martes, 28 de mayo de 2019

As pegadas de Castelao en Xaquín Marín

Acaba de saír o último número da revista Grial (221), que trae un artigo meu sobre "As pegadas de Castelao en Xaquín Marín". Tras sinalar algúns paralelismos biográficos e artísticos entre ambos os dous debuxante, recollo unha manchea de viñetas de Marín nas que, dun xeito ou outro, está presente Castelao. Divídoas en tres grupos. As do primeiro son viñetas protagonizadas polo rianxeiro, nas que o de Fene debúxao para o homenaxear ou facelo o protagonista. No segundo evoco algúns cadriños de Marín que remiten directamente a outros de Castelao, é dicir, que están inspirados neles. Finalmente, as do terceiro fannos pensar noutras máis do autor de Cousas da vida, pola forma ou polo contido, aínda que non remitan directamente a elas. Trátase, en definitiva, de pór de manifesto o diálogo que Marín mantén moitas veces con Castelao na súa obra.
Inclúo aquí as conclusións do artigo e as imaxes que o ilustran.

CONCLUSIÓNS

  • Xaquín Marín e Castelao están unidos artisticamente pola cadansúa pretensión de contribuír á creación dunha arte nacional galega baseada na tradición popular.
  • Aínda que o primeiro semelle lonxe da síntese expresiva das “Cousas da vida” do segundo, por baixo da treboada de riscos dos seus primeiros planos –no armazón–, e máis claramente nos seus fondos, latexa a mesma simplicidade.
  • Alén das coincidencias biográficas, relacionadas con Madrid e Badajoz, que non deixan de ser anecdóticas, os dous humoristas presentan unha manchea de similitudes artísticas.
  • Atopamos nos dous a mesma presenza obsesiva de Galicia, mais non dun xeito costumista, senón froito e reflexo dun profundo compromiso coa terra e as xentes.
  • Marín e Castelao coinciden nunha morea de temas (a emigración, o caciquismo, o machismo, o asoballamento da lingua galega, o desprezo da aldea pola cidade…) e de personaxes (labregos, caciques, vellos, nenos, animais…).
  • Os dous teñen unha semellante actitude humorística, que foxe tanto da mera comicidade como da sátira sangrante. Crítican e denuncian, utilizando a ironía e ás veces o sarcasmo.
  • En Marín atopamos de cando en vez viñetas directamente relacionadas con Castelao, ora porque o debuxa ou menciona, ora porque recrea ou reinterpreta unha das súas estampas, ora porque nos fai lembrar outras polo texto ou polo debuxo.


sábado, 9 de febrero de 2019

"O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro"

En 2018 publicáronse alomenos cinco libros sobre o humor gráfico galego: á miña monografía sobre Xaquín Marín e á miña entrevista a Siro sobre a carictura cómpre engadir outra obra deste último -O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro-, a xa habitual escolma de Davila coas súas mellores viñetas do ano e o estudo de Xulio Carballo sobre Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979). 

Nas vindeiras entradas do blogue fareime eco de todos eles. Comezo neste post co libro de Siro sobre a Transición.


O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro é o catálogo da exposición do mesmo título organizada pola Deputación da Coruña co gallo do 40 aniversario da Carta Magna e que está a percorrer diversos municipios da provincia. A mostra foi inaugurada o 20 de setembro de 2018 na Coruña e xa pasou por Ribeira, Santiago de Compostela, Carballo e Ferrol, onde será clausurada definitivamente o 24 de febreiro.
Son 117 viñetas co seu respectivo texto, publicadas no xornal La Voz de Galicia na serie “Imaxes da Transición”. Arrancan co nomeamento de Juan Carlos de Borbón como sucesor de Franco a título de rei en 1969 e rematan coa vitoria do PSOE nas eleccións xerais de 1982. Sete delas –a do devandito nomeamento de Juan Carlos e seis máis– son anteriores á morte do ditador, e é que, en contra do que o público mal informado puidese coidar, a Transición non comezou co pasamento de Franco, senón uns anos antes, certamente co nomeamento de Juan Carlos como o seu sucesor, nin rematou coa aprobación da Constitución de 1978, senón que se estendeu en efecto ata a vitoria electoral do PSOE en 1982. Era a primeira vez desde 1936 que a esquerda conquistaba o goberno.
O catálogo inclúe unha presentación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e cadanseu prólogo de do xornalista Fernando Ónega e do historiador Justo Beramendi.
Segundo González Formoso, Siro lémbranos estes episodios de Transición “ás veces arrincándonos un sorriso, outras invitándonos a reflexionar e sempre facéndonos cómplices da súa particular visión dun tempo en que a sociedade española sentou os alicerces do que hoxe somos como país”.
“Cun estilo propio e audaz, a miúdo impregnado polo agudo sentido do humor que caracteriza ao artista ferrolán, os seus debuxos plasman matices, xestos, sombras, actitudes, situacións e detalles que retratan mellor que moitas crónicas os personaxes que protagonizaron estes anos de profundos cambios”, engade o presidente da Deputación.
Fernando Ónega cualifica ao caricaturista de “testigo y analista de un tiempo fascinante”, “psicólogo de un país”, “notario” e “paciente orfebre de una narración de obligada lectura”.
“Lo escrito por él (el ‘pie’ de cada dibujo) narra los acontecimientos con el rigor del historiador, con la neutralidad del analista, con la agilidad del informador y con una envidiable exhibición de fuentes. Sus dibujos tienen la fuerza de la interpretación, con su reconocida genialidad, pero con la singularidad de no hacer un chiste de cada escena que retrata”, salienta o xornalista. “Con estos ingredientes, Siro ha conseguido lo que tantas veces se consideró el ideal de un comunicador que utiliza el humor para expresarse: cada una de sus viñetas es más expresiva que un articulo de fondo o un reflexivo editorial”.
Finalmente, Justo Beramendi destaca de Siro “a súa probada mestría como artista gráfico na elección de situacións, no trazo preciso para caracterizar persoas e actitudes e nese humor asemade lúcido e empático, lonxe da edulcuración deturpadora, e capaz de humanizar as súas criaturas sen renunciar á crítica, de inspirarnos certa simpatía e comprensión mesmo perante o máis antipático”.

Portada do catálogo
Unha das viñetas do libro, titulada "Comeza a elaborarse o anteproxecto da Constitución".

Siro co presidente da Deputación durante a inauguración da exposición na Coruña.

Un aspecto da mostra.



jueves, 8 de noviembre de 2018

Pinto & Chinto celebran su 25 aniversario cunha exposición antolóxica no Museo do Humor

Pinto & Chinto –David Pintor e Carlos López– cumpriron xa 25 anos como parella profesional de feito no eido do humor gráfico e para o celebraren levan ao Museo do Humor de Fene unha exposición antolóxica titulada así, Pinto & Chinto, 25 anos, na que repasan boa parte da súa produción.
A mostra inaugurarase mañá venres, a partir das 20 horas, nun acto presidido polo alcalde de Fene, Gumersindo Galego, que contará –xaora!– coa presenza dos artistas e que está aberto a toda a veciñanza que se poderá achegar a unha exposición que, de seguro, sorprenderá a todo o mundo.
Producida polo Museo do Humor, o deseño e a realización da mostra correu a cargo da empresa Costa Comunicación Visual, de A Coruña, que ten realizado unha espectacular montaxe que recorda a rotativa dun xornal. A estrutura é de madeira, pensada para a posíbel itinerancia da exposición por outras vilas e cidades de Galicia durante o vindeiro ano.
A mostra estará aberta en Fene durante todo o que resta de ano. A partir deste venres, e ata o 23 de decembro, poderá visitarse de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, namentras que os sábados estará ao dispor do público de 10 a 13 horas. Coincidindo coa época de Nadal, o horario modificarase do 24 ó 31 de decembro, cando estará aberta de luns a venres de 10 a 14.15 horas.
Trátase dunha escolma de preto de cincuenta tiras a gran tamaño, duns noventa centímetros de ancho, unhas dimensións realmente moi impactantes. Son todas reproducións, entre outras cousas porque na era dixital na que vivimos o humor gráfico xa non conta cos orixinais tal e como os coñeciamos, pois gran parte da tira ou viñeta faise hoxe con ordenador.
Aínda que Pinto & Chinto encetaron a súa obra conxunta como humoristas gráficos en 1993 en El Correo Gallego, todas as tiras expostas son de 2000 en adiante e foron publicadas en La Voz de Galicia, onde a parella colabora acotío desde 1998. “Non quixemos remontarnos máis atrás porque os orixinais estaban desaparecidos ou ilocalizábeis [as reproducións téñense que tirar, na medida do posíbel, do orixinal, claro é] e porque daquela aínda non tiñamos un estilo moi definido”, explica David Pintor (Pinto).
O que si poderá atopar o visitante da mostra é un texto moi agarimoso de Xosé Manuel Rey Nóvoa, o director de El Correo Gallego, que foi quen lles deu a primeira oportunidade de publicar diariamente nun xornal. Cómpre dicir, en calquera caso, que o verdadeiro descubridor de Pinto & Chinto foi Siro: máis que o descubridor, case o creador, pois foi el quen lles suxeriu que se asociasen e fixesen viñetas ou tiras xuntos, pois ata entón cada un facía as súas. Hoxe fanas xuntos, aínda que quen as debuxa é Pinto.
No medio cento das tiras da mostra hai un pouco de todo: tiras sobre información de Galicia, de España e do mundo, e non só de política, tamén de outros temas como os deportes. “Escollimos as tiras das que estamos máis contentos, as que máis nos gustaban, pero foi unha escolma moi difícil de facer, porque son moitas as que publicamos [e tanto, multipliquen 25 por 365: más de 9.000!]”, di Pinto. “Foi un labor complicado e fatigoso, por iso non quixemos ir máis atrás do ano 2000, ademais de recollermos os temas máis importantes, os que a xente tivese máis en mente. En definitiva é unha historia do que pasou nos últimos anos”.
Logo destes 25 anos publicando tiras de humor na prensa galega, Pinto & Chinto son hoxe unha das sinaturas do sector máis respectadas en toda España, como acredita o Premio Mingote, concedido polo diario ABC, que recibiron en 2013. Só outro galego –Quesada– gañouno tamén. Porén, sempre levaron adiante –xuntos ou por separado– outras sobresaíntes carreiras artísticas, nomeadamente no eido da literatura infantil. Quedanlles gañas de seguir facendo tiras ou preferirán profundizar noutros intereses? David Pintor non dubida: “Como comecei moi novo nisto –cando publicamos a primeira tira en La Voz só tiña 18 anos–, aínda teño moitas gañas de seguir, e a nivel de actualidade temos temas de abondo para tratar”.

(As tiras reproducidas a seguir corresponden ao meu libro O humor en cadriños II [Morgante, Cangas, 2017] e non están necesariamente na exposición]

La Voz de Galicia, 9-1-2016
La Voz de Galicia,12-9-2016
La Voz de Galicia, 13-9-2016

La Voz de Galicia, 2-10-2016