martes, 28 de mayo de 2019

As pegadas de Castelao en Xaquín Marín

Acaba de saír o último número da revista Grial (221), que trae un artigo meu sobre "As pegadas de Castelao en Xaquín Marín". Tras sinalar algúns paralelismos biográficos e artísticos entre ambos os dous debuxante, recollo unha manchea de viñetas de Marín nas que, dun xeito ou outro, está presente Castelao. Divídoas en tres grupos. As do primeiro son viñetas protagonizadas polo rianxeiro, nas que o de Fene debúxao para o homenaxear ou facelo o protagonista. No segundo evoco algúns cadriños de Marín que remiten directamente a outros de Castelao, é dicir, que están inspirados neles. Finalmente, as do terceiro fannos pensar noutras máis do autor de Cousas da vida, pola forma ou polo contido, aínda que non remitan directamente a elas. Trátase, en definitiva, de pór de manifesto o diálogo que Marín mantén moitas veces con Castelao na súa obra.
Inclúo aquí as conclusións do artigo e as imaxes que o ilustran.

CONCLUSIÓNS

  • Xaquín Marín e Castelao están unidos artisticamente pola cadansúa pretensión de contribuír á creación dunha arte nacional galega baseada na tradición popular.
  • Aínda que o primeiro semelle lonxe da síntese expresiva das “Cousas da vida” do segundo, por baixo da treboada de riscos dos seus primeiros planos –no armazón–, e máis claramente nos seus fondos, latexa a mesma simplicidade.
  • Alén das coincidencias biográficas, relacionadas con Madrid e Badajoz, que non deixan de ser anecdóticas, os dous humoristas presentan unha manchea de similitudes artísticas.
  • Atopamos nos dous a mesma presenza obsesiva de Galicia, mais non dun xeito costumista, senón froito e reflexo dun profundo compromiso coa terra e as xentes.
  • Marín e Castelao coinciden nunha morea de temas (a emigración, o caciquismo, o machismo, o asoballamento da lingua galega, o desprezo da aldea pola cidade…) e de personaxes (labregos, caciques, vellos, nenos, animais…).
  • Os dous teñen unha semellante actitude humorística, que foxe tanto da mera comicidade como da sátira sangrante. Crítican e denuncian, utilizando a ironía e ás veces o sarcasmo.
  • En Marín atopamos de cando en vez viñetas directamente relacionadas con Castelao, ora porque o debuxa ou menciona, ora porque recrea ou reinterpreta unha das súas estampas, ora porque nos fai lembrar outras polo texto ou polo debuxo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario