xoves, 28 de setembro de 2023

A escola galega da caricatura arxentina

Acabo de recibir na casa o libro Periodismo, periferias y marginalidad (Fragua, 2023), que saiu do prelo hai un chisco. Coordinado por Julio Yanes, María Gabino, David Fuentefría e José Luis Zurita, contén 21 traballos académicos de 25 especialistas relacionados coa comunicación nas periferias e presentado ao último congreso da Asociación de Historiadores da Comunicación (Ahiscom), celebrado en 2021 na Universidade de La Laguna, nas illas Canarias. Entre eles está o titulado La escuela gallega de la caricatura argentina, da miña autoría, en que evoco a importante contribución ao nacemento e primeiro desenvolvemento do humor gráfico arxentino a finais do século XIX e comezos do XX por parte dun feixe de debuxantes galegos emigrados: José María Cao Luaces -considerado o pai da caricatura política arxentina-, Juan Carlos Alonso -que se convertería no humorista gráfico máis famoso de toda Sudamérica-, Federico Ribas Montenegro -antes de se revelar como un dos principais debuxantes publicitarios de Europa-, Ramón Peña Gil e Manuel Fernández Lourido.

Como explico nas conclusións do traballo, os catalizadores de este fenómeno foron Cao e o semanario porteño Caras y Caretas (1898), que aquel chegou a dirixir, igual que Alonso, e no que colaboraron tamén Ribas, Peña e Lourido. Mais cómpre destacar a contribución destes debuxantes a outras publicacións como Fray Mocho -da que Cao foi cofundador e Peña director artístico-, Plus Ultra -suplemento mensual de Caras y Caretas, fundado e dirixido por Alonso-, PBT, La Nación -de cuxo suplemento dominical foron directores artísticos Cao e Peña-ou Crítica, e outras vencelladas á colectividade galega como Céltiga -da que Peña foi fundador e director- e Suevia.

Como contrapartida, a emigración a América destes debuxantes, sobre todo de Cao, o maior dos cinco, retrasou nunha xeración a aparición do moderno humor gráfico galego, que finalmente sería obra de Castelao. Significativamente, Cao emigrou a Bos Aires o mesmo ano en que nacía Castelo (1886), quen, sendo un cativo na Pampa, onde os seus pais tiñan unha "pulpería" -nada que ver coas galegas-, sentiu medrar a súa vocación de debuxante mirando as viñetas do seu paisano en Caras y Caretas.

Portada de José María Cao en Caras y Caretas, nº 485, 18-1-1908.


Ningún comentario:

Publicar un comentario