domingo, 3 de decembro de 2023

Gogue debuxa un selo de correos con Picasso e A Coruña como protagonistas

O debuxante, ilustrador e caricaturista José Ángel Rodríguez López, Gogue, é o autor do selo de correos conmemorativo da exposición filatélica “Un xenio volve á casa” que organiza a Sociedade Filatélica da Coruña para conmemorar o 50 aniversario da morte de Pablo Ruiz Picasso que se pode visitar desde o 30 de novembro ata o 17 de decembro na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga da cidade herculina.

Trátase dun selo personalizado de tarifa A (para carta ou tarxeta postal nacional ordinaria), do que se encargou unha primeira tirada de 400 unidades, que se debe solicitar directamente a esta sociedade. No selo, Gogue retrata o pintor malagueño coa súa coñecida camisa a raias azuis mentres pinta a Torre de Hércules.

Picasso viviu na Coruña entre outubro de 1891 e abril de 1895. Nese tempo recibiu clases, na Escola de Belas Artes, de Román Navarro, de Isidoro Brocos e do seu propio pai, profesor no devandito centro. Na cidade herculina realizou a súas dúas primeiras exposicións de pintura, sorprendendo pola calidade das obras dun adolescente de só 13 anos. Algúns dos cadros que pintou na Coruña acompañárono toda a súa vida.

Este é o segundo selo que leva a firma do debuxante do Grove. O primeiro foi emitido en 2021 por Correos co gallo do Ano Santo Xacobeo 2021-2022, un selo de tarifa B (para carta ou tarxeta postal internacional ordinaria) protagonizado por Floreano –o popular personaxe de Faro de Vigo que Gogue debuxa desde 1989–, ataviado coa capa de peregrino, o bordón e a cabaza. A súa tirada foi de 160.000 exemplares.




Ningún comentario:

Publicar un comentario