jueves, 23 de febrero de 2017

Siro presenta o seu libro sobre o humor no Quixote



Félix Caballero, 23-2-2017

O caricaturista, humorista gráfico e escritor Siro López presentou onte en Santiago, na Biblioteca do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o seu ensaio Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo, editado pola Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia na colección Cardenos Ramón Piñeiro (nº 36). No acto participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o autor do prólogo da obra, o catedrático de filosofía Ramón López Vázquez; e o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Manuel González.
Trátase dun libro único na bibliografía cervantina, na que non existía ata o de agora, en ningún idioma, un traballo que estudase o que supuxo O Quixote como aparición dunha nova forma de humor, o que se deu en chamar humorismo. Siro parte da tese de Celestino Fernández de la Vega, apuntada xa polos románticos ingleses e alemáns e despois por Luigi Pirandello e por Wenceslao Fernández Flórez, de que O Quixote é, non só a primeira novela moderna, senón tamén a primeira obra humorística da literatura universal. Pero vai alén ao explicar por que Cervantes creou o humorismo na literatura, cuestión que De la Vega non chegou a abordar. Siro xa se aproximara ao asunto en 2005, co gallo do 400 aniversario da aparición da primeira parte da novela, co estudo Sobre o humor de Cervantes no Quixote, publicado tamén nos Cadernos Ramón Piñeiro.
Na presentación, o humorista e escritor asegurou que este era un dos dous libros da súa vida, canda Castelao en el arte europeo (Duen De Bux, 2015, edición de María Victoria Carballo-Calero), no que estuda as influencias estranxeiras na obra do rianxeiro. O caricaturista e teórico do humor confesou que, “malia ter escrito máis de 700 folios, non está dito todo” sobre o humorismo d’O Quixote, e animou a posíbeis investigadores que veñan atrás a continuar o labor.

A importancia da historia n’O Quixote

A primeira parte do libro céntrase na teoría do humor, na que a posición de Siro coincide “en gran parte” coa de Fernández de la Vega, segundo afirmou o autor, que, porén, subliñou que discrepa do filósofo lugués canto á importancia da historia na xénese d’O Quixote, desbotada por este. Para o caricaturista e escritor, Cervantes necesitou escribir O Quixote en chave de humor por dúas razóns: a súa propia biografía, chea de desventuras, na que, sen dúbida, Cervantes tivo que usar o humorismo como arma defensiva; e as circunstancias históricas que lle tocou vivir. “Cervantes é un humanista cristián ao xeito de Erasmo de Rotterdam”, salientou o autor: “Profundamente Cristián e profundamente patriota, aínda que logo levase unha profunda decepción polo comportamento de Felipe II, que levou á bancarrota ao Reino”.
Siro explicou que, en contra do que fan algúns, non se pode negar a grande influencia d’O eloxio da loucura de Erasmo en Cervantes. “Chega con investigar a súa obra humorística: as coincidencias son moitas, aínda que Erasmo fose un gran satírico e Cervantes un humorista”, sinalou.
O caricaturista referiuse tamén ao escritor ruso Vladimir Nabokov, o autor de Lolita, quen no seu libro póstumo, sobre O Quixote, que recolle o seu curso de 1951-1952 na Universidade de Harvard, ridiculiza a Cervantes. Para Siro, Nabokov demostra que non entendeu a novela en absoluto.

A galeguidade de Cervantes

Outro dos temas que Siro aborda no libro e dos que falou onte é a galeguidade de Cervantes, cuestión que xa tratara polo miúdo nunha recente conferencia na Casa de Galicia en Madrid. O humorista e ensaísta salientou que é indibudable que o novelista tiña orixes galegas, pero tamén que naceu en Alcalá de Henares, como demostra a súa partida de bautismo, malia que César Brandariz, que escribiu dous libros sobre o tema, insista en que é falsa. Para Siro, un bo indicio das orixes galegas de Cervantes é o seu humorismo, tan propio do pobo galego.
O escritor referiuse tamén á retranca, asunto que aborda igualmente no libro. Siro estrañouse de que ningún dos intelectuais galegos que escribiron sobre o humor –Fernández de la Vega, García Sabell, Rof Carballo, o propio Castelao…– falasen dela. O caricaturista é, pois, o único que fixo un estudo serio sobre o asunto. Recalcou que é o elemento máis xenuíno e diferenciador do humor galego; ten un carácter autodefensivo, que fai que non teña nada que ver coa sátira, o sarcasmo ou a ironía, malia que ás veces é confundida con eles; e a súa característica de freo (nas relacións sociais ) está xa na orixe etimolóxica do termo, que designaba un aparello que servía para frear as carruaxes.

LEA A NOTICIA EN "LA VOZ DE GALICIA"