Amosando publicacións coa etiqueta Gogue. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gogue. Amosar todas as publicacións

sábado, 9 de decembro de 2023

Floreano, o popular personaxe de Gogue, fai hoxe 34 anos

Floreano, o popular personaxe que Gogue debuxa acotío en Faro de Vigo, fai hoxe 34 anos. O caricaturista e humorista gráfico encetou a viñeta o 9 de decembro de 1989, cando levaba xa algún tempo colaborando co xornal como caricaturista.

Floreano acadou axiña unha grande popularidade, coma o resto dos personaxes que foron aparecendo na viñeta, nomeadamente Monchiña -a súa dona- e don Ramón, o cura.

Da popularidade da viñeta da fe un dobre feito absolutamente extraordinario no eido do humor gráfico: tanto de Floreano como de Monchiña erguéronse cadansúa estatua na vía pública. A de Floreano está no Grove, na praza de Arriba, en fronte da casa natal do debuxante. Feita en bronce, é obra do escultor Lucas Míguez e inaugurouse en xullo de 2011. A de Monchiña sitúase desde novembro de 2022 en Cambados, no paseo da Calzada, en fronte do Parador. Foi esculpida tamén por Lucas Míguez.

Floreano transcendeu ademais as fronteiras de Galicia e mesmo de España, acadando unha boa acollida en países como Portugal e os EEUU. En Portugal participou na mostra "O humor na banda deseñada internacional" na XXII edición do Festival de Banda Deseñada de Amadora (2011), canda Caitano, o personaxe creado polo tamén galego Xaquín Marín na revista Teima de Santiago en 1976.

Canto aos EEUU, Gogue foi impartir un masterclass na Universidade de Moorhead en 2005 e deixou unha exposición permanente de Floreano.

Nos EEUU, Gogue goza tamén de sona como caricaturista, faceta na que leva colaborando moitos anos con xornais e revistas como El Tiempo Latino, o xornal en castelán editado por The Washington Post para o público hispano.

Viñeta de Floreano publicada por Gogue hoxe 9 de decembro de 2023 para celebrar o aniversario do personaxe.


domingo, 3 de decembro de 2023

Gogue debuxa un selo de correos con Picasso e A Coruña como protagonistas

O debuxante, ilustrador e caricaturista José Ángel Rodríguez López, Gogue, é o autor do selo de correos conmemorativo da exposición filatélica “Un xenio volve á casa” que organiza a Sociedade Filatélica da Coruña para conmemorar o 50 aniversario da morte de Pablo Ruiz Picasso que se pode visitar desde o 30 de novembro ata o 17 de decembro na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga da cidade herculina.

Trátase dun selo personalizado de tarifa A (para carta ou tarxeta postal nacional ordinaria), do que se encargou unha primeira tirada de 400 unidades, que se debe solicitar directamente a esta sociedade. No selo, Gogue retrata o pintor malagueño coa súa coñecida camisa a raias azuis mentres pinta a Torre de Hércules.

Picasso viviu na Coruña entre outubro de 1891 e abril de 1895. Nese tempo recibiu clases, na Escola de Belas Artes, de Román Navarro, de Isidoro Brocos e do seu propio pai, profesor no devandito centro. Na cidade herculina realizou a súas dúas primeiras exposicións de pintura, sorprendendo pola calidade das obras dun adolescente de só 13 anos. Algúns dos cadros que pintou na Coruña acompañárono toda a súa vida.

Este é o segundo selo que leva a firma do debuxante do Grove. O primeiro foi emitido en 2021 por Correos co gallo do Ano Santo Xacobeo 2021-2022, un selo de tarifa B (para carta ou tarxeta postal internacional ordinaria) protagonizado por Floreano –o popular personaxe de Faro de Vigo que Gogue debuxa desde 1989–, ataviado coa capa de peregrino, o bordón e a cabaza. A súa tirada foi de 160.000 exemplares.




venres, 4 de novembro de 2022

Monchiña vixía a Floreano desde Cambados

A escultura de Floreano, o popular personaxe de Gogue, no Grove (Pontevedra) ten desde hoxe unha extensión en Cambados coa inauguración doutra peza escultórica que reproduce a súa dona, Monchiña. A nova escultura tamén obra de Lucas Míguez (Olimpio Javier Míguez Mosquera), o artista que xa fixera a de Gogue. Ao acto de inauguración asistiron tanto Míguez e Gogue como os alcaldes de Cambados e O Grove, Samuel Lago e José Cacabelos, respectivamente.

A escultura de Monchiña, representada cun rolo de amasar en posición ameazante –sen dúbida, nun aceno dirixido ao seu home Floreano– ubícase no Paseo da Calzada, fronte ao Parador. Está esculpida en bronce, mide 1,80 metros de altura e pesa 200 quilos.

A obra foi financiada a través da Mancomunidade do Salnés, con fondos Next Generation, e pretende establecer unha promoción cruzada entre Cambados e O Grove que leve un fluxo de visitantes dun concello ao outro, consolidando O Salnés como unha comarca de referencia en Pontevedra, Galicia e mesmo o norte de España, segundo destacaron os dous alcaldes.

A escultura de Floreano no Grove érguese na Praza de Arriba, en fronte da casa natal de Gogue. O personaxe aparece reproducido sentado á unha das mesas da súa taberna preferida, a de Epi, cunha cunca de viño.

Gogue, nome artístico de José Ángel Rodríguez López, leva debuxando acotío a Floreano, Monchiña e os outros personaxes da serie en “Faro de Vigo” desde o 9 de novembro de 1989, hai xa 33 anos. Trátase, sen dúbida, dunha das viñetas máis lonxevas do humor gráfico non só galego, senón español en xeral.

Floreano e Monchiña non son os únicos personaxes do humor gráfico galego que teñen unha escultura de seu. O Carrabouxo, a popular creación de Xosé Lois, que se vén publicando en “La Región” desde o 9 de decembro de 1982 –vai facer agora 40 anos– ten tamén a súa no Parque de San Lázaro de Ourense desde 2002. A peza foi feita en bronce por César Lombera e mide máis de dous metros.

O Carrabouxo está tamén reproducido en cartón pedra no Museo de Humor de Fene (A Coruña), onde comparte espazo con outra reprodución de Gaspariño, o popular personaxe de Xaquín Marín, fundador do museo, e cunha máis do propio humorista ferrolán.

Os alcaldes de Cambados e O Grove con Gogue e Lucas Míguez a carón da escultura de Monchiña (fotografía tomada de Canal Rías Baixas).


venres, 12 de maio de 2017

Gogue publica unha ampla escolma de Floreano e Moncho Borrajo recompila todas as súas viñetas

Félix Caballero

O humor gráfico galego vén de enxendrar dúas novidades editoriais, o cal é sempre unha boa noticia: Floreano, de Gogue, e Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo
 Ambos os libros pódense adquirir xa nas principais librarías do país, alén de en diversos sitios webs.

Floreano
 
FLOREANOFloreano (Xerais, 2017) recolle catrocentas tiras das publicadas por Gogue en Faro de Vigo na súa sección do mesmo nome, organizadas en tres apartados: “De mulleres, chiñas, rubias e varios”, “De curas, monseñores e eminensias” e “De tasas, viños e loureiros”. Constitúe a primeira grande antoloxía dos personaxes creados polo humorista do Grove: Floreano, Monchiña, Epifanio, Cachiña, don Ramón o cura, Charito e Fly. Abre o volume o texto, “Floreano, My Way”, limiar de Alberto Avendaño, director de Tiempo Latino, o xornal en castelán editado polo Washington Post na capital dos EEUU. Edítase co gallo do 25 aniversario de Floreano, creado por Gogue nas páxinas do diario decano da prensa nacional en 1989.
Gogue xa publicara nos últimos dez anos dúas escolmas do personaxe: Historias Floreánicas (edición do autor, 2008) e Historias Floreánicas II (Todogrove, 2011).
Floreano é un home campechano, bebedor de bo viño, ao que lle fai feliz unha cunca de viño e arrodearse de amigos. Nas viñetas está acompañado ás veces pola súa dona Moncha, o seu amigo Epi, Cachiña e o cura don Ramón. Con Floreano Gogue fai un humor “tabernario-furancheiro”, que se traduce como costumista, popular, retranqueiro, con referencias puntuais á actualidade informativa. O humorista defínese como “un contador de historias cotidianas y a veces retratista gráfico de actualidad. (…) Mi inspiración se basa en lo cotidiano, en lo que veo y oigo en la calle, en una tienda o tomando un vino” (El Correo Gallego, 13 de setembro de 2014). “Yo hago humor social, para el pueblo. Siempre entresaco algún trazo cómico de una conversación. Por eso, mis chistes son atemporales. Solo quiero arrancarle una sonrisa a la gente cada mañana, para que comience bien el día. A veces también quiero hacerla pensar. Pero casi siempre lo que busco es que me digan: ‘Que chiste máis bo, alégrachesme o café da mañá”. Y creo que esa es la clave del éxito de Floreano y sobre todo de que se mantenga en primera línea tanto tiempo” (Galicia Única, 1 de xullo de 2011).
Floreano acadou logo tanta popularidade que comparte co Carrabouxo de Xosé Lois a honra de ter unha estatua de seu. O escultor Lucas Míguez (Olimpio Javier Míguez Mosquera, Mos, Pontevedra, 1944) inmortalizouno en bronce en xullo de 2011 na Praza de Arriba do Grove, en fronte da casa natal do humorista. Un conxunto escultórico no que non falta nada da viñeta: Floreano, a súa mesa, a cunca de viño, o xornal, as moscas… 
No número 17 de Tempos Novos (xuño de 2015), eu mesmo publiquei un achegamento ao personaxe, comparándoo co Carrabouxo. Prometo colgar o traballo neste mesmo blog moi axiña.

Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo


Resultado de imagen de escolma do humorismo gráfico de moncho borrajoEscolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo (Areosa, 2017) pretende achegar ás novas xeración o bo facer dun artista integral, que axiña sobe a un escenario como se dedica á obra plástica en pintura ou escultura.
O volume recolle todas as viñetas de humor publicadas polo popular cómico de Baños de Molgas nos seus cinco libros orixinais de humor gráfico: Moncho y yo (Planeta, 1980), Moncho y tú (Planeta, 1986), ¡Pobres míos! (Planeta, 1987), Animaliños (Ir Indo, 1988) e Gatos (Ir Indo, 2008), máis algunhas outras aparecidas en xornais. Os tres primeiro libros estaban escritos en castelán e os dous últimos en galego, mais nesta ocasión aparecen todos en edición bilingüe. Trátase, polo tanto, dun exhaustivo repaso a obra humorístico-gráfica de Borrajo desde hai case que corenta anos.  
Moncho y yo, Moncho y tú e ¡Pobres míos! xa foran escolmados en 1990 nunha edición non venal de Caixa Galicia titulada Lo mejor de Moncho Borrajo.
Como humorista gráfico, o cómico continúa a liña de Castelao e Maside, facendo debuxos dentro dun cadro, con texto ou sen el, de liña, pouco barrocos, influído pola estética art decó dos anos 20 e 30 do século pasado. Como adoita acontecer no humor gráfico galego en xeral, é un humor de sorrir, non de rir a gargalladas, que nos fai pensar e –como apunta o propio Borrajo (TVG, 26 de abril de 2017)– dicir: “Carallo como atinou! Este xa sei por quen vai!”.
Resultado de imagen de escolma do humorismo gráfico de moncho borrajo
Referencias bibliográficas
  • GOGUE (2017). Floreano. Vigo: Xerais, 216 pp. ISBN: 978-84-9121-217-1.
  • BORRAJO, Moncho (2017). Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo. As Somozas (A Coruña): Areosa, 424 pp. ISBN: 978-84-697-2409-5.