domingo, 15 de xullo de 2018

El Roto na capa de "El País"

Antes da Guerra Civil, era frecuente atopar viñetas de humor gráfico nas capas dos diarios. Por exemplo, en El Sol, de Madrid, mais tamén en Galicia: Faro de Vigo, Galicia (editado tamén na cidade olívica), etc. As viñetas de Castelao, entre outros, foron capa varias veces neles. Mais despois da Guerra, este costume desapareceu. Nen sequera na Transición, cando o humor gráfico acadou outra vez un pulo extraordinario, lembro viñetas nas capas dos diarios. Supoño que as habería de xeito extraordinario, mais, desde logo, non de maneira recorrente. Por iso, atopar na capa de El País de hoxe (domingo, 15 de xullo de 2018) unha viñeta de El Roto ocupando un lugar privilexiado no deixa de ser noticia e, para os que amamos o humor gráfico, un motivo de verdadeira ledicia. Ogallá se repita máis veces, en El País e en outros diarios, coas viñetas de El Roto e coas de outros humoristas. en Madrid e en Galicia. Aquí, non hai moito tempo, aconteceu en Faro de Vigo cunha viñeta de Davila. Daquela non o reseñei neste blogue. Se cadra, dentro duns días recuperareina para lembrar ese outro momento histórico -polo que ten de extraodinario, como digo-. Hoxe toca celebrar esta viñeta de El Roto na capa de El País.

Ningún comentario:

Publicar un comentario