miércoles, 31 de enero de 2018

Portugal, referente mundial do humor gráfico: PortoCartoon World Festival e World Press Cartoon


A Revista Portuguesa de Historia da Comunicação, unha publicación dixital do Grupo de Trabalho de História da Comunicação da Associação Portuguesa de Ciências da Comunicação (Sopcom), vén de publicar o seu número 2, de xaneiro de 2018, en que aparece un artigo meu titulado Portugal, referente mundial do humor gráfico internacional: PortoCartoon World Festival e World Press Cartoon (pp. 62-75). Efectviamente, PortoCartoon World Festival, que se celebra no Porto desde 1999 e World Press Cartoon, que se desenvolve nos arredores d Lisboa desde 2005, son dous dos certames internacionais de humor gráfico máis prestixiosos do mundo. O exemplar completo da revista pódese consultar on line en http://www.revistahc.sopcom.pt/edicao/219, dende onde se poden descargar todos os traballos.
Déixovos aquí as conclusións do meu artigo.
  1. Portugal tense convertido desde primeiros do século XXI nun dos referentes mundiais no humor gráfico internacional por mor do PortoCartoon World Festival do Porto e do World Press Cartoon de Lisboa, considerados dous dos mellores certames internacionais de humor gráfico do mundo.
  2. PortoCartoon World Festival é unha iniciativa da Associação Museu da Imprensa (AMI), participada polo Centro de Formação de Jornalistas (CFJ), a Associação Portuguesa das Industrias Gráficas e Transformadoras de Papel, a Associação da Imprensa Não-Diária, o Comércio do Porto, o Diário de Notícias, o Primeiro de Janeiro, o Jornal de Notícias, a Fundação Engenheiro António de Almeida e a Câmara Municipal do Porto. World Press Cartoon foi unha idea persoal do caricaturista António Antunes António que ten contado co patrocinio sucesivo (un veu sustituír outro) das Câmaras Municipais de Sintra, Cascais e Caldas da Rainha.
  3. PortoCartoon World Festival ten tido maior estabilidade institucional, celebrándose todos os anos desde 1999. Pola contra, World Press Cartoon, que comezou en 2005, tivo que mudar dúas veces de patrocinio e, xa que logo, de sede, e mesmo así non se puido celebrar en 2015, por falta de respaldo económico.
  4. Todos os anos participan en cada un dos certames máis de medio milleiro de humoristas gráficos de Asia, América e Europa, cun dominio nos dous casos de debuxantes de Irán, China, Brasil, México e os países do Leste (Serbia, Ucrania, Rumanía, Bulgaria, Croacia, Romania) e do Sur de Europa (Portugal, Grecia, Italia, España).
  5. Aínda que os dous certames veñen reivindicar a importancia do humor gráfico na prensa, o seu enfoque é diferente. Se cadra, World Press Cartoon prima máis o carácter xornalístico do salón. De feito, o norme xorde por imitación do World Press Photo, nado para apoiar a fotografía de prensa. As diferencias principais entre ambos os certames son cinco: 1) PortoCartoon é un salón temático; World Press Photo, non; 2) PortoCartoon non discrimina entre viñeta editorial e viñeta de humor; World Press Photo, si, tendo unha categoría específica para cada unha delas; 3) PortoCartoon só inclúe a caricatura desde XXX, cun premio especial; World Press Photo sempre tivo a caricatura como unha categoría máis, canda a viñeta editorial e viñeta de humor; 4) PortoCartoon admite traballos realizados expresamente para o evento; World Press Cartoon esixe que as viñetas fosen publicadas na prensa no ano anterior; e 5) World Press cartoon muda o xurado por completo todos los anos; en PortoCartoon é común que unha mesma persoa repita como xurado en varias edicións.

martes, 30 de enero de 2018

O Día da Ilustración homenaxea a Camilo Díaz Baliño



Camilo Díaz Baliño é o homenaxeado no Día da Ilustración 2018, que se celebra hoxe, 30 de xaneiro, data do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Con este motivo, protagoniza a exposición Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada, que organiza a Biblioteca de Galicia, de Santiago de Compostela, e que se poderá ver aí desde hoxe ata o 7 de marzo. Esta é a terceira edición desta efemérides. A primeira dedicouse a Castelao e a segunda a Álvaro Cebreiro.

A mostra está formada por 54 pezas e inclúe unha caricatura de Díaz Baliño realizada por Cebreiro, debuxos orixinais do artista para distintas escenografías, un álbum con fotografías, un manuscrito e debuxos do artista homenaxeado sobre a cabalgata que se celebrou co gallo da celebración do 25 de xullo de 1926, diversos manuscritos de membros das Irmandades da Fala e exemplares de libros con capas deseñadas por el.

O Día da Ilustración pretende “destacar o papel imprescindible” que desenvolveron “os ilustradores nas industrias culturais”, así como “revalorizar a calidade do traballo” que se realiza en Galicia, “recoñecido dentro e fóra das fronteiras” da comunidade autónoma, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación da iniciativa.
Lorenzo engadiu que coa data tamén se busca “render homenaxe ás figuras que contribuíron a impulsar no pasado a Ilustración galega”, cun labor que "cómpre lembrar e espallar”.

Para impulsar a conmemoración deste día, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e a Consellería de Cultura e Educación puxeron en marcha a web www.diadailustracion.gal, na que se atopan os principais recursos vinculados coa data e o cartel descargable con todas as actividades.

Camilo Buenaventura Díaz Baliño naceu en Ferrol o 14 de xullo de 1889. Escritor, artista gráfico e intelectual galeguista, era irmán dos tamén artistas Indalecio, María Dores e Ramiro Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo e avó de Xosé e Rosendo Díaz Castro.

Foi o escenógrafo galego máis importante da súa época e un dos artistas gráficos máis destacados da historia de Galicia. Na prensa galega do seu tempo, sobre todo n' A NosaTerra, publicou ilustracións, viñetas de humor e relatos. Foi autor do libro Conto de guerra (1928).
En 1917 entrou en contacto coa empresa cinematográfica Fraga, para a que realizou carteis e escenografía. En 1920 instalou en Santiago un obradoiro de arte –onde traballou o seu filo Isaac–que sería un dos centros dinamizadores da plástica galega e do nacionalismo.
Traballou como delineante na diputación Provincial da Coruña e, máis tarde, como funcionario para o Concello de Santiago, sendo asesor artístico do alcalde.

Na súa mocidade militou nas filas do tradicionalismo, colaborando con asociacións e publicacións de carácter confesional, como O Eco de Galicia, o Boletín do Círculo Católico de Obreiros ou o Patronato Católico de Obreiros.

En 1918 entrou nas Irmandades dá Fala e desñou a súa bandeira. Comezou a participar en publicacións de carácter galeguista como Ser, Lar, Nós e A Nosa Terra. As experiencias do primeiro bienio republicano leváronlle a posicións máis de esquerdas, identificándose co sector máis radical do Partido Galeguista. Desde o seu taller de propaganda, no que traballaba o seu fillo Isaac, toma partido a prol da Fronte Popular e do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Tras o alzamento militar do 18 de xullo de 1936 foi detido e levado a prisión onde pasou un amargo tempo debuxando os seus compañeiros de cativeirio. O 14 de agosto dese ano atópano asasinado nun foso da parroquia de Meixide, en Cerceda. De aí o título da exposición coa que se lle homenaxea neste Día da Ilustración. Soterraron ou corpo, pero non foron quen de soterrar ou xenio.

En 1959 foi descuberto un busto de bronce no Cantón de Molíns, en Ferrol, roubado en 2007 e reposto en 2011.
Camilo Díaz Baliño co seu fillo Isaac, en 1925.

viernes, 19 de enero de 2018

A Deputación homenaxea a Siro López cun libro sobre a súa traxectoria vital e artística


.

Tomado da web da Deputación da Coruña (www.dicoruna.es), 19-1-2018.


A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presen-tación do libro "Siro", unha monografía de 383 páxinas en gran formato nas que se repasa, a través de textos e ilustracións, a ampla traxectoria biográfica e artística de Siro López.
O acto contou coa asistencia do presidente da institución pro-vincial, Valentín González Formoso, a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, o director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela Conde, xornal no que o tamén humorista gráfico desenvolveu boa parte da súa carreira profesional, e o artista ferrolán Pedro Taboada, que se encargou da coordinación do volume, así como do propio Siro e de numerosas personalidades do mundo da cultura, a arte, a política e o xornalismo que non quixeron perderse esta cita cun dos nosos artistas contemporáneos máis versátiles.
Na presentación de hoxe, que coincidiu coa celebración do 75 aniversario de Siro, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o volume "concentra a esencia da vida dunha boa persoa, dun gran artista de Galicia".
Formoso citou ao propio Siro ao afirmar que "un se fai querer se fai rir, e Siro fíxonos rir moito" con viñetas que ilustraron o acontecer social e político de Galicia durante as últimas décadas.
O presidente provincial subliñou tamén as múltiples facetas cultivadas por Siro durante a súa dilatada traxectoria profesional como xornalista, guionista, escritor, ilustrador e pintor e que agora "quedan recollidas para sempre nesta gran edición da Deputación da Coruña".
A vicepresidenta Goretti Sanmartín enmarcou a Siro "nunha estirpe de mestres como Maside, Díaz Pardo ou Castelao" e destacou "o orgullo" que supón contar coa súa figura entre os grandes artistas galegos. "O seu traballo é un agasallo para a cultura galega", apuntou.
"Siro é debuxante dende a nenez", afirmou o artista ferrolán Pedro Taboada, encargado da coordinación da obra, que repasou a traxectoria biográfica de Siro dende os seus inicios, coas primeiras caricaturas que debuxaba aos seus compañeiros de traballo en Bazán, e lembrou que a súa primeira viñeta publicouse na revista ferrolá "Chan".
A partir de aí xurdiron as primeiras oportunidades para que o mozo Siro realizara os seus primeiros guións de radio para Radio Popular de Ferrol e a súa primeira ilustración nun libro de Xavier Alcalá. Despois chegaron as caricaturas nos xornais, primeiro en Ferrol Diario (1971), en El Ideal Gallego e finalmente en La Voz de Galicia, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional entre 1985 e 2006.
Viñetas que se anticipaban aos titulares
As viñetas de Siro ilustraron períodos clave da historia recente de España como a transición ou o inicio da autonomía. "Todos os políticos galegos foron caricaturizados por Siro, en escenas que moitas veces se anticipaban aos sucesos", afirmou Taboada.
Este aspecto tamén foi destacado polo director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela Conde, que destacou o carácter "audaz e agudo" das viñetas de Siro, que "moitas veces ía por diante dos textos e os titulares".
"Non sei se destacar máis o Siro mitolóxico ou o Siro persoa", afirmou Vilela, que sostivo que "hai cinco ou seis Siros": o caricaturista, o humorista, o mestre, o intelectual, o galeguista... pero sobre todo destacou a súa valía como persona. "Intelixencia, beleza e sensibilidade, iso é Siro", concluíu.
Pola súa banda, Siro López agradeceu as múltiples mostras de afecto nun "día especial" no que celebrar ao mesmo tempo a edición do libro e o seu 75 aniversario. "Este é o libro da miña vida. Un libro soñado por calquera artista", afirmou, ao tempo que apuntou que a publicación permitirá coñecer outras facetas da súa carreira, ademais da de caricaturista. "Aínda que os anos dedicados ao xornalismo foron os máis felices da miña vida profesionalmente, non quería morrer sen deixar feita unha obra pictórica coa que me sentise satisfeito", afirmou.
"Eu cheguei á cultura pola porta de servizo", dixo Siro, que lembrou que nunca foi á universidade, nin a unha escola de arte. A pesar disto, rexeitou definirse como autodidacta "pois aprendín moito de todos".
O artista ferrolán dedicou o volume ao seu pai "que me deixou en herdanza algo tan marabilloso como o humor, que me serviu para darme de comer e para facerme querer", rematou.

martes, 9 de enero de 2018

Davila publica "O Bichero VII" coas súas mellores viñetas de 2017



Xa está á venda desde o pasado mes de novembro O Bichero VII. De punta a chicote, a sétima entrega dos recopiltarios anuais da sección que co mesmo nome publica en Faro de Vigo o humorista gráfico Luís Davila desde 1998.



Como os volumes anteriores, trátase dunha escolma das mellores viñetas publicadas polo debuxante de Bueu ao longo do ano que vén de rematar, neste caso 2017. Davila é o propio editor do libro, fórmula que ten adoptado desde 2014. Os tres primeiros números da serie (O Bichero, O Bichero II. Outra ronda e O Bichero III. Non hai dous sen tres)  foron publicados en 2009, 2010 e 2011, respectivamente, pola Federación de Comerciantes e Industrias do Morrazo, mais o humoristas reeditounos pola súa banda en 2014 e desde entón autoedita cada ano unha nova achega.



O humorista de Bueu está a obter un éxito popular extraordinario tanto coa súa sección no xornal como cos seus libros e con todos os produtos de merchandising vencellados á serie.



FICHA DO LIBRO



Autor: Luís Davila

Editorial: Edición do autor

Año de edición: 2017

Materia: humor

ISBN: 978-84-697-7050-4

Páginas: 130

Encuadernación: paperback