres grandes artífices da publicación: Antón Mascato, o seu editor; Pepe Carreiro, o seu director; e Gogue, o seu coordinador administrativo, que participarán nun coloquio. A mostra, comisariada por Paco Oti, un dos colaboradores da revista, estará aberta ata o 27 de outubro. Nela poderá verse unha compilación de debuxos orixinais, acetatos e recortes empregados na composición das páxinas da revista. Tamén se amosarán reproducións das vinte e tres portadas e dos catro números especiais publicados, xunto con correspondencia orixinal e referencias bibliográficas. Co gallo tamén deste aniversario e desta exposición, o suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario publicou a fin de semana pasada unha excelente reportaxe sobre a revista asinado polo propio Mascato.

Can sen Dono editouse en Vigo desde marzo de 1983 ata abril de 1991 en dúas etapas. A primeira rematou en 1989 e a segunda comezou ese mesmo ano. Mais semella que a mostra do Museo do Humor céntrase só na primeira, que, en todo caso, ocupou a meirande parte da traxectoria da revista. A publicación constituíu un fito na historia do humor gráfico galego, non só por ser a primeira das revistas e dos suplementos de humor editados en Galicia tras a guerra –logo virían Xo!, Sapoconcho (boletín do Museo do Humor de Fene), O Farelo (suplemento de A Peneira), Xatentendo.com (suplemento de La Voz de Galicia) e Retranca, todas elas desaparecidas hoxe–, senón tamén, en primeiro lugar, polo seu carácter aberto e plural. Desde o seu inicio contou cos máis destacados humoristas gráficos e literarios da época, de todos os espectros políticos. Nela colaboraron autores próximos á esquerda nacionalista como Xaquín Marín ou Xosé Lois, mais tamén outros conservadores como Mariano Abalo ou mesmo de pasado falanxista como Lalo. “En Can sen Dono admitimos todos os sectarismos”, concluiu con humor Chichi Campos, un dos seus principais colaboradores. A nómina dos autores que colaboraron na revista é abraiante. Entre os gráficos estaban Quesada, Forxán, Xaquín Marín, Lalo, Fran Jaraba, Chichi Campos, Xosé Lois, Fragoso, Silvar, Ferreiro, Siro, Lola Blázquez, Tizón, Ramón Trigo, Kukas, Xan Carlos, Méndez, Xosé Guillermo, Manoel Gulín, Paco Oti, Paco Carreiro e Gogue. Dos textos literarios ocupáronse Iglesias Viqueira, Picho Suárez –que figurou como director da publicación na última etapa–, Vial, Xosé Fernández Ferreiro, Xoán Tapias, Manuel Blanco Rivas, Montesinos, Anton Mascato, Víctor Freixanes, Gustavo Luca ou Xosé A. Perezo. Algúns deles, como estes últimos, fixérono con pseudónimo, algo moi común nas publicacións de humor da época. Lembremos que en 1983, cando apareceu Can sen Dono, aínda se editaban en España El Papus e, por suposto, El Jueves, que todavía existe.

A revista constituiu tamén un fito pola “modernidade radical” –en palabras de Chichi Campos– do seu humor literario, que daquela non tiña a tradición en Galicia que si tiña o gráfico (Castelao, Maside, Torres, Cebreiro, Vidales Tomé, Atomé…). Segundo diría Chichi, os humoristas literarios de Can sen Dono procuraron “alternativas formais para, desde o satírico, seren máis eficientes nas súas críticas á nova política que fan os mesmos que uns anos antes facían política colaboracionista coa ditadura”.

Hai que ir ver a exposición de Can sen Dono no Museo do Humor, porque, ademais de recuperar un anaco da historia recente da cultura galega, vanse divertir moito. A imaxinación, o enxeño e tamén a mala uva de todos estes loucos marabillosos que fixeron a revista son sobresalientes. Lembren, ata o 27 de outubro.

Cartel da exposición sobre Can sen Dono no Museo do Humor.